Patos, patos, grullas, avestruces e pavos reais, son algunhas das aves que un pode atopar se vai de visita ao zoo de Vigo. Non pode un esperar moito máis porque, estando moito mellor que fai uns anos, non é máis que un pobre zoo que non ten moito que ofrecer, e porque non deixa de ser un zoo, un espazo con animais engaiolados.
Pero o caso é que xa estando no zoo pois hai que aproveitar e tratar de tirar unhas boas fotos porque certamente faise complicado fotografar animais, así, dese xeito, no seu medio natural.
Observades o detalle das prumas? Ese nivel de detalle non o tería logrado de fotografar os patos nun estanque… ou esa pata iluminada co anel?
Patos, gansos… ou ocas… que non son quen de diferencialas.
Observades o delicado prumón, a forza e dureza do peteiro, e a oscura produndidade do ollo?
Tanto as ocas como os patos non teñen gaiola, tan só valado que lles impide sair, porque xa non poden voar, fai tempo que lles quitamos esa posibilidade, capadas, outro xeito de engaiolamento.
Estas son moito máis grandes… avestruces, tampouco voan pero non porque se lles impida voar, porque perderon a posibilidade fai motísimos anos. Elas prefiren correr…
Para as avestruces o espazo si que parece limitado, e por iso pregúntome que suporá para elas este espazo tan pequeno, lonxe das chairas africanas…
E estas dúas grullas… fermosas e delicadas… completamente engaioladas, pero aínda así fermosas. Grulla damisela chámanse.
Non desexarían espazos libres, lagoas, aire, ceo? Non soñarán con todo iso?
E por último os pavos reais, un macho… Pavo cristatus, cas súas marabillosas prumas, que por moito que pensemos, non son as da cola, son prumas do lombo.
Antes os pavos andaban libremente polo xardín do zoo pero agora están tamén engaiolados como os demáis paxaros.
Non é unha mágoa tanta beleza entre reixas?
Ningún comentario :
Publicar un comentario