UA-55725853-1

15 de out. de 2014

Cicloxénese da enésima orixe

Noite de cicloxénse e de soidade que gustaríame ter ocupado escribindo poesía épica de emocions e enerxía a flor de pel ou chea de sons románticos que falasen de rúas molladas e fotografías en branco e negro de bodegóns urbanos que intentan describir esa delicada canción, pero non, eu non son quen de escribir poesía, tan só enrebesada prosa, oscura prosa distorsionada polas gotas de choiva que caen sobre o parabrisas do meu coche na ronda eterna que non parecera acabar de darse nunca.

Tan só podo soñar... a non, nin sequera iso, agora ata o soño se me nega con espertares angustiosos e estridentes acompañados de insomnio que vai deixando as súas pegadas no meu corpo, no meu ánimo.

Pero isto xa é o pasado. Hoxe chove na soidade das rúas molladas polas bágoas de escuras nubes que trae o vento violentamente dende o alén, dende terras cálidas que dende o outro extremo do océano fan brincadeira desta noite desapacible, fría, gris, desta terra condenada a un outono húmido, apagado... ou non, porque de súpeto parecera que pasou a tormenta interior, esa que parecía rematar máis aló do infinito do cotío, como se esa tormenta do eu mudase na cicloxénese climática que nos fai esquecer un verán que xa parece moi lonxe, e esa mudación deixa atrás, dentro de min, alegrías, forzas, enerxías que suben dende o máis baixo ventre, polo bico do estómago, e logo polo esófago e se estenden dende alí polo diafragma ata os pulmóns envolvendo así con forza o corazón que fai de bomba e manda directas as enerxías que deixou atrás a tormenta ata a cabeza e entón todo parecera coller sentido e desexo poder escribir, mágoa non ser poeta, pero polo menos escribir todo. Ata as rúas molladas, os xogos das luces atravesando, distorsionadas, as gotas de auga no cristal. A soidade que queda atrás cando un só pensa en acurrucarse con ledicia baixo a manta para ignorar esta noite desacougante... xa está pronta esa hora para min e aínda queda traballo que facer.

Afora a cicloxénese parecera que acougara. Pero non é certo... tan só é un suspiro.

Cicloxénexe 151014 011

Cicloxénexe 151014 018

Cicloxénexe 151014 026

Cicloxénexe 151014 029

Cicloxénexe 151014 034

Cicloxénexe 151014 040

Cicloxénexe 151014 044

Cicloxénexe 151014 048

Cicloxénexe 151014 050

Cicloxénexe 151014 064

Cicloxénexe 151014 074

Cicloxénexe 151014 082

14 de out. de 2014

Ás seis e media

Chámome Eduardo, teño 41 anos e veño de ter unha revelación, non sei moi ben quen son pero tanto me ten, as veces penso que a miña vida ata agora ten sido un desastre pero tanto me ten porque fai uns segundos subindo as escaleiras como nunha espiral ascendente ata a autodeterminación, sentía como a cada paso agromaba na miña cabeza un pensamento, e con cada pensamento unha desbordante enerxía que facía relucir o meu peito. Quero vivir, quero crear e alimentar a miña fame: ver películas, ler libros, pintar, escribir, fotografar, viaxar, e tamén aproveitar todas as tardes en Vilagarcía para coñecer aos meus pais que case nin os coñezo, para ir a pasear ca miña nai que dende que son novo non o volvín a facer, para que meu pai me ensine a tocar a guitarra, quen sabe se ao mellor a pesar dos meus dedos, ao mellor non o fago tan mal. PARA SENTIRME ENTEIRO.

Día 047 221113

Necesito recuperar unha vida miña, e logo ter algo que ofrecer a esa persoa que se achegue a min, para poder compartila con mutua adoración e abraio. Eu co seu brillo e ela co meu, pero sempre despois dos abraios propios, os que veñen despois de observar as sombras que deixa o meu propio resplandor no corredor, os reflexos das luces que sorprendo nos espellos, as faíscas que desprende o meu propio lume.

Ela xa me abraia… xa me ten abraiado dabondo, un ser dunha escuridade con horizonte de sucesos que absorbe todo porque ten unha mochila cun burato debaixo e que aínda así desprende unha luz cálida, fermosísima, acolledora como un abrazo na praia máis fermosa do mundo.

Pero agora é o meu tempo, o tempo de abraiarme a min mesmo, de recuperarme nas miñas fotos, nos meus escritos, na miña propia marabilla. De atoparme a min mesmo porque levo toda a puta vida buscando algo cando ese algo non podía estar máis preto pero tamén mellor agochado: eu estaba e estou dentro dese algo. Ah!, que difícil é mirar o bosque cando se está dentro, e nembargantes, que pouca graza ten ollalo na distancia se un pode perderse polas súa corredoiras, entre os matos e os piñeiros, atopar regatos de puro cristal, descubrir agochados lugares máxicos detrás dos pelouros e nas voltas do camiño, prados de musgo, de fentos, solainas entre as xestas onde facer o amor lonxe de miradas alleas.

Cun mesmo pasa o mesmo. Co fácil, co fermoso que é atoparse a un mesmo paseando polas túas teimas, polos teus medos, fantasías e as túas alegrías, os teus segredos e as túas miserias. Tanto ten se agochas un monstro ou un anxo. En algún momento hai que falar con el, chegar a un acordo de convivencia… o problema, o erro está en loitar e loitar contra ese monstro manipulador e egoísta que levas dentro… é imposible gañar porque estás a loitar contigo mesmo. Sabes todos os trucos do teu opoñente, todas as escapadas, como vai facer todos os ataques e todas as defensas, todo. É imposible gañarte a ti mesmo en frontal combate, é máis, ao final só hai un perdedor. Tan só hai unha opción, un pacto entre cabaleiros de convivencia. Se cadra descobres un día que o monstro non era tal, que tan só era un neno asustado, agochado nas inmensas sombras que el mesmo proxectaba nas paredes da caberna.