UA-55725853-1

23 de xul. de 2013

Vijay Iyer Trio

Onte fun a Pontevedra ca intención de escoitar bo Jazz pero ao final non foi como eu esperaba... non escoitei bo Jazz... escoitei o mellor Jazz de actualidade. Sempre tiven a sensación, ou mellor dito sempre sentín a terrible decepción de non poder escoitar aos grandes do Jazz en directo, de que iso é algo dun pasado un pouco de conto... que ver a Miles Davis ou a John Coltrane só pode ser algo que che conten... onte desapareceu esa sensación sustituida por unha nova... a grandiosa sensación de que tras escoitar a Vijay Iyer serei eu o que eu conte, no futuro, que vin a un dos grandes unha noite do ano 2013 en Pontevedra. Agardo non sexa a única.

O certo é que levo unha extraña tempada de Jazz... tres tríos tres e os tres formados por piano, baixo e batería. O primeiro liderado polo batería, Ari Hoenig Trio. O segundo liderado polo baixo, un trío da terra, Quim García Trío. E o terceiro, este, liderado polo pianista. Non podo queixarme de ningún deles... pero o certo é que o pianista americano de ascendencia india gaña aos outros con diferencia... acompañado dun baixo como poucos, dos que saben facer sonar o baixo e que logra alternar con maestría as cordas pulsadas co arco, e dun batería que nada ten que envidiar ao virtuoso Ari Hoenig, Vijay Iyer é un pianista exquisito, que sabe apurar as notas do seu piano pero que non lle ten medo ao minimalismo, logrando aforrar notas sen perder interese algún. Un pianista que sabe repartir protagonismo cunha sinxeleza que fai pensar que ningún dos membros do grupo está por riba dos outros...

É unha música... eu, volo digo en serio, houbo un momento en que chorei... cunha peza da que non lle sei o nome pero que foi sublime. A música deles, incluso cando fan versións, é fresca, diferente, alegre a ratos e logo morriñenta, e, a diferencia de outros, resulta tan nova, tan creativa que é difícil de creelo!

Aínda hoxe estou alucinando... as pezas pasan con delicadeza dos momentos caóticos que non resultan para nada indixeribles á melodía principal que claramente estaba aí dende o principio para ir pasando lentamente a un clímax ou varios que che envolven e che arrastran llentamente arrolándote con armonías que pensabas que eran imposibles... aquí vos poño un exemplo... para que entendades mellor o que vos trato de explicar... alucinade e escoitade... e arrepéntidevos aquelos que non poidéchedes ou non quixéchedes ir ao concerto...

Vijay Iyer Trio - The Star of A Story