UA-55725853-1

13 de abr. de 2013

Mercaderes do Espazo

Ten este nome tan pouco orixinal o último libro que lin de Ciencia Ficción. Tan pouco orixinal ou tan pulp... mais en realidade tan da súa época... porque este libriño foi escrito en 1954. Daquela o home aínda estaba soñando con saír algún día da atmosfera terrestre. Pensade que a carreira espacial empezou oficialmente no ano 1957 co lanzamento do primeiro Sputnik que sería o primeiro satélite artificial en alcanzar con éxito unha órbita arredor da terra e que aínda pasarían catro anos máis, 1961, ata que un home, Yuri Gagarin, saíse ao espazo exterior por primeira vez.

Pensade que era aquela unha época de soñar con aventuras espaciais, de imaxinar un futuro entre as estrelas, no que aínda se podía contar todas as historias galácticas que nunca se contaran porque o futuro quedaba moi lonxe... historias que a un tempo desbordaban imaxinación pero que tamén estaban cheas de inxenuidade. Supoño que de aí o título: cando collín o libro por primeira vez imaxinaba eu unha saga espacial do estilo das Fundacións de Asimov ou do Hyperion de Simmons, pero levei unha pequena decepción... si que fala de mercaderes, pero do espazo nada de nada. Moito título para tampouco libro.

Pero logo, fai unhas semanas, decidín quitalo do medio, que tampouco era tanto libro, tan só 250 páxinas, e entón entendín que tiña un libro ao nivel de Crónicas Marcianas, Faranheith 451, Un Mundo Feliz ou incluso 1984. Pero ao contrario que as outras, por sorte, dentro das novelas distópicas, o mundo de "Mercaderes do Espazo" é real...

Hoxe gustaríame escribir unha entrada que todos lerades e que chegase ben ao fondo do que quero contar porque o certo é que a humanidade libre corre un grandísimo perigo: non sei si Nostradamus foi realmente un profeta, pero vou demostrar que os autores deste libro, Frederik Pohl e Cyril M. Kombluth si que o foron, como tantos outros autores de ciencia ficción. Por iso, seguramente esta entrada do blog sexa densa e levarame tempo escribila e limpala. Se ao final non son quen de facer algo agradable de ler, pídovos que o fagades igualmente.

Penso que debo empezar contando o que é unha distopía. Poderíase dicir que é o antónimo de utopía, pero o máis correcto sería dicir que é unha utopía negativa, é dicir unha sociedade ideal pero que está pervertida. O máis claro exemplo é 1984, a terrible novela de George Orwell da que xa falei nunha entrada no Vello Morrocantando. Tamén é unha distopía Mátrix: igual que en 1984 ou Un Mundo Feliz, a humanidade é supostamente feliz pero iso non é certo, porque o prezo a pagar é moi alto, que a humanidade renuncie a parte da súa esencia, a súa liberdade, igual que o home ó que se lle fai unha lobotomía perde parte da súa personalidade.

Mercaderes do Espazo é unha novela distópica. O sistema económico controla totalmente ao sistema político e as grandes compañías son as que dirixen aos estados nunha sociedade de castas: executivos, publicistas, productores-consumidores, e na que os máis grandes luxos combínanse cas máis terribles carencias. Os coches son vehículos a pedais e a comida de orixe natural é un luxo, todo combinado cunha espeluznante falta de recursos e a contaminación do ambiente que ten alcanzado tales niveis que unha xoia de luxo é un anel de madeira.... O único que importa é o beneficio e que os traballadores compren o que as compañías producen.

O aderezo desta amarga ensalada é o total convencemento de toda a sociedade de vivir nun mundo feliz.

Pronto os obxectos de luxo serán máis fáciles de conseguir e máis baratos que os artígos de primeira necesidade dicía George Orwell, e esta máxima que é completamente certa para a novela, empeza a parecer un feito real da nosa sociedade... porque... acaso non estamos camiñando a unha sociedade ultracapitalista onde o máis importante é producir e vender e sacar beneficios a calquera prezo? A unha sociedade que é dominada pola publicidade para lograr eses fins? Canto falta para que os governos sexan dominados totalmente polas corporacións multinacionais? No mundo de Mercaderes do Espazo todos os servizos teñen sido privatizados, ata a policía... non é ese un dos principios da brutal economía neoliberal que está a afogarnos?

Cal é o obxectivo real desta crise que nos afoga se non lograr unha sociedade ben estratificada de traballadores-consumidores por un soldo mínimo que traballen para a elite das corporacións mercantiles? Estes días teño asinado unha petición para limitar o poder de Monsanto e os seus tranxénicos: de seguir polo seu camiño, as empresas da tecnoloxía xenética dos alimentos levarannos a unha sociedade alimentada a base de proteínas manufacturadas e pouca cousa máis... alguén sabe o que é o Soylent Green?

A personaxe principal do libro, un publicista que traballa para a maior corporación do mundo, cae en desgraza e vese privado totalmente dos seus privilexios vivindo como un membro máis da casta máis baixa e entón empeza a abrir os ollos e a decatarse de que realmente o seu mundo non é un mundo feliz, que iso non é máis que unha ilusión e que cando un levanta a alfombra a merda que alí hai é un monstro imparable. Así, pregúntome, cando nos imos decatar nos tamén de que xa vivimos no mundo corporativizado de Mercaderes do Espacio? Máis nos vale que espabilemos canto antes porque entón descubriremos demasiado tarde que o inferno é real e que as distopías tamén o son, que unha novela de fai 50 anos é en realidade unha crónica dunha realidade anunciada.

Non podemos deixar que nos metan o medo nor corpo, temos que loitar pola nosa Terra e polas nosas liberdades, con escraches, con recollidas de asinaturas, con hortas comunitarias... co que sexa! Ata lendo: na lectura está a nosa salvación (algún día quemarán libros para facer máis fortes as nosas cadeas) e por iso penso que debería ser obrigatorio ler como mínimo estes catro clásicos da ciencia ficción: 1984, Un Mundo Feliz, Faranheith 451 e como non, Mercaderes do Espacio.


PD: non pensedes que o libro e pesimista, non, ten un ton incluso gracioso, irónico e ao final... non remata tan mal...


MERCADERES DO ESPAZO
Autores: Frederik Pohl e C. M. Kornbluth
Ano: 2008 (1954)
Editorial: MINOTAURO
Colección: Clásicos Minotauro
Descripción: 250 págs., en rústica en cartoné
ISBN: 9788445076958

Ningún comentario :

Publicar un comentario