Xa está... chegou o día 29 de maio de 2015 e foi a final do Terceiro Concurso de microrrelatos do Café de Catro a Catro. E non podeu ser. Faltáchedes vos. O certo é que o nivel era moi grande, todos eran moi bos relatos e algún tiña que gañar. E penso que houbo xustiza porque gañou a miña irmanciña, a miña gran amiga Xirasola co seu fermosísimo "Boneca de Farrapo" que tan agradable foi de collerlle a man a Pauliña, por mais duro que apretara, mentres ela o paría... Que ela axudoume a que eu levase e a bo porto o meu cos seus bos consellos... En realidade estou moi contento: como non ía estar... son finalista dun concurso de mircrorrelatos e penso que o fixen moi ben e que o relato é moi bo. Espero vos guste... vai para todos vos.
Só unha cousa máis... noraboa a todos os que chegáchedes e estivéchedes na final: líchedes todos moi ben e foron todos moi bos microrrelatos. En especial quixera felicitar ás compañeiras de Obradoiro Mª José e Nena, e tamén a Tamara Andrés. E agradecer aos meus apoios... aos meus pais, a Tino, a Carlos e Edu e como non... a Cassiopeia...
Secuencia
Luns. Xa perdeu a conta dos anos vividos na rúa como insípido caracol, de durmir en calquera esquina sobre a súa persoal podremia, só acompañado do viño barato e da eterna culpa. Os resacosos ollos quedan prendidos na mesma casa de sempre e o ruído branco que anubra a súa razón empeza a aclarar, fai que volvan imaxes aos poucos, con preguiza, como unha máquina á que lle custa arrancar. Négaas.
Martes. Pasa o día pegado a un portal noxento ca compaña de varias botellas valeiras e da lembranza da cálida confianza do corpo dela nas súas costas.
Mércores. Varias instantáneas mesturadas crávanse con forza na súa alma: unha paisaxe de montaña, unha posta de sol e máis botellas valeiras.
Xoves. Salta o tapón na memoria, esa molestia persistente nos miolos. Lágrimas de dor mollan as súas barbas perennes mentres rompe con rabia unha botella contra a parede. Non quere beber máis.
Sábado. A insoportable abstinencia trae, inesperada, unha secuencia de película, oxalá o fora: 180 km/h, curva pecha, freada apresurada, o asfalto máis preto, non acaba de chegar o golpe e fundido a negro.
Domingo. O recordo da caída proe no ombreiro. Lembra a moto esnaquizada na veira da estrada. Lembra camiñar, coxear: colle o corpo dela, abre a súa viseira e xusto nese intre, daqueles beizos tan quentes noutrora, esvara, no fume do alento, mentres os fermosos ollos mudan a dúas simples bolas de vidro, o derradeiro “quérote”.
Hoxe na súa boca bágoas confúndense co viño barato. Volve a ser luns.