UA-55725853-1

30 de ago. de 2014

Aos meus amigos

Amigos 240814 069

Fai moitos, moitos anos, tantos que nin os vellos do lugar lembran xa, nunha praia xunto ao mar, había un grupo de amigos, e naquela praia xunto ao mar (sei que soa ridículo, pero apetecíame homenaxear a Poe) medraron xuntos e viviron centos de aventuras. E de entre todos eses amigos había tres, tres en especial, que eran inseparables, que se fixeron inseparables, mellor dito, co paso do tempo, e aínda que cada un colleu camiños moi diferentes, souberon atopar, cada un, un oco para os outros dous no seu propio corazón.

E logo pasaron moitos anos e seguiron medrando, por dentro e por fora, e chegou un momento no que xa non eran tan só tres, foron cinco, e logo, algún ano máis adiante, viu Leon, e logo Dani, e logo Olimpia, e logo Hugo e finalmente Raul. E así os amigos pasaron de ser tan só tres a ser dez…

Amigos nenos

Leon

Dani

Olimpia

Sempre pensamos que é unha mágoa porque o tempo non pasa querendo pero pasa, ano tras ano, de vagariño… pero sempre esquencemos que as lembranzas non, sempre están aí a pesares de que non sempre estean ao noso alcance, por moi agochadas que estén. Lembranzas de días de verán interminable ao sol, de baños, deliciosos baños, de tirarse das gamelas, pero con coidadiño, non vaias pisar o risón, de escaparse polo monte buscando agocharse dos vixiantes ollos dos adultos, de días de nubes e xogos na area, de deitarse xuntos nas rochas rindo, contando segredos, de primeiros amores, de longos paseos en bicicleta... Tardes de correr dun lado para o outro, de paseos en zodiac ata as bateas, polo monte, de risos, de brincadeiras… tardes de miles non, de milleiros de complicidades…

Hugo

Tardes, e días, e noites interminables, que de súpeto desapareceron do verán para aparecer, uns anos despois na Semana Santa en Portugal… con aqueles paseos interminables polo camping de Albufeira á luz da lúa, pola praia de Armaçao…

Amigos 220814 064-2

Como non vos vou querer eu aos dous? Con todo o que teño compartido con vos? Ata un corte no beizo por un golpe que non era golpe… tantas confidencias e consolos… Decídeme… como? E as vosas parellas e a eses fillos tan marabillosos que tendes!!!! Non cambiaría por nada do mundo, por cen vidas que vivira, se en cada unha desas vidas puidese volver a coñecervos.

Amigos 220814 097-2

Amigos 240814 056

E é por iso que me sentín tan feliz ese fin de semana. Por que sentín que con vos estaba onde tiña que estar… como se o meu fogar verdadeiro estivese aló onde vos atopedes. Sei que é unha parvada pero no fondo, vos tamén sodes a miña familia. Porque puiden xogar e ser feliz cos vosos enanos marabillosos… enterrarme, ensinarlles… facer de tío postizo… xa sei que non é ser pai, pero quédame a sensación de que non se me daría mal… Son uns nenos encantadores, cariñosos, intelixentes, divertidos, guapísimos os cinco.

Despois dun ano horrible como teño pasado, atoparvos eses días e sentirme como se tivese de novo quince anos foi marabilloso. E non só iso, porque grazas a vos unha persoa moi querida afastou nubes do seu ceo.

Amigos 240814 146

Meus amigos… sei que isto soa cursi pero tanto me ten, non vos boto en falta porque vos levo no corazón.

Amigos 240814 133

Amigos 240814 138

29 de ago. de 2014

Cambio

Hoxe pasoume unha cousa incrible e tan incrible que gustaríame poder compartilo con todos aqueles que ledes o meu blog porque hai certas cousas que é necesario compartir.

Hoxe foi un día malo. Estaba nervioso, moi nervioso, moito, intranquilo, case histérico, e pensaba que era por moitas cousas. Levo varios días durmindo moi pouco pero hoxe foi o peor. Onte non me acostei moi tarde pero como tantas veces que teño traballado de mañá… tardei en durmir. Eran as doce e media e empezaba a coller o soño. Pero logo de súpeto espertei a iso das catro da mañá, e ás catro e media decidín que non pagaba a pena seguir intentando coller o soño… así que levanteime despois de durmir tres horas para almorzar sabendo que me tocaba un día mooooi duro…

E fun traballar e foi chegar e o primeiro problema, a primeira preocupación, discusión cun compañeiro de traballo. Leva días e semanas picándome. Soltándome faltadas todo o rato. Insultándome. Buscando que me enfade e que salte. E hoxe logrouno. Discutimos, saltamos, comportámonos como búfalos… e eu marchei enfadado como un castrón para que a cousa aínda non acabara peor. Logo, máis calmo recapacitei e pedínlle desculpas polas palabras e polos insultos e negueille a palabra de por vida agás por traballo.

Agora, varias horas despois, gustaríame falar con el tranquilamente e o farei. Pero nese momento, nese momento estaba enfadado, durmido e enfadado. E foi pasando o día, pouco a pouco afundíndome máis nos nervios, dun xeito incontrolable, pensando… joder, que merda é todo, e aínda por riba non pasan as cousas que me gustaría que me gustase que pasasen, e non parei de sentirme fatal.

Foise achegando o final do día de traballo e o soño aumentaba moooito, varios cabezazos no volante do coche parado, e entón apareceron as paranoias, que se non tiña nada que ver cos meus compañeiros, que que facía nese traballo co que non tiña posibilidade algunha de facer nada interesante, que se quería adicarme a facer deseños pois que iso ía ser unha tolería, que non ía ser quen, e que tiña que atopar piso pero non ía atopar ninguén con quer compartilo e me estaba sentindo cada vez peor e todo dando voltas na cachola camiño de Vigo onde me atoparía nun piso que non me gusta no que me sinto tan só… que son un ansioso, un insistente, que son egoísta, que non comprendo...

E así machacando os miolos, pola ruta ata Pontevedra, xusto cando estaba subindo polo mega-merda-no de Curro… mirei ao meu medo, esas sensacións horribles, á cara, e decateime xustamente diso, de que son moi insistente, é dicir, como me dixo a miña terapeuta, que son controlador, como certo home do que saiu medio eu… e entón decateime que levo semanas e meses loitando contra iso, pero máis nestes últimos días, contra o feito de que son controlador e que agora que recoñezo ese medo, agora que me enfrento a elo e trato de controlalo e que xa non son TAN controlador, teño… MONO!!!! TEÑO MONO DE CONTROL!!! E claro, por iso estou tan nervioso, tan alterable, tan todo…

E de súpeto… de súpeto… relaxeime, empecei a sorrir, case a chorar, e a enerxía que tiña por riba do estómago e que me facía sentirme tan mal empezou a subirme polo corpo, a recorrelo como ondas pracenteiras, case como un orgasmo, e un sorriso inmenso mandou ao carallo aquela cara de asco que portei todo o día de traballo… e despois de varios días de merda… joder… foi marabilloso!! E de súpeto toooodos os medos desapareceron, un tras un…

E me sentín tan ben que ata parecía que o sol locía máis claro, máis luminoso… máis alegre.

Revisión. Quixera engadir algo... a estas horas de case caer co soño... algo que lle dixen a unha boa amiga: supoño que o feito de sentir esa especie de mono quere dicir que estou a facer as cousas ben. Ao mellor non todo o ben que quixera, pero como xa teño dito... fágoo o mellor que podo.

28 de ago. de 2014

As Portas de Anubis

Creo que a cousa foi máis ou menos así, e si non foi, farei por inventala. Aínda estaba eu no Instituto cando entrou por primeira vez na miña casa a revista do Círculo de Lectores por man dun comercial que ofrecía, como oferta de entrada, mercar un libro e outro máis de agasallo. Daquela na miña casa tan só había un lector obsesivo, eu mesmo, e devoraba libros como quen devora unha ración de pementos de Padrón, porque aínda pasaría tempo antes de que entrasen na obsesión literaria os meus pais.

Así que chegou o comercial aquel (realmente creo que era aquela) e escollín os primeiros libros que se mercaron ao Círculo de Lectores na miña casa: Fundación, de Isaac Asimov, e Relato de un náufrago, de Gabriel García Márquez, en mestura de diferentes sabores. Ningún dos dous defraudoume, pero eu era, son e serei lector de Ciencia Ficción e por sorte naqueles tempos o Círculo publicaba de xeito regular cousas de Asimov e de outros autores do xénero.

Logo pasaron os anos, empezaron a ser poucos os títulos que foran do meu gusto, e xa sendo eu universitario, un día ca revista na man, decidín escoller un libro en particular, e se vos son sinceiro… pois non sei porque, porque o libro tiña un título bastante repelente que non evocaba nada en particular: As Portas de Anubis. E non ter escoitado falar do libro non axudaba, porque, por exemplo, eu sabía de Asimov, escoitara falar, de que era un dos grandes do xénero, pero dun tal Tim Powers, pois como que non sabía nada de nada.

Supoño que foi a miña intuición, ou algo que lin no comentario sobre o libro na revista, porque daquela non había internet para consultar si un libro pagaba a pena ou non. E acertei, vaia se acertei, porque automaticamente, xa dende as primeiras páxinas, aquel libriño entrou no meu panteón privado de marabillas literarias porque absorbeume literalmente ao Londres de principios do século XIX por un deses buratos no río do tempo, vestiume de levita, paseoume polas apestosas rúas cheas de bandas de pillos, mendigos e ladróns sacadas dalgunha novela de Charles Dickens, presentoume a Lord Byron, ao incrible e sorprendente Willian Ashbless e ao encantador e intelixente Jacky… fíxome escapar de magos adoradores dos antigos deuses exipcios…

Porque as Portas de Anubis é un libro de Ciencia Ficción Fantástica Histórica Aventura Thriller Policíaco e Terror Prestreampunk, cunha trama tan ben elaborada que non deixa fío solto, tan elegante que ten luz propia, e tan viva e complexa que se enreda só para logo desenredarse aos poucos, con doses precisas de respostas e desenlaces, como un puzle do que só temos a imaxe enteira ca última peza, que non deixa de sorprender con novos xiros do argumento, e que aínda así mantén un bo ritmo ata o desenlace final, un final aínda máis sorprendente e aberto xusto no momento no que un empezaba a dubidar que puidese haber unha última sorpresa.

E aínda ten máis cousas… viaxes no tempo, maxia tan ben descrita que parece real, feitos reais mesturados con feitos imaxinarios, lobisomes, monstros variados, deuses exipcios, clons, todo mesturado cunha naturalidade e unha mestría que ás veces un dubida se realmente o pasado non foi así. E que personaxes tan ben definidos, o mago exipcio Romani, o demoníaco paiaso Horrabin, o desafortunado Brendan Doyle, que é o protagonista do libro, o misterioso, xigantesco e esquivo poeta Willian Ashbless, o ladronzuelo Jacky e a súa obsesión por capturar a Cara de Perro Joe… e máis, moitos máis personaxes secundarios que fan desta unha exquisita novela chea de escuridade e luz, porque nunca pasou que, pasadas as doce horas da noite, non chegase o novo amencer.

Non quero destripar o argumento. Só contarei que o antigo culto dos deuses exipcios trata de recuperar a súa forza botando aos colonizadores ingleses, e para elo deciden, usando a súa poderosa e terrible maxia, traer de volta, ao Londres do século XIX, ao fai tempo esquecido deus Anibus… pero algo sae mal, Anubis segue esquecido nas mareas do tempo e as consecuencias dese erro… bueno… hai que ler o libro para saber cales son… Só vos digo unha cousa… non sería extraño escoitar a alguén asubiando Yesterdey en pleno Londres victoriano?


Las Puertas de Anubis, 5º edición
Tim Powers
Título original: The Anubis Gates
Editorial: Gilgamesh Ficción
Año publicación: 1983
Nº de páginas: 448 págs
Encuadernación: Tapa blanda
ISBN: 978–84–930663–9–0

21 de ago. de 2014

Mr. Morgan

Hoxe está a ser un día redondo. Botar a andar ca bici e facer un recorrido de 38 km. como quen da un paseo de media hora faime sentir moi ben. Sobre todo cando penso que a metade do recorrido foi practicamente de subida, e xa sabedes como son as subidas neste Vigo noso…

Pero é que ademais, contra todo pronóstico, porque eu hoxe non contaba con facer iso, e porque pensei que o meu corpo pediría papas nada maís chegar a casa, hoxe fun a mirar unha pequena película cunha amiga, unha película chamada Mr. Morgan´s last love.

Sinceiramente, sin ser nada espectacular a min encantoume… conta unha sorte de amor entre un home moi maduro que acaba de perder á súa muller e unha rapaza moi nova que da clases de chachacha.

Quizais é unha peli demasiado tranquila, demasiado pausada, que non desenvolve o guión dun xeito excesivamente interesante, que se deixa levar por xiros esperados na trama… pero o certo é que ten tres puntos que fan dela unha película canto menos interesante. Un, a interpretación dos dous actores principais, ela, Pauline, interpretada por Clémence Poésy, e el Mr. Morgan, interpretado por Michael Caine, un actor que, sinceiramete, para min, nunca defrauda. Xa digo que a peli, posiblemente máis na segunda metade, vólvese lenta pouco a pouco, pero eles dous a salvan ca súa interpretación.

E logo a fotografía… non sei moito de encuadre no cine, iso quedará para outra vida, pero aplicando o que sei como fotógrafo amateur, podo dicir e digo, que esta película ten unha fotografía exquisita. Ou polo menos a min encantoume.

E si que hai algo que me gustaría criticar que é o cambio no nome da película. En inglés é "Mr. Morgan´s last love". Pois en castelán a película queda como "Mi amigo Mr. Morgan"... xa me contaredes que ten que ver iso ca trama. E non queda aí a cousa porque o que se ía transformar nunha deliciosa película en VO... ao final foi un film en VE, co que se perderon a metade dos chistes porque o home, Mr. Morgan, non fala ben o francés...

A cousa é que da película quedáronme gravadas dúas cousas, dúas frases, ou dous momento. Unha das expresións foi… ser a grieta pola que entra a luz… a outra, desentrañar a alguén. Non vou a contar de onde saen non vaia a ser que algún de vos decida ir a mirar a película, pero si que vou dicir algo pensando na miña propia vida…

Levo un ano pechado na escuridade, engaiolado como un loro que non se quere que fale, baixo un telón escuro que non deixa pasar a luz… ata que chegaches ti, e lle fixeches un rachón e comezou a entrar a luz a cachóns… e por iso, digo eu, que encantando me pasaría o resto da vida que me queda por vivir, desentrañando os teus misterios, a túa historia, sen presa, que xa me vou acostumando, pero sen pausa. Se ti me deixas claro. E sei que me vas deixar.

17 de ago. de 2014

Felicidade

Creo que podería ser máis feliz pero estes días a miña cota de felicidade alcanzou bos niveis… dous paseos gloriosos que din, de fuxida da banalidade, do ruído, das aglomeracións e dos excesos, do cemento, da cidade.

Paseo 130814 063

O primeiro deles o mércores. A pe, polos rurais vilagarciáns, por camiños que facía tempo non usaba. Polos Duráns arriba, ata Trabanca Sardiñeira, e logo pasando San Roque, baixar a Carril...

Paseo 130814 072

Pasear tranquilamente por un camiño entre hortas e hortas, fotografar uns xirasois grandísimos, amarelos contrastados contra o ceo azul, comer amoriñas das silveiras ás que lles daba ao meu amor, e logo atopar unha maceira cunhas mazas fermosas, xigantescas, verdes, frescas, que eu xa estaba medio morto da sede e da fame, e todo iso aderezado cun soliño glorioso, non quente en exceso, o xusto, que viña refrescado polo enerxético vento do norte que sempre trae sol e máis sol... e cariñosamente regado con delicado Jazz, ah… iso é marabilloso. Non fun quen de deixar de sorrir en toda a tarde...

En serio... fai falta tan pouco para atopar pequenos momentos de felicidade...

Paseo 130814 077

E logo hoxe... ben, non sei se sabedes pero hoxe foi un día de fuxir de Vilagarcía, cos seus excesos acuáticos, con marabuntas incontroladas de borrachos adolescentes que só saben encher a cidade de merda e máis merda... que vou dicir... que non quería nin miralo, porque o certo é que, como sempre, Vilagarcía quedará chea de merda ata o martes.

A cousa é que agarrei a bici e fuxín por carreiros, por camiños que ían cada vez máis alto, cara o monte, cara o silencio só rachado polo vento que fai abanear as árbores, lentamente, unhas cas outras, ese glorioso son do vento que xoga entre as polas, as follas, que move todo, que leva os malos aires lonxe, que os dispersa… perdínme, empecei a ir por camiños cada vez máis estreitos, máis abandonados a silveiras, fentos e xestas… e de súpeto o camiño acabouse e eu estaba alí ca bicicleta na man, entre os piñeiros, subindo polo medio do monte… acompañado tan só da miña felicidade e do vento que viña do norte, alegre, bailarín, que non traía baleas entre os eucaliptos pero si cheiro a mar, a sal...

Paseo 130814 079

Non podedes imaxinar como a electricidade me subía polo corpo ao escoitar ese silencio tan só roto polo miúdo polo asubío do vento, polo rañar das árbores e practicamente nada máis… e logo chegar ao alto do monte e ollar o Salnés aos meus pes… abríndose á ría… xusto a onde quería que me levasen os camiños, a unha tranquila praia onde rematar o paseo cun refrescante baño, pero sentíame tan tranquilo, tan relaxado, que non quería que eses camiños se acabasen nunca, quería facer como o Barón Rampante e pedalar e pedalar sen saír nunca de entre as árbores abaneadas polo tranquilo vento do norte…

Paseo 130814 082

Paseo 130814 086

San Roque

Paseo 130814 174

Paseo 130814 183

6 de ago. de 2014

Amencer en García Barbón

Amencer en García Barbón 060814 063

Hai días fermosos nos que arde a chama da tristeza dentro dun... e hai días que parecera que esa tristeza saíra fora dun mesmo e acabase no ceo enchéndoo de nubes, e aínda así, neses días de tristezas cenitais, incluso así, a fermosura tingue de lume e alegría o ceo do amencer e do solpor.

E para mostra unha foto do amencer céntrico vigués. De seguro que hai vistas máis altas para sacar mellores fotos dun solpor nesta cidade de pendentes e rúas oscuras... pero esta é a vista que teño ao erguerme. Por sorte a foto foi sacada no momento preciso, na hora xusta, no segundo no que se pasan todas as portas cara o futuro. As portas que xa non se poden volver a pasar cara atrás, sempre para diante. Para ben e para mal.

Claro que cando un mira un amencer así, a pesares desa tristeza cenital do resto do día da que falaba antes, non pode deixar de encherse da alegría e da esperanza de que todo vai ir ben, que a vida está ahí, diante nosa, de que o malo sempre queda atrás, e se non queda, con axuda, sempre con axuda, dun mesmo e dos bos amigos, se pode seguir a vivir. E entón só podes pensar que en realidade todos os males son tonterías, que o mellor que pode facer alguén coma min, coma ti, é loitar e gozar de cada momento porque a vida, por sorte, hai que compartila, iso si, primeiro cun mesmo.

Aurora - Franco Battiato
Album "Apriti sesamo" - Traccia numero 8

Vento, tu che sei passato sul sobborgo
ed hai abbeverato le colline assetate
porta a me le cupe nuvole
affinché le possa riempire d'acqua,
con le mie lacrime.

Borghi, verso i quali s'incamminano le disgrazie
come lupi che s'incamminano nella selva
là, dove ho accompagnato i leoni all'acqua
ed ho visitato tane di gazzelle.

Dietro di te oh mare, ho un paradiso da scoprire.

Dove c'è contentezza e miseria alcuna
se di giorno penso di conquistare
la sera tu me lo rinneghi.

Ho ceduto ai desideri che il mare mi ha proibito di
incontrare.

E farò della mezzaluna un battello
per abbracciare l'ardere del quel fuoco,
e farò della mezzaluna un battello
per abbracciare l'ardere di quel fuoco.

Oh tu Aurora portami la luce, tu Aurora portami la luce.

La Mente è qualcosa di stupefacente, un tesoro,
che soddisfa il desiderio, uno scrigno,
di ogni possibile cosa.