UA-55725853-1

24 de maio de 2013

Dourados momentos

Santa Rita Rita Rita, o que se dá non se quita. E veña, todos, cohorte de Deus, a festexar con santa e apampanada devoción a festividade sinalada no calendario arousán... ata se tes que aparcar o coche de calquer xeito porque en cinco minutos, corre home corre, que non esperan por ti, vai empezar a misa... xa logo o todopoderoso (Picoro, por que o outro non creo, mundanas multas a el!!!) intercederá con recurso divino ante a autoridade competente...

E eu a recoller os dourados froitos das lexións de sufridos veciños, propios e alleos, que asolagan a vila... Sempre se cumple a máxima inglesa: se hai un acto hai que estar no acto, aínda que só sexa por deixarte ver... se hai festa hai que estar na festa, na procesión, nas rúas, pero nas que teñen xente e postos nos que só mirar, nas outras non, e así, os paseos e parques afastados, os miradores lonxanos, quedan balerios de inoportunos maniquíes. Non podía eu deixar de aproveitar tan boa pesca! E mirade o que caeu nas redes ópticas da miña Nikon... dourados raios de sol, estimulantes ráfagas de vento e a cantidade xusta de figurantes...

Dous vellos e unha vella... pensei, que peculiar trío, cando todo o mundo anda en multitude pola vila estes tres retan ao cortante vento do norte e afástanse como cariñosos adolescentes ao mirador da praia, así que, pensei, e non podería ser...? mira que lista ela, seguro que de nova non tería pensado así... pero agora... de ter que escoller ao seu compañeiro nos finais anos dourados, porque non escoller aos dous?

No ar quedou a resposta, pero non o meu agradecemento pola súa figuración... chegaron, posaron e marcharon para deixarme o escenario baleiro, sen máis modelos que o mar, as vellas lanchiñas destartaladas, as áncoras, as algas...

1 comentario :