UA-55725853-1

20 de nov. de 2011

Día de eleccións

Hoxe toca madrugar, dia de elección, a festa da democracia (ja) pero hoxe tamén é outra festa, porque hoxe fai xa 35 anos que morreu un galego tan ilustre como o mesmo diaño, que seguro que o ten, por moito que diga Sabina, na “ghloria” do inferno.

Así que, hoxe, como todos os anos por estas datas poño este vídeo que preparei fai tempo para lembrar o día que España empezou a ser libre e para rir un pouco.

Non quero ofender a ningún amigo meu e por iso non vou relacionar estes feitos cas eleccións. Tan só unha reflexión: realmente pensades que o PP vainos sacar da crise, que o luns os mercados van parar de acosar a débeda española, que a semana que ven vai empezar a baixar a lista do paro? Si é así votade o PP e eu chamareivos ilusos. Pero eu vos diría, parade a pensar un pouco: o PP vai gobernar pero non será mellor que goberne en minoría? No canto de votar o PP podedes votar a UPD ou incluso a EU, ou a EQUO, ou, por que non, ao BNG que ten os deputados máis traballadores do congreso… que pasa por probar?

Veña amigos, a votar e a pasalo ben!!! Feliz día de eleccións!!!

18 de nov. de 2011

Cudillero

Co galo da viaxe a Asturias polo encontro de pandeireta aproveitamos e fixemos un pouco de turismo, incluso gastronómico.

Os larpeiros da TVG quedarían satisfeitos ca nosa comida en La Barrica, sidrería de Vegadeo, moi recomendable, cun menú do día a golpe de sábado por 12 €. Fabada e carrilleras, ou  carrilanas como alguén lle decía, ata fartar. Un local moi agradable e familiar na Rúa Taramundi, 25, en pleno centro de Vegadeo.

A costa asturiana, polo menos a parte que eu coñezo é unha costa abrupta na que é necesario aproveitar os poucos espazos que a natureza deixa para levantar  asentamentos. E esa é a peculiaridade da vila de pescadores, e de mineiros polo que parece, de Cudillero. Observando a estructura serpentina do pobo faite pensar nun río que deu atopado o camiño máis brando entre a dura pedra asturiana para abrirse camiño ata o mar pero non sen voltas e reviravoltas.

Cudillero. Dende o porto podes acceder á parte máis alta do pobo por un longo túnel que debe ser unha especie de desaugue porque por el baixa un regato. É como un atallo para chegar ao porto sen ter que percorrer o pobo enteiro aínda que eu diría que tamén serve para que o regato non baixe polo pobo cando chove forte.

A saída do túnel está nunha estreita rúa que vai facendo eses cas casas ao seu lombo. A primeira impresión é pobre: edificios negros do fume dos coches, igualiño que Pontevedra fai 10 anos, porque segundo parece, ata non fai moito, só había unha estrada para entrar e sair do pobo.

Pero máis abaixo a rúa faise máis peatonal, cambian os edificios en casiñas de vivas cores e a estreita gorxa ábrese nun natural anfiteatro co galiñeiro coroado en verde, co mar arrolando aos barcos de pesca no escenario que é o recollido porto.

Fora desa rúa principal, Cudillero é estreitas rúas con minúsculas escaleiras, pequenas solainas a diferentes alturas, e redes colgadas de aparellos para secar ao sol, recunchos rodeados de fermosos acantilados e unha praza principal ateigada de terrazas de encantadores restaurantes e cafeterías.

En certo modo lémbrame a Malpica pero dada a volta: Malpica colga as súas casas dunha lingua de terra que entra no mar desafiante, como na cara de fóra dunha luba; Cudillero, como o negativo do molde que fixo a Malpica é o seu reflexo no lado interior da luba, tamén con casiñas colgando unhas enriba das outras e redes, barcos de pesca e a brabura do mar ás portas, pero para adentro, acollido no seo da terra que o protexerse do mesmo e terrible mar.

Será presidente...

Sr. Rajoy, supoño que vostede nunca terá o aquel de ler esta carta miña pero iso tanto me ten. É un desafogo meu despois de tantos días de desacougos, de enfados, de sentir que mexan por nos e queren facernos crer que chove… así que tanto me ten si a le como si non.

Mire vostede, xa pasou o tempo das ovelliñas mansas que se deixan pastorear por calquera que teña un bo can. Pode ser que o pobo aínda non espertase de todo pero as ovelliñas xa non pacen tranquilas, xa teñen as orellas atentas, que xa fai algún tempo que o vento do norte lles trouxo o cheiro do lobo, xa saben que o que chove non é nin siquera Sidra El Gaitero.

Posiblemente sexa vostede o próximo presidente do goberno… ou non, que cousas máis raras teñen pasado, pero voulle dicir unha cousa, eu non me alegraría de estar na súa pel. Porque, non sei, despois de mirar a súa foto do mintin de Valladolid do outro día, vostede deixándose levar por unha inusual euforia, a saltiños de home que xa se ve victorioso, dáme por pensar que vostede ve isto de chegar a ser presidente como unha especie de reto persoal, como unha especie de xogo… alguén que leva ansiando algo moito tempo.

Espero que non sexa así, porque, pode ser que vostede teña xa uns bos aforros despois de tanto tempo mamando do teto da cousa pública e que non lle teña medo á crise porque, se goberna, terá un bo soldo vitalicio o día que se publique o seu cesamento no BOE, e ademais no fondo, xa fai tempo que aprobou as oposicións de rexistrador da propiedade, xa pode afundir españa enteira no océano Atlántico; pero a cousa é, penso que xa o sabe, que os milleiros de españois que non están na súa situación ou na deses banqueiros que esperan que vostede goberne como auga de maio, non poden permitirse catro anos cun presidente do estado falto de ideas, de carisma, só movido pola ansia persoal de lograr coller o tarro das galletas no alto do armario.

Porque si vostede pensa que vai gobernar por méritos propios vai enganado: si é elexido será pola incompetencia do goberno anterior; si vostede pensa que vai gobernar polo bo político que é vai enganado, porque ninguén ten boa opinión de vostede, nin no seu partido; si vostede pensa que vai gobernar porque a xente pense que vai ser mellor que Rubalcaba vai enganado: vai gobernar porque a xente está tan desesperada que pensa que cun cambio de partido político xa está todo arranxado.

Porque, e xa remato, desta volta non vai haber fórmulas máxicas como no 96 cando empezou, con vostede como Ministro das Administracións Públicas, a burbuxa inmobiliaria, o boom da construcción. Non vai haber ladrillo para sacar do paro a 5 millóns de españois. Porque os mercados non van deixar de ser implacables ca débeda española só porque vostede goberne. Porque vostede non é Moisés nin vai lograr que aparezan regatos de diñeiro en efectivo para reactivar a economía a golpe de vara no asfalto da Castellana.

Así que vostede saberá o que fai, porque mire, eu nas portas do luns 21 xa miro un letreiro que di “Os que entren aquí perdan toda esperanza”, e porque, pense un pouco, está aquel refrán “Malos virán que bo de ti farán” e xa sabe cal é a opinión que ten a maior parte dos españois do aún presidente Zapatero.

Rajoy I de España

15 de nov. de 2011

Vigo en Alta Definición

Non lembro a primeira vez que fun a Vigo pero si me preguntan sempre contarei como observaba as costas dos edificios da rúa García Barbón dende a saída da autopista mentres esperabamos pacientemente polo final, o principio realmente, da caravana que sempre se formaba cando nos íamos a Vigo no noso Seat 127; ou falarei das escaleiras mecánicas e do mundo interior sen xanelas do Corte Inglés. Pensade que daquela, cando eu era neno, moi neno, as escaleiras mecánicas eran un estraño artiluxio pouco frecuente que sempre que as usaba dábame por pensar que si non me baixaba a tempo sería engulido cos chanzos baixo a ringleira de afiados dentes.

Por iso sempre que penso na miña primeira lembranza de Vigo, penso no paseo que din o primeiro día de vida universitaria. Aquela tarde o único que me apetecía era aproveitar a miña recentemente gañada liberdade paterna e coñecer a cidade camiñando dun lado para outro, por que... unha das mellores cousas da vida e a primeira vez, a sensación que produce a novidade.

Samil sería o destino, porque é deses sitios emblemáticos que a xente nomea cando é o único que coñece dunha cidade, como a Porta do Sol de Madrid ou as Ramblas de Barcelona. Mirei nun mapa que bus podía coller pero, non sei por que, as únicas liñas que atopei pasaban por beiramar así que baixei toda a Rúa Coruña, e diante do estaleiro Barreras púxenme a esperar... pero chegou antes a choiva que o bus, unha tormenta de outono como as que están a caer estes días só que aínda era setembro ou outubro, desas que en poucos minutos cae a auga que debería ter caído no día enteiro.

Votei a correr na procura de agocho e máis ou menos á altura de Peritos pensei en meterme nun portal pero o certo é que de aquela xa estaba tan mollado que tanto tiña mollarme aínda máis así que seguín a camiñar ata chegar a Tomás Alonso e logo crucei Lopez Mora e subín por outro lado ata atopar a Rúa de Chile e logo atopei Camelias e seguín camiñando ata Hispanidade, cada vez máis arriba, sempre subindo, e cando me din conta estaba a pasear polo Castro, pola fortaleza…

De súpeto, sen buscalo, ante os meus ollos abríase aquela cidade que representaba para min todo o meu futuro, aínda que eu aínda non o sabía, como un pequeno sinal da miña vida próxima e sentíame ben. De algún misterioso xeito cheguei ata o Castro, sen querer, para ollar a cidade que agora, vinte anos despois, é a miña casa.

Comecei a baixar sen saber moi ben a onde ía, guiado polo meu sentido da orientación, pero descoñecedor de que estaba totalmente perdido, mentres o día caía pausadamente. Pero aquel era o día das casualidades e cheguei a Rúa da Hispanidade (de novo), logo ata a a Rúa Barcelona (ou unha das paralelas), logo ata a Praza da Independencia e finalmente a Camelias e Praza América. Podendo ter acabado en calquera sitio de Vigo, sen querer, acabei por coller ben o camiño.

Hoxe en día, ollo Vigo e tírolle fotos dela dende A Guía, pero daquela, a principios dos noventa, para ollar a cidade que me tiña acollido subía ao Castro pero despois de esta primeira vez sempre coñecía o camiño polo que tiña que ir.


8 de nov. de 2011

As falas

Que pode haber máis fermoso que a fala de cada un? A fala é a cultura que mamamos no berce, a que primeiro recibimos dos nosos pais. A primeira marca do que chegaremos a ser. Quen renuncia ao que é non sabe realmente quen é.

Unha nena nunha escola
Falou palabras feridas
A mestra nas coñecía,
Nevan folerpas para arriba!

(Aiché, Sihá, Mercedes Peon)

Así que digo eu… na Galiza… en GALEGO!!! E en Asturies… N´ASTURIANU!!!!

2 de nov. de 2011

O gato da Galería

Este é un gato especial. Gosta dos bos combinados e licores, dos mellores tes e cafés. Gosta do jazz, do soul, do funky, do triphop e da música en directo. Gosta da fotografía, da pintura e da boa compañía. Gosta dos recunchos íntimos á luz das lámparas, ou das velas, dun oco onde quentarse, dunha cesta ben abrandada onde deitarse a mirar pasar á xente…

Encontro en Asturies–Ida

Soa de banda sonora da miña vida Quempallou mentres escribo estas liñas sobre a fin de semana pasada que nos levou, co galo do XI Encontro de Pandeireta Galego-Asturiana, a recorrer media Galiza e Asturias en dous días, amais dun sábado noite festeiro e de poucas horas de soño.

Como pasa o tempo, aínda parecera que foi onte cando fóramos a aquel encontro nos Ancares, rodeados de neve, nun pequeno albergue alá na Degrada. Daquela a viaxe de ida non dera para moito, apenas chegar a Degrada e logo facer unha pequena visita ao Piornedo máis un intento de subir ao Porto dos Ancares, intento que rematou con traballiño para por as cadeas ás rodas e guerra de bolas de neve. Desta volta foi moito máis aproveitada, ata houbo café no archifamoso “Rei das tartas”, cun soliño no praza da Catedral de Mondoñedo que tiñas gañas de non te mover dalí en toda a mañá.

Con todo para min, para Lupe tamén, foi unha viaxe de primeiras visitas, empezando por Mondoñedo e a súa catedral, escuro espazo cheo de pinturas e fermosos xogos de luces na pedra. O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e famoso polas esculturas de Mestre Mateo. O da de Mondoñedo polo seu rosetón que só apreciable na súa beleza dende a morna escuridade do interior.

Realmente si os que construíron a catedral esperaban que os fregeses mindoneneses alcances un maior achegamento a Deus co deseño do interior ben sabían o que facían, eran verdadeiros expertos, con esas vidreiras que xogan cas súas luces nas paredes tinguindo a fría pedra de amarelos, de cobaltos, de laranxas… xogos de cores e brillos para elevar o espírito.

E Mondoñedo tamén é cerne de ilustres galegos, como Manuel Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga e os seus compases do himno galego, e como non… Don Álvaro Cunqueiro e o seu fantástico universo. Tan fantástico como unha vella casa esquecida no tempo e que pouco a pouco foi facendo que caeran paredes, teitos, lembranzas… quen esquecería levar os paraugas? Acaso pecharían por última vez a porta da casa un abafante día de verán?

En Mondoñedo está tamén, por certo, a Ponte do Pasatempo, ponte que lembrará o Mariscal Pardo de Cela alí onde fora, ceo ou inferno. Parecer ser que o pobre mariscal fora condenado a morte polos Reis Católicos por un conflito co Bispo de Mondoñedo, aínda que en realidade a cousa parece ser que tivo máis que ver con que o mariscal apoiaba a lexitimidade de Xoana a Beltranexa fronte a opción de Isabel a Católica. A lenda conta que a súa dona conseguiu o perdón real, pero homes do bispo retiveron aos emisarios portadores do perdón (ou a propia muller do mariscal) nunha ponte de Mondoñedo, polo que o perdón non impediu que a cabeza do mariscal rodara polo chan da catedral de Mondoñedo con gran pesar do seu portador.

A seguinte parada da viaxe foi na primeira catedral da nosa terra galega… San Martiño de Mondoñedo, preto de Foz, antiga Sé Episcopal que foi trasladada a Vilamaior do Val de Brea en 1112 pola Raíña Urraca tranformándose así na moderna Mondoñedo.

Foi construída entre o século IX e o XI polo que é a catedral máis antiga de España, cun claro estilo románico e uns interesantes… non sei como se chaman, apoios para os aleros do tellado. Son todos diferentes, algúns son cabezas de animais (un lembra a rá Gustavo), caras, figuras humanas, figuras xeométricas irreconocibles… e, como se pode ver na foto que sigue, unha parella mantendo relacións sexuais…

Podedes miralo? o de arriba parece unha cabeza de año e o outro tamén pero cun certo parecido ao verde reporteiro “dicharachero”.