UA-55725853-1

7 de out. de 2011

Avoa

Durante moitos anos a miña avoa sentaba un metro máis alá, dentro da habitación que non sae na foto, pero ás costas do mundo enteiro, ca mirada perdida nos puntos, nos fíos, nos pespuntes, nas teas, nos ollos de agullas polos que non pasaría nun unha mosca, nas canillas, nos anacos de xiz, nas tesoiras... Eran tempos nos que miña aboa, muller de rabudo carácter só comparable co da miña nai agás pola total falta de tacto e oportunidade, só tiña ollos, fóra da costura, para o meu avó.

Os sons metálicos das tesoiras a cortar, o ritmiño enfeitizante da vella máquina singer que eu diría que aínda traballa…, os silencios atrapados polas agullas entre as teas… as longas conversas con veciñas, amigas, clientas… Lembro en especial cando viña a muller do Comandante… aquela señora de señorial presenza, de bo falar “castellano” pero de indescifrable aceno, que sempre era tratada efusivamente e que todos coñecíamos como a Comandanta… Sempre pensei que era a dona do Comandante Militar de Vilagarcía pero agora que o penso… ao mellor o marido era simplemente un comandante do exército.

Aquel vir e marchar de persoas a todas horas resultaba ás veces pesado, eu desenrolei o vicio de pecharme na miña habitación nas visitas máis insoportables, pero logo un decatábase de que a casa, sen esas visitas quedaba totalmente valeira.

Daquela, a hora na que a luz non daba para seguir cortando e cosendo, cosendo e cortando, marcaba o momento de dar a volta á vida, de enfocala cara o outro lado, cara o exterior, cara a rúa. Entón miña avoa cruzaba a porta ás súas costas e asomábase ao balcón para esperar a volta do meu avó.

Agora miña avoa, viúva, ca vista minguada de tanto perderse nos puntos, nos fíos, nas agullas, pasa a vida unicamente nese lado da porta do balcón. Moito lle gusta (e lle gustou) a ela iso de mirar, dende a distancia, como pasan a súa vida os demais. Outro defecto da miña avoa, ter que enterarse de todo. Supoño que o que facemos na vida é, no fondo, o que somos: ela, que vestiu a tantas persoas na súa vida, que pasou o seu tempo enredada entre costuras, agora entretense cos fíos das vidas das persoas que van pasando por debaixo do seu balcón.

Ningún comentario :

Publicar un comentario