UA-55725853-1

31 de out. de 2012

Un marciano en Illinois

"Non es como os demais. Teño visto a moitos, e coñézoos. Cando falo, ti mirasme. Anoite, cando dixen algo acerca da lúa, ti mirasches á lúa. Os demais nunca farían algo así. Os demais deixaríanme falando soa ou amenazaríanme. Agora ninguéne ten tempo para ninguén. Ti es un dos poucos que me soportan, por iso penso que é moi extraño que sexas un bombeiro, paréceme que non é o apropiado para ti."

Gustaríame facer unha pequena homenaxe, a un home que me fixo voar polas vermellas chairas marcianas, polas súas canles, polos seus altos montes, soñar que hai marcianos que navegan cas súas lanchas de vento por esas vellas canles cheas de po, que son reais. A un home que me fixo sentir que de verdade foran exterminados todos por nos, pola nosa chegada a Marte, pola nosa ruindade, todos eses delgados marciáns que construían delicadas orfebrerías como follas de prata no medio do deserto.

Que somos un mecanismo que se estropea a si mesmo só polo pracer de ter unha excusa para cando rompemos os nosos xoguetes.

Un home que me fixo entender o horrible que é queimar un libro e que tamén, no fondo, o importante non é o libro se non o que leva dentro, que me fixo ver que a humanidade é un monstro descontrolado, como un buldozer aniquilador, pero tamén que hai esperanza porque temos dúas caras, e unha delas, a dos que prefiren ler antes que queimar, é moi forte.

Un home, en fin, que en realidade era un marciano (xa sei que debería dicir marcián, pero idesme permitir esa licencia) en Illinois, na terra, que unha vez morto gustaría que as súas cinsas fosen esparexidas por Marte… agora xa deu un paso para cumprir ese desexo, porque o outro día entereime, que Ray Bradbury morreu o 5 de xuño aos 92 anos de edade. Un home que non chegou a estudar na universidade e que aprendeu nas bibliotecas…

"Non podes aprender a escribir nunha universidade. É un lugar moi malo para os escritores porque os profesores sempre pensan que saben máis que un, e non é certo. Eles teñen moitos prexuizos. Digamos: a eles lles gusta Henry James, pero ¿qué pasa si non queres escribir como Henry James? (…) A biblioteca, por outro lado, non ten límites. A información está ahí para que a interpretes. Non hai ninguén que te diga que pensar, que te diga si es bo ou non. Descubrelo por ti mesmo."

Un home, en fin, dos que farían falta moitos neste mundo noso. Boa viaxe contador de contos.

PD: cando empecei a escribir este blog fixen unha pequena entrada sobre un dos meus libros favoritos, “Crónicas Marcianas”, e vos apetece poderedes leela aquí.

30 de out. de 2012

Soul Food to Go

Un pouco de alegría para tempos difíciles... que tamén é necesaria, porque a música, dalgún xeito, é o alimento da alma...

E hoxe unha boa enchenta, un pratiño fino, de fai xa uns cantos anos, algo que gustaba escoitar cando eu tiña 14 anos... un tema do grupo de vocalistas Manhattan Transfer, "Soul Food to Go", un fermoso e alegre tema que é en realidade unha versión da canción "Sina" de Djavan.

Tempo facía que non escoitaba isto, unha canción que daquela era un gran éxito nos "Cuarenta Principais"... para que vexades como cambiou todo dende aquela...

Veña, poñede en marcha o reproductor e escoitade isto, para alegrarvos un pouco o día, a tarde, a noite, para que vos apetezca cantar... para que conxuremos a esperanza...

Ooo ooo ah
This be-bop's too much
I know you know
Hip hop
Never stop
I'll pour you tasty funk
We got
Cool and hot
Just for you
The pleasures of the soul
Come on
Come in
And check it out
Ooo c'est si bon

23 de out. de 2012

Eleccións 2012

Despois do desastre e da decepción de onte é hora de pensar, de reflexionar, porque é inevitable chegar a algún tipo de conclusión.

Ou polo menos para min é claro… espero que tamén o sexa para os nosos políticos, algo que eu xa non teño tan claro, pero que de algún xeito e necesario nestes terribles tempos que nos toca vivir… eles, coma nos, teñen que abrir os ollos.

O que eu teño máis claro é que para min o único resultado de estas eleccións é a profunda decepción que me produce o reparto de deputados autonómicos. Si o sistema para escoller aos nosos representantes é o voto, como pode ser aceptable que se repartan tres escanos pola perda de votos? Como poder ser que o PP gañe tres novos deputados simplemente porque perdeu menos votos que o PSOE? É un feito terrible que só ven a demostrar a profunda enfermidade que sofre a nosa democracia e da que unicamente nos, os votantes, os cidadáns, temos culpa.

Non valen escusas, non vale que a corrupción e a falta de verdadeiros líderes políticos son os que producen que a xente deixe de votar porque o único xeito de conseguir políticos honrados, políticos traballadores e realmente preocupados polo pobo é votando. Hai moreas de opcións políticas pero nos, nunha sociedade que celebra a lacazanería e a indiferencia, o egoísmo e a individualidade, non nos preocupamos de coñecelas e aceptamos sen preguntas que nos gobernen dous partidos que sabermos que están cheos de corruptos. Participar na democracia non é nada máis que o eterno xogo de aprendizaxe do acerto – erro.

Porque se participar en política é votar, non facelo e todo o contrario. É darlle feito o xogo aos corruptos, aos políticos que só pensan neles mesmos… eses que xustamente queren iso, o noso desencanto, para que non votemos e podan perpetuarse no seu cargo.

Cómo pode ser que en Galicia a participación nunca suba do 70 por cento? O normal nunha democracia debería ser que a participación fora como mínimo do 80%… e os desencantados que voten nulo ou en branco. Non votar paréceme unha burla ao noso sistema: que escollan outros por min, a min no me gusta o que hai e que escollan outros, tanto me ten o que salga (pero logo durante catro anos seguirei a queixarme).

E logo están as conclusións que deben sacar os partidos… O PSOE e o BNG deberán replantexarse o que son, refundarse, volver as súas orixes.

O PSOE volver a ser un partido de esquerdas, plural e aberto, no que os candidatos sexan escollidos realmente por primarias e defendendo verdadeiras políticas de esquerdas sen medo, porque por ampliar o seu nicho ecolóxico están a perder a maioría dos seus votantes.

O BNG algo parecido, volver a ser un partido plural e aberto, deixar de ser un partido onde unha minoría se impoña a unha maioría, volver a deixar que se escoiten todas as voces e recuperar a capacidade de crear proxectos ilusionantes…

E como non o PP, que leva de prestado tres escanos que non merece, porque si ben o PSOE foi castigado con 230000 votos de menos, o PP, tamén recibiu un castigo similar, perdeu 130000 votos, e polo tanto estanse enganando si pensan que os tres escanos queren dicir que a xente apoia a súa política de recortes. Están moi enganados… e polo tanto o PSOE e o BNG non son os únicos que deberán plantexarse facer as cousas de outro xeito. Esa perda de votos só pode entenderse como unha parte importante da sociedade que non está de acordo con esas políticas anti-crise do PP… acaso un goberno que o fai ben non debería ser recompensado cun aumento de votos?

O malo de todo isto é que estas perdas de votos, estes aumentos na abstención, nos votos nulos e nos votos en branco só indican o desapego que teñen os cidadáns ca política pero polo seu lado ten algo bo: porque só aqueles que se decaten disto serán quen de recuperar a confianza dos cidadáns e ser os nosos verdadeiros gobernantes…

Hoxe comentaba no facebook que non é o mesmo mandar que gobernar. Mandar é o que fai agora o PP ca súa maioría absoluta impoñendo as súas ideas e as súas leis a unha gran maioría da poboación do estado alegando que están avalados pola maioría… gobernar é, independentemente de ter a maioría ou non, ser capaz de lexislar usando a negociación, cedendo para que outros cedan e tan só con acordos.

17 de out. de 2012

Compromiso

Eu teño moito que dicir e por iso quero alguén que me escoite, alguén que faga política dun xeito diferente, que non se comporten como políticos se non como persoas dispostas a axudar a outras persoas, dispostos a facer políticas para todos e non só para os siareiros, e por iso vou votar este domindo día 21 a Compromiso por Galiza. E ti?

13 de out. de 2012

Vamos!

En plena camapaña electoral empezan a chegar as primeiras cartas de propaganda dos partidos... nada interesante agás, mirade vos por donde, o acerto de UPyD de presentar unha soa carta por domicilio, no canto do despilfarro que supón unha carta por cada elector na casa.

E logo... a carta do PP... Di a carta, así, arriba de todo, en grandes letras en galego "Ven e Vamos". O primeiro que pensei foi que tiña que comprobar si "vamos" en galego dise "imos" por que o certo é que en outra parte da carta di, en castelán, "Ven y vamos". Pensei: "A primeira persoa do plural do verbo "Ir" é "Imos" pero tamén podería ser a primeira persoa do plural do imperativo, que se di "vamos"..." Pero é que en castelán resulta que o imperativo é "vayamos", polo que está claro que en castelán usaron os presentes, e en galego, por equivalencia, tamén... así que ao final, cheguei á única conlusión posible... que cando as cousas non se fan con sinceridade, tan só por quedar ben... fanse mal.

Resumindo, que ao PP impórtalle ben pouco o galego, que todo é fachada como ben xa moitos sabemos. Por que non é raro que alguén cometa erros gramaticais... eu cometo moitos... de seguro hai unha chea deles neste texto... o problema é que organismos como un partido político, con recursos como para contratar traductores a mans cheas, cometen erros como estes e logo pretenden enganarnos dicindo que defenden a nosa lingua.

5 de out. de 2012

Así da gusto erguerse cedo...

Non gosto de madrugar, eu son da noite, de ir para cama tarde, por culpa dun libro, dunha película, dunha parola, da esmorga... ou simplemente dun paseo nocturno. Será por iso do diferente, de vez en cando gosto de erguerme cedo... para gozar da tranquilidade das primeiras horas do día, das rúas valeiras e frescas, do café antes de que saia o sol... pero iso era antes porque agora, dende fai case 9 anos, semana si, semana non, o traballo obríagame a erguerme a diario a horas ás que debería estar prohibido...

E aínda así, en días como eses, no traballo, despois de saír da cama ás 4 ou 5 e media, despois de durmir 4 ou 5 horas, hai veces que un vai tomar o café mañaneiro, un café necesario para manter os ollos ben abertos, e atopa que o ceo dános un regaliño que fai desas primeiras horas do día algo especial.