UA-55725853-1

29 de nov. de 2012

Salamanca 1

A viaxe da que vos falaba antonte non rematou en Verín. Seguiu polos montes orientais de Ourense ata as chairas castelás camiño de Salamanca...

Lupe e eu tiñamos claro que queriamos chegar a Málaga pero non tiñamos presa... así que habendo tempo, que máis tiña parar dous ou tres días en Salamanca?

Eu xa a coñecía... daquela maneira… Con 13 anos paráramos unha mañá de maio cunha excursión do colexio camiño de Madrid, pero só quedaron na miña lembranza unha caveira con ra e unha parede chea de cunchas.

En certo modo os dous eramos primerizos de Salamanca.

E con esa sensación do novo deixámonos levar polas rúas do seu casco vello… pensando que Santiago era a máis fermosa cidade universitaria de España pero que Salamanca… ben, que Salamanca tiña algo… a súa Praza Maior engalanda de terrazas e soportais ateigados de xentes que se movían ao ritmo do sol cual cadrado reloxio de area, escapando da calor castelá do atardecer; ou a Casa das Cunchas, agora biblioteca e ao mesmo tempo obra de arte viva, que aqueles días transmutouo seu patio interior vixiado por pétreas gárgolas e inútil pozo, no reino dos monstros e das fadas, no campo do pozo máxico, no mundo dos contos e das historias.

As cegoñas raiñas de chimeneas, tellados e campanarios como vixias nun mar de terra; ou incluso os seus museos, ata os máis modernos de chamativas vidrieiras “art deco” que parecen competir cas vívas cores do solpor que os mozos e mozas charros de nacemento e de adopción van gozar, unhas veces, a miradores para namorados, como se foran Calixtos e Melibeas do século XXI, e outras a vellas pontes romanas afeitas aos encontros amorosos pero tamén aos culinarios (que llo digan aos morcegos que pasan os días nos seus arcos) e dende as que ben se pode empezar un agradable paseo nocturno pola vella Salamanca.

28 de nov. de 2012

Castelo de Monterrei

Algún día lograrei levar as miñas fotos ao día... algo así como... as fotos de onte nun artigo de hoxe. Pero como levo unhas cantas de retraso pois só podo contentarme con por unhas fotos de fai medio ano.

A finais de xuño naceu a cousiña máis fermosa con forma de bebé, a miña sobriña Clara, en Málaga e como queríamos facer unha viaxe sen prisas fixemos varias paradas... unha delas, a primeira, en Monterrei, no castelo. Eu xa coñecía o castelo, esceario dunha fin de semana marabillosa rodeado de irmandiños, pero ese día tivemos a sorte de atopar a iglesia aberta ás visitas... e atopamos que no interior da igrexia había un fermosísimo retablo gótico aínda con restos da policromía...

Pero quizais o máis peculiar de todo, por si non fora pouco o retablo que é un viacrucis e a figura que ten no centro, é que xusto enriba do retablo hai unha figura da Virxe María preñada... cantos tendes visto nunha igrexa, á Virxe María grávida?

Afora, a entrada lateral, outra pequena sorpresa, tamén gótica e chea de estrañas figuras, aves, un leon ou un peculiar mono e no capitel dunha das columnas que soporta unha das arquivoltas unha serpe con as e cabeza de calabera...

16 de nov. de 2012

Novas

Acabo de ver a nova no periódico... o Ministerio do Interior vaise cambiar o nome polo de Ministerio do Amor, e tamén o de Economía, que vai chamarse agora Ministerio da Abundancia. Ainda non está claro que ministerios van a cambiar o seu nome polos de Ministerio da Paz e Ministerio da Verdade.

Tamén leo a nova de que un investigador jamaicano acaba de inventar unha droga que, segundo as palabras do inventor, cura dez sentimientos melancólicos e que ten todas as avantaxes do cristianismo e do alcol, sen ningún dos seus efectos secundarios. Están pensando chamala Soma. E que fai uns días nunha universidade americana empezaron un experimento para criar humanos en matrices artificiais... vamos... a ostia! Esperanos un futuro de humanos seleccionados antes de nacer! Grandioso! Adeus ás enfermidades, ás taras, ás diferencias... ao azar.

Por outro lado onte escoitei unha nova sobre unha casa en Portugal. Unha familia de clase media con ingresos máis que suficientes. De súpeto o pai quedou sen traballo pero na casa non souberon que facer... e seguiron mercando de todo como antes, e seguiron saíndo a cear moitos días da semana e outros tantos a comer... e tamén de súpeto, as contas non saían como debían saír e os cartos non chegaban a fin de mes. E conta a nova que para poder pagar as débedas, para poder chegar a fin de mes, o cabeza de familia deseñou, axudado por un famoso amigo economista, un ambicioso plan que levaría á familia a recuperar o seu poder adquisitivo e a súa acomodada vida, e a deixar a cero as súas múltiples débedas. A nova remata contando que dende que só comen gachas unha vez ao día, non mercan menciñas e unha nai inexperta trata de educar na casa aos seus nenos, a familia caeu aínda máis para o fondo e a súa débeda non para de aumentar.

Parece mentira pero en outro papel atopei unha historia similar. Outra familia de clase media, unha casa en Canadá. O pai queda sen traballo e á nai redúcenlle o soldo... Igual que a familia portuguesa atopan difícil chegar a fin de mes e nai e pai deciden que pode ser boa cousa reducir o gasto reducindo as compras innecesarias, as ceas e as comidas fóra de casa... e co aforrado non só logran reducir as súas débedas pouco a pouco, tamén logran chegar a fin de mes.

Falando de casas, sabedes que un papel inglés conta que un home acaba de construír, por primeira vez, unha casa ignífuga? Pregúntome... que vai ser dos bombeiros?

E a última nova que lin na prensa é que a partir do ano que ven ao goberno español vaino escoller o pobo de Bruxelas... por decisión da presidenta do estado alemán, Angela Merkel.

O que pode ler un na prensa...

13 de nov. de 2012

Treixadura en Pontevedra

Este verán sucederon grandes cousas... unha delas foi o concerto de Treixadura en Pontevedra co Coro de Cantigas e Agarimos. Non hai moito que dicir cando ocorren cousas tan marabillosas, cando unha praza ateigada de xente entregada por completo goza da súa comuñón cuns grandiosos músicos para crear unha atmósfera e unha noite máxica...



E de mostra... un vídeo do concerto, ao final de todo, con Treixadura e o entregado público tocando e cantando "Fisterra".

12 de nov. de 2012

Pequenas fotos

Este pasado mes de agosto tiven o pracer de participar na XII Maratón Fotográfica de Vigo xunto a 5 persoas estupendas, que ademais de iso son bos amantes de ollar o mundo dun xeito diferente. O certo é que foi unha xornada especial da que teño moitas lembranzas e que teño gañas de repetir.

E ademáis, por si fora xa pouca cousa, vai e gaña o primeiro premio un de nos, Óscar, excelente fotógrafo, grandísima persoa e aínda mellor profesor... que máis se pode desexar?

Se pulsades aquí poderedes ver ao galardonado posando cas súas fotografías… e tamén poderedes ver aquí as fotos de Yoli, que non levou premio metálico pero si o recoñocemento de ver as súas fotos publicadas individualmente en grande formato.

Eu pola miña parte presentei estas outras catro fotografías (agora un pouco melloradas de como as presentei ao concurso porque si que é verdade que me quedaron un pouco oscuras) que non son unha marabilla pero que polo menos teñen un certo nivel artístico.

Da primeira dicir que quería coller a sombra na noite dun elemento arquitectónico urbán pero quedou poco claro porque quizais a saquei moi baixa. Da segunda… ben, era difícil tirar alí, arredor das pobres pulpeiras e é unha mágoa que non saira máis polvo e menos fume (e tamén é unha mágoa non terme lembrado de usar o disparo de ráfaga).

Da terceira… ben, aquí quería xogar con algo diferente… o tema era “refrescante”, polo que a relación da foto co tema é a neveira que lle serve de caseta ao can. E a última, a do tema “cultura urbana”, pois é da que máis contento me sinto pero faltoume un par de detalles… un non ter pechado un pouco máis o diafragma para sacar ao vello maís enfocado (a idea era o contraste entre a cultura do rapaz novo e a do vello) e o outro pois o mesmo de antes, non ter usado a ráfaga… esto é o bo destas cousas… aprender!!!

5 de nov. de 2012

Talabarte e aCadaCanto

Atrasadas fotos de dous concertos do verán vigués na Praza da Constitución... Talabarte e Acadacanto. Unha marabilla, en ambolos dous casos, unha delicia para os sentidos... Quim Farinha e o seu violín, o acordeón diatónico do mestre Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García, sendo Talabarte...

… e Xabier Díaz ca súa máxica voz e o adufe, Guadi Galego co seu fermoso canto, a guitarra de Guillerme Fernández e como non o acordeón de Xosé Luis Romero como aCadaCanto.

Asina para que non suba a luz

Carta da petición:

Como saberá, actualmente preto de 18 millóns e medio de fogares españois estamos acollidos á chamada Tarifa de Último Recurso (TUR) no mercado eléctrico polo que pagamos un prezo que, en parte, está regulado polo Goberno e que se revisa cada tres meses.

Con todo, segundo as últimas novas, proximamente o seu Goberno ten intención de eliminar a TUR, o que suporía a expulsión cara ao mercado libre da inmensa maioría dos consumidores domésticos, que nun 75% aínda gozamos dun prezo regulado.

A pesar das sucesivas subidas da tarifa regulada nos últimos anos, a situación sería aínda peor no mal chamado mercado libre. Como sabe, os distintos representantes das empresas eléctricas teñen pedido reiteradamente incrementos da electricidade do 30%, que non terán ningún problema en aplicar cando quede nas súas mans a decisión de fixar o prezo da luz. Así as cousas, a factura media por fogar, de aproximadamente 753€ ao ano, podería incrementarse até os 1.000€ anuais. Este encarecemento do prezo da electricidade será insoportable para moitos consumidores.

As compañías eléctricas defenden que a "apertura do mercado" redundará en beneficio do consumidor e que os prezos serán máis competitivos. O certo é que, na práctica, o mercado está controlado por tres compañías e, se a TUR desaparece, moito temémonos que o escenario será similar ao dos carburantes, cuxos prezos non fixeron máis que subir desde que se liberalizaron.

Por iso, señor Ministro, pedímoslle que o Goberno se reformule esta decisión e manteña a TUR mentres non se garantan as condicións adecuadas de competencia e transparencia no mercado eléctrico. Do contrario, millóns de familias terán que facer fronte a un importante gasto que afectará aínda máis ás súas maltreitas economías.

Atentamente [O teu nome]

1 de nov. de 2012

Adeus, pequena, adeus

Xa fan dúas semanas pequerrecha pero por fin decidínme a isto... e por fin terminei o vídeo. Para a miña lembranza e para espantar, un pouquiño, a dor. E xa temos un par de prantiñas para ti... Neniña, Poporrichiña, nunca, nunca, nunca te esquenceremos... fuches algo marabilloso nas nosas vidas, sempre buscarémoste na repisa da cociña, ao coller o xamón de pavo na neveira, detrás da porta do salón ou agochada baixo a mesa, nunha silla... e como non os teus saltiños, as túas carreiras mañanaeiras dun lado ao outro da cama para pedir comida... adeus, pequena, adeus.

Noite de Samaín

Que aburrimento máis grande... hoxe é o Samaín e eu traballando...

O bo é que teño tempo para unha reflexión (ou dúas), para sonreir pensando no extraña que é a vida: nada é eterno, todo ten un fin, e ademais, é unha roda, todo volve.

Porque acaso non resulta canto menos cómico que unha antiquísima festa celta, o Samhaín, ca que se celebraba o fin do ano e da estación da luz, ca que se achegaban os celtas ao mundo dos espíritos e aos ancestros, que foi cristianizada como o día de Todos os Santos volva agora a nos, case 1400 anos despois, como a comercial Halloween dende as colonias americanas a onde a levaron os irlandeses como "All Hallow´s Eve"?

Penso que si e penso, rindo o chiste, como de fracasados deberán sentirse alá no ceo, a carón de Deus, sabendo que a súa farsa volvía, en certo modo, a ser unha festa pagá, aqueles primeiros dirixentes cristianos empeñados en cristianizar (transformando festas alleas en propias) a todo bárbaro europeo ao seu alcance.

Pola miña parte, hoxe, só espero que comerades moitas castañas asadas e que chegásedes a algunha conexión especial a carón do lume... se cadra tamén co mundo espiritual.