UA-55725853-1

29 de mar. de 2013

Echeverias en flor (1)

Por fin. As echeveria están a abrir as flores, os botonciños rosas que agochaban no seu interior uns pequenos soles amarelos... así que antes de que lle pase o tempo, sesión fotográfica. Aínda así espero que pase este tempo anubiado e poder ter pronto unha tarde soleada para sacarlle algunha máis...

28 de mar. de 2013

Maratón polo día da Muller en Vilagarcía 2013

Un ano máis, e xa van dous, teño participado na Maratón fotográfica que organiza o Concello de Vilagarcía polo día da Muller. Este ano debido ó tempo que fixo a experiencia foi bastante mediocre: a choiva e o vento fixeron bastante complicado atopar ideas na rúa. Seica ese foi o motivo da calidade baixa xeralizada das fotos presentadas este ano, que fai que as miñas ata sexan boas e todo (en serio, non é por fachendear, calquera que non crea as miñas palabras que vaia mirar a exposición no Auditorio de Vilagarcía...). Agás dúas das fotos gañadoras, moi ben feitas, boa composición, moi ben expresado o tema. Destes dous fotógrafos mirei o resto das fotos e eran os únicos que realmente tiñan fotos de calidade.

Non quero parecer un pretencioso nin dar clases de fotografía a ninguén, pero o certo é que as leccións de Oscar teñen sido moi boas e por iso gustaríame explicarme: eses dous fotógrafos foron os únicos que realmente eran fotógrafos de entre todos os participantes... por que as súas eran as únicas fotografías que xogaban cas leis básicas da fotografía (tres tercios, claridade, focal baixa, xogar ca profundidade...).

E logo estaban as miñas tres fotos... nada do outro mundo pero que comparadas ca maioría...

Tema androcentrismo: Futbolin-a (expresar como o xénero masculino domina todos os aspectos das nosas vidas. O traxe do xogador non está montado por ordenador, é un anaco de papel pintado e recortado e posto con celo).

Tema feminismo: Feminista máis galego... Rosalía (esta foto foi a que menos me gustou. De feito o orixinal presentado era en branco e negro. Agora, en cor, queda mellor).

Tema educación para igualdade: Que dixo que os nenos no xogaban con bonecas? (como contar cunha foto a educación igualitaria de nenos e nenas? Agradecementos a moreas para a amiga Patri e o seu neno Xavi que me axudaron a tirar unha foto que para min e a mellor das tres).

26 de mar. de 2013

Kepa Junkera no Liceum

Fai dúas semanas tivemos a sorte de ver a Kepa Junkera en concerto íntimo e acústico no Café Liceum de Porriño, un concerto de mínimos maximizado pola súa brutal esencia: a soidade de Kepa Junkera cos seus acordeóns apenas acompañado polo percusionista galego Xosé Lois Romero é unha falsedade que oculta unha realidade sorprendente, a beleza dunha música máxica interpretada polos imposibles dedos do intérprete vasco, que demostran que a interpretación minimalista dos seus vellos temas, e dalgúns da nosa tradición, non fai botar en falta a unha grande banda.

24 de mar. de 2013

Vigo en Castelán con Rosalía

Este venres co galo dos actos organizados polo concello de Vigo para celebrar o 150 aniversario da edición de "Cantares Gallegos" tiven a sorte de poder cantar cos meus compañeiros do Coro da ETrad no Auditorio do Concello. O acto foi concevido como unha audición conxunta das escolas de música do Concello misturado ca lectura de poesía de Rosalía e enfocado como unha homenaxe...

Como moitos saberedes, o Coro da ETrad é unha das aulas abertas da ETrad, un proxecto de música coral enfocado á música tradicional galega sen excluir a de outros lugares do mundo. O certo é que temos a sorte de contar cunha excelente directora, Xela, que ademais de facer uns arranxos boísimos, ten con nos unha paciencia e enerxías infinitas.

Despois de medio ano ensaiando nada máis que dúas horas os venres, como podedes comprender, o noso repertorio non é moi amplo... tres pezas, das cales unha é un canto de aguinaldo que interpretáramos polo nadal. As outras dúas son unha peza tradicional galega, "Chote de Leirado" e unha peza tradicional piamontesa "Giuvu d`an bel giuvu". Nin se nos pasou pola cabeza interpretar esta última na homenaxe a Rosalía.

A cousa é que un dos grupos que actuou foi o Coro da Escola Municipal de Música... a miña sorpresa e a dos meus compañeiros, a sorpresa coñecida por min de algúns membros dese coro, e supoño que a sorpresa de moita xente de entre o público, foi que nun acto totalmente enfocado ao galego (pulsade na imaxe de abaixo, que é un anaco do folleto dos actos que inclúo no artigo, e lede ), e baixo o lema común "Vigo en Galego con Rosalía", o Coro da Escola Municipal de Música interpretou dúas pezas, unha delas en inglés e a outra en castelán.

Por certo, segundo me contou unha rapaza dese coro... teñen un tema en galego...

Qué máis podo engadir... como podemos admitir tal grado de estupidez, de vergoña, de insulto á nosa cultura, ao noso idioma... ou incluso á memoria de Rosalía de Castro, unha persoa que escribindo tamén en castelán, tratou de dar ao galego a dignidade que merece? Gustaríame pedir dende aquí responsabilidades e arrepentimentos... pero confórmome con cuspirlle, publica e virtualmente, ao director do coro, unha persoa que non debería se meredora de dirixir ningún coro na Galiza e que mellor faría marchando a facelo aos madriles... non podo concevir excusa algunha para tal demostración de autoodio.

Lede, por favor, o texto do presidente da Fundación Rosalía de Castro e explicádeme como baixo palabras tan emocionadas e cheas de razón pode acollerse un acto que fai delas unha burla descarada?

Que noxo, de verdade, que noxo!

4 de mar. de 2013

Astrouxío

Un pequeno traballiño meu co debuxo dixital... a partires dunha foto do pequeno Uxío, o neno dos amigos Fani e Estevo, que estaba todo guapo co seu mono vermello...