UA-55725853-1

25 de maio de 2015

Cousas de nenos

Cóntame o amigo Xoxe Xose Lois D. Lucio​, que onde el vive, no Sixto, en Vilagarcía, cuna dos Campaneiros, gaiteiros de renome, o alcalde, o Sr. Fole, do PP mandou por uns bambáns para que os vellos fagan exercicio uns días antes das eleccións. Que alegría, de súpeto os nenos grandes de O Sixto, por fin, teñen aparellos para xogar no parque que hai do lado do centro cultural! Pero non sexades malos, non pensedes que é por arrincar un par de votos, non... é por boa vontade!

Cóntame tamén que hoxe, día 25, deben de estar de resaca postelectoral no concello de Vilagarcía, pero das malas, das resacas puñeteras que non saen nin co paquete enteiro de ibuprofeno, porque quitaron os bambáns pensando que estaban a quitar a propaganda electoral. Claro que ao mellor, pensando mal, pero moi mal, tamén podería ser que o ex alcalde, ou alcalde en funcións, o Sr. Fole, ou Fole a secas, nun berrinche infantil, mandounos quitar porque "los pagué yo, de mi bolsillo, y si yo no puedo jugar con ellos pues no juega nadie".

Cosas de nenos digo eu.

As fotos foron feitas por Xoxé Lois Lucio no Sixto, Vilagarcía de Arousa, os días 22 e 25 de maio.

20 de maio de 2015

Con Cariño, parte dous

E entón a lectura do relato da que me sinto moi, moi fachendoso... non só do relato, do relato tamén, claro, non é por faltar de humildade, que o relato é bo, é por como o lin que emocionoume ata a min e porque quero agradecer o apoio de moita xente, claro, pero en particular de esa muller que me falou do concurso e que me apoia para que sexa mellor Edu, porque ela é así. Hai moita xente que o fai, claro, que me apoia, que me alenta, pero o dela o certo é que algo maís, é amor, do bo, do de verdade. Grazas a todos. Grazas a ela.

Con cariño

Para facer as cousas con cariño ela ben sabe que hai que dar os pasos axeitados: empeza pelando cada pera con dozura. Córtaas en dúas metades simétricas, arríncalles o corazón sen remorsos, e de cada unha fai lascas como escamas dun peixe desmesurado.

Na pota bota auga fresca, as peras e, neste punto compre precisión, o azucre. Ten claro que ese é o equilibrio do pastel: pasarse pode matar o amargor das peras.

Con coidado pesa 250 grs e logo como nun descoido, acorda e engade 50 máis.

Toca agardar. A cocción ten que ir de vagariño co amor amarelo e azul do lume. Sen presas.

Mentres espera monta o molde: cóbreo de manteiga e sobre a manteiga a masa.

Cando só quedan 10 minutos engade o toque final: unhas pingas de matarratos, pero as xustas, que o cabrón debe morrer cheo pero sufrindo. Con cariño.

19 de maio de 2015

Con cariño

Ás veces hai boas novas que a un lle apetece compartir. Non é por fachenda, ou si. En realidade é simplemente que cando as cousas saen ben, sinceiramente, tamén hai que compartilo. Fai mes e pico participei nun concurso de micorrelatos que organizou o EDLG da EOI de Pontevedra. Tratábase de escribir 150 palabras usando tres palabras escollidas ao azar no momento, e tan só en dúas horas. As palabras eran "pera", "equilibrio" e "cocción". Así que nada, fun ao concurso e o meu relato foi escollido o mellor de todos, algo do que me alegro moito. Non é polo premio, é pola cousa de que o que un escribe ten unha certa calidade. Que pode que un non chegue a ser un gran escritor, pero supoño que algo é algo, non?

E para que podades opinar... pois velaivai o meu relato...