UA-55725853-1

30 de mar. de 2012

Conxunción (III)

E por fin a foto definitiva, o pasado domingo, que o sábado o ceo anubiado non deixaba mirar nada.

Arriba Venus, brilante, e abaixo, xunto a Xúpiter, a lúa mentireira, que fai poucos días non se miraba porque era nova, e que agora, a pesares de ter forma de “D”, vai medrando pouco a pouco ata que a semana que ven, alá polo venres santo, volva a estar chea.

28 de mar. de 2012

Cuspe extra

Acabo de ter unha pequena discusión cuns amigos co galo da folga e antes, no viño co amigo Henrique e Lupiña, unha parrafada na que falabamos xustamente desas cousas. A cousa é que eles, os amigos, síntense enganados cos sindicatos: representantes que non representan, que non defenden, representantes que pasan de todo, que se aprobeitan da súa posición para conseguir días libres, para prosperar nas empresas.

Penso eu que motivos para cuspirlle aos representantes sindicais hai a patadas, como aqueles representantes que se collen días de vacacións para decir que foron á folga e non perder cartos ou como aqueles sindicalistas representantes de traballadores que alardean de que eles non teñen problema ca folga porque o sindicato vailles pagar o día perdido.

Por iso gustaríame usar o meu blog para pedir algo porque igual que lle esixo ao goberno que retire a súa reforma do escravismo, tamén quero pedir unha reforma íntegra dos sindicatos, para que funcionen realmente para o que son, para que salgan deles os aproveitados, para que os sindicatos representen aos traballadores e que todos nos sintamos representados e teñamos confianza neles.

Listado de cuspes

Xa o dixen fai tempo, que tiña gañas de cuspirlle a moita xente e por iso pensei que sería boa idea facer o LISTADO DE XENTE Á QUE LLE CUSPIRÍA. Xa sei que estas cousas son intranscendentes, que non serven de nada, que ao final se tivese á ocasión non cuspiría a ninguén por educación e sentido común, pero o certo é que estas cousas son exercicios para a saúde mental de un mesmo nestes tempos de depresións, bágoas, decepcións e enfados pola situación que estamos a vivir.

Así que velaivai a lista, que vai ser en plan “do posto número 10 ao número 1”, que sería ao que máis gañas lle teño ou ao que máis lle prepararía o cuspe para que fose o máis grande e o máis cheo de mocos e outras sustancias escatolóxicas (o que comunmente chámase un “galapo verde”).

No número 10, a calquer traballador, currito ou obreiro, que, tendo defendido, exposto en público militancia ou simpatía, ou votado ao PP, agora, despois de aprovada a reforma, poña podre ao goberno ou á propia reforma.

No número 9 a todos os sindicalistas, xa sexan representantes dos traballadores ou non, e afiliados a sindicatos que están en contra da folga e que defenden a reforma do esclavismo.

No número 8 a todos os sindicalistas, xa sexan representantes dos traballadores ou non, e afiliados a sindicatos, que din que van a ir a folga e logo piden permiso laboral ou vacacións para o día 29.

No número 7 a todos os empresarios, patróns, etc que apoian á reforma laboral e que despiden aos seus traballadores alegando absentismo laboral.

No número 6 ao presidente de Mercadona que defende un modelo laboral chinés, con todos os traballadores escravizados, como modelo necesario para saír da crise mentras a súa fortuna medrou este ano pasado.

No número 5 á CEOE que emite comunicados coaccionantes para impedir que os traballadores disfruten do seu dereito constitucional, así como todos aqueles xefes, empresarios, etc que ameazan aos seus traballadores con despidos e outras medidas de presión.

No número 4 ao presidente da Xunta por impor aos traballadores, tanto da que sexan funcionarios como laborais como interinos, da Xunta, unhas reformas nas súas condicións de traballo inxustas e que non van a conseguir aforrar o previsto.

No número 3 ao Conseller de Economía da Generalitat, Andreu Mas-Colell, que sendo el mesmo, e todos os seus colegas políticos, os máis privilexiados de todos e os máis hipócritas e cínicos cando din que os funcionarios son uns privilexiados e que por iso hai que recortarlles os seus dereitos, cando non se recortan eles, de primeiros, os propios.

No número 2 ao presidente do estado español, o Sr. Rajoy que pretende ir de salvador e superman do neoliberalismo, de grande estadista e garante da democracia, reformador valente e sin comparación en todo o ancho mundo occidental, e non pasa de pseudo demócrata de dictadura travestida en democracia de república bananera ou africana, sendo como é un títere ou un monigote nas máns da titireteira maior de Europa, Angela Merkel e o seu axudante Nicolas Sarcorzi nesta gran farsa da crise que patrocinan os grandes poderes económicos do mundo.

E no número 1, o mal nacido membro das Novas Xeracións do PP de Majadahonda, Madrid, chamado Luis Gutierrez, que di que dubida que o fillo de Pilar Manjón fora nos trens do atentado do 11-M. Eu tamén dubido que haxa cerebro na caixa craneal dese ser que non merece aos seus pais e que debería ser privado de ser chamado persoa.

Sinceiramente, que a gustiño quedei!!!

Tres gatos tres

Tres eran tres os gatos de Andrés… neste caso eran tres pero non eran de Andrés, se non de Lupe e Edu. A cousa é que estes pequenos compañeiros das nosas vidas teñen cousas moi simpáticas, non diría que de humanos se non de gatos, aínda que teñen unha personalidade tan ben definida, que parecen máis humanos que moitas persoas.

Neste caso Mecha e Poporrocha ahí parados, os dous irmáns, sen máis, mirando a vida pasar. E Moqui ao seu, unha boa soneca á sombra que vai moita calor. Quen pode non querelos?

Tres Gatos Tres

20 de mar. de 2012

Choiva

Xa sei que non caeu moito pero é moi satisfactorio pasar dous días de choiva despois de tantos días secos, de incansable sol e inapropiado ceo azul, de extraño añorado inverno.

Choveu, por fin, non moito, pero dabondo para poder saír fóra e deixar caer a choiva na cara. E para sacar unhas poucas fotos de choiva no xardín, cas que lembrar que o ceo azul e as postas de sol son fermosas pero que un día de choiva, en certo modo, o é máis. Ou polo menos, para min, máis alegre.

19 de mar. de 2012

Conxunción (II)

E hoxe a imaxe que tirei pola noite de Venus e Xúpiter. Venus e o punto luminoso máis grande, o que está máis arriba e o de máis abaixo e Xúpiter. Xa vedes que Venus é máis luminoso que Xúpiter, pero o tamaño non é tan grande, tan só un pouco máis pequeno, a pesares da distancia enorme á que está da terra.

E qué somos nos ao lado diso?

Se queredes sabelo entrade neste enlace que me proporcionou unha amiga en facebook onte. É un gráfico en flash que nos ensina como é o universo dende o máis pequeno ata o máis grande e onde estamos nos.

Movede o cursor para esquerda de golpe ata o máis pequeno, e logo empezade a movelo para dereita pouco a pouco, a escala vai subindo dende o máis pequeno do universo, dende a escala das cousas que miden na orde de 1 x 10 elevado a –35 metros (cero coma trinta e catro ceros e un un), pasando polos protóns ou neutróns que miden 1 x 10 elevado a –15 metros, polo ADN (1 x 10 elevado a –9 metros), o ovo dunha galiña que mide 5,5 x 10 elevado a –2 metros (0,055 m ou 5,5 cm), ou a maior flor do mundo, a apestosa Rafflesia (un metro). Nese rango, no do metro, estamos nos.

Logo sigue movendo o cursor para a dereita e empezan a aparecer as cousas que son máis grandes que nos, e nos cada vez somos máis pequenos. Para cando aparece a Gran Pirámide de Giza (150 m ou 1,5 x 10 elevado a 2) somos tan pequenos que non se nos mira na pantalla. Logo sae a Lúa, cun diámetro (3500 km) tan só un pouco máis grande que a lonxitude que abarca a Muralla China.

Moito máis grande é a Terra, a nosa única casa, con 1,27 x 10 elevado a 7 metros (12700 km). Cando aparece o Sol (1,4 x 10 elevado a 9 metros (1,4 millóns de kilómetros) xa non se mira a Terra na pantalla. E máis alá, a 17 x 10 elevado a 9 m da Terra atópase a Voyager, o obxecto humano que máis lonxe ten chegado nunca.

A partires deste punto a magnitude das cousas xa é cósmica, xa falamos de nebulosas, do ano luz (9,46 x 10 elevado a 15 m), de galaxias, a nosa mide 1,2 x 10 elevado a 21 metros,  cúmulos de galaxias e cúmulos de cúmulos e finalmente o universo que somos capaces de observar que abarca un radio duns 9,3 x 10 elevado a 26 metros, é dicir 93 seguido de 25 ceros.

A cousa é que no universo, polo menos dende o punto de vista das escalas nos estamos máis ou menos no mediocre medio, ainda que é verdade que hai máis universo dentro de nos que fóra. Vos decades de que si unha hipotética nave que viaxara reducindo o se tamaño 1 m por picosegundo (a billonésima parte dun segundo) e outra que se afastase un m por picosegundo da terra empezaran a súa viaxe a un tempo a do viaxe interior tardaría máis en chegar ao extremo do universo? A nave que viasaxe para fóra tardaría 30000 milenios en chegar ao límite do universo. Iso é pouco... a nave reductora tardaría 3 billóns de milenios en chegar ao punto da escala menor do universo.

Así que, digo eu, qué somos nos comparados con todo iso? Nada e dende ese punto de vista deberíamos empezar a pensar a facer a cousa de outro xeito, máis humilde. Aínda ásí o universo necesítanos porque… se non, quen o observaría, quen se marabillaría cos seus segredos?

Conxunción

Sigo empeñado en demostrar o pequenos e ridículos que somos comparados ca inmensidade dos planetas, do universo, en demostrar que probablemente non sexamos nada fóra do noso guixarro, en demostrar que deberíamos deixar de mirármonos tanto o embigo e mirar máis para as estrelas, porque de seguir así probablemente nunca sairemos da Terra.

Estes días está a acontecer un pequeno fenómeno astronómico a nivel local (si, pódese considerar a inmensa distancia da que falo, que a nosa mente non é capaz de imaxinar nin de comprender, como un fenómeno local), que é a conxunción entre a Terra, Venus e Xúpiter, fenómeno que pode mirarse perfectamente polo serán e ata ven entrada a noite se mirarmos para o oeste.

Eu xa fai tempo que veño observando como os dous planetas vanse achegando pouco a pouco porque, son moito de mirar para o ceo, o oeste é para onde miro cando saio de casa, pero non foi ata o outro día, que o lin na prensa, que me decatei da conxunción. A cousa é que este sábado pola noite, a Terra, Venus e Xúpiter (ao outro lado do sol) atopábanse ao mesmo tempo nun tubo de tres grados de grosor… ou, considerando a inmensidade do universo como un factor simplificante, na mesma liña.

De feito, se mirades para o oeste a estas horas da noite (son as dez e media pasadas) e levantades un pouco a cabeza, veredes dous corpos moi luminosos no ceo, un máis que o outro, moi achegados e que non centellean. O máis brilante é Venus e o outro Xúpiter, o maior planeta da Vía Láctea. Miralos xuntos da unha idea do descomunal tamaño de Xúpiter: entre Venus e Xúpiter hai uns 730.000.000 km de distancia (km arriba ou abaixo), pero Xúpiter é 12 veces máis grande que Venus. Venus está moi preto da Terra e por iso moi ben no ceo, e é por iso que a pesares da distancia, Xúpiter loce no ceo case do mesmo tamaño que Venus.

A cousa é que onte púxenme a mirar as estrelas nunha interesante app de android chamada Google Sky Map, e descubrín outra casualidade… que tamén hai unha conxunción entre A Terra, Mercurio, Urano e o Sol. Claro que esa non será posible mirala a simple vista… a luminosidade do sol impide ollar aos dous planetas xuntos no ceo.

Nesta captura da app do meu móvil podedes ollar o preto que están os planetas. Venus e Xúpiter por un lado, baixo a constelación de Aries, e Mercurio e Urano polo outro na de Piscis.

Os planetas danzan no ceo e nos, na terra, non lles facemos nin caso pensando que os nosos problemas son realmente importantes.

3 de mar. de 2012

Primera foliada Cantos de Taberna

Non empeza mal a cousa. Un bo grupo de xente e moitas gañas de cantar e de troulear.

Se a cousa segue así; pode chegar a ser un bo referente nas noites de esmorga galegas. Pontevedra é un bo lugar para facer este tipo de eventos.

A seguinte a finais de mes, nas Reixas, no Lareira e na Navarra.

2 de mar. de 2012

1 de mar. de 2012

Madreñas

- Señora, desculpe, podería tirarlle unhas fotos…

- E logo para que é?

- E polas zocas, que non é moi habitual mirar a alguén usalas…

- Ah! polas zocas… as madreñas!

- Si, polas madreñas.

Eu afástome un pouco e comezo a tirar. A peixeira posa un rato, fachendosa.

- Mire, non se preocupe, vostede siga o seu, faga como si nada…

- Ah, vale… mire señora – falando cunha muller que se achegou ao posto -  os xurelos son da ría, pero tamén teño fanecas e unha pescada do pincho moi boa…

Volvo a achegarme a ela.

- E logo, que tal se fai traballar cas zocas?

- Ai, é unha marabilla, mira, agora teño os pes fervendo.

- Claro, sequiños, porque leva as zapatillas, non é?

- Si mira…

- E sequiños, porque aí no alto…

- Si, antes andaba no frío e eu cos pes quentes.

- E con tanta auga non lle esvara?

- Non, que lle puxen unhas gomas por baixo, ves? E logo para que son as fotos?

- Pois por que gústame ver como se usan as vellas cousas nestes tempos modernos.

- Home, moi glamurosas non che son pero eu estou moi contenta.

- Glamurosas? Pois xa me contará vostede onde vai atopar zapatos cuns deseños tan chulos como eses?

- Pois tes razón.

- Bueno, déixolle traballar. Moitas grazas.

(Máis os menos, na Praza de Abastos de Vilagarcía o pasado martes)