UA-55725853-1

28 de ago. de 2013

San Roque ten morto... longa vida a San Roque

Sen falta, a cidadanía vilagarcián debe tomar unha decisión inevitable... é necesario cambiarlle o nome a nosa festa maior... xa non pode ser San Roque, nin a Festa da Auga, nin pode seguir a ser Festa de Interese Nacional. Non pode ser porque San Roque morreu baixo toneladas de lixo, de botellas rotas e valeiras, baixo litros e litros de alcol verquidos nas súas rúas que nin as augas que a refrescaron foron quen de levar. San Roque morreu, e con el a Festa da Auga... e a rei morto, rei posto... Viva o novo rei Megabotellón de Arousa Party!!

Hai que deixar paso á modernidade, aos novos tempos e nestes que veñen, de rapaces desalentados e desencantados co negro futuro que ven, beber ata reventar é tan importante como comer ou durmir todos os días... o alcol sustituíu á verde esperanza das posibilidades futuras, porque onde non hai posibilidades tampouco hai esperanza. É mellor beber e beber ata caer e durmir en calquer lado sen máis preocupación que a resaca que virá ao día seguinte ou se hai outra nova festa. Mellor que...? mellor que calquer cousa que veña porque de seguro que o que ven é unha verdadeira merda... Prince debería engadir unha nova frase ao seu mítico Times...

O peor é que realmente os novos da nosa sociededade tan só reflicten o que teñen diante: coidado co que dis, os nenos escoitan. Os rapaces adolescentes tamén. Temos unha sociedade despreocupada, que non se para a pensar nas consecuencias, dun individualismo demasiado xeralizado, e da que o primeiro desencantador é o noso governo. Neste caso o municipal. Vale, aceptamos que o macrobotellón no que se ten transformado a festa de San Roque en Vilagarcía é incontrolable, que só pode morrer por el mesmo... entón, que hai que facer? Colaborar con el... e nese sentido, si hai algo peor que o macrobotellón iso é a desidia municipal: cómo pode ser que ao día seguinte da superfesta aínda estivese sen recoller a maior parte da merda que deixou atrás? Esa mesma tarde limpáronse a rúa dos viños, as rúas polas que pasaría a procesión e a praia (daquela maneira)... e só ao día seguinte o resto... non podedes imaxinar o deprimente que era Vilagarcía cos paseos marítimos cheos de xente e cheos de merda. Tristísimo. E todo para que? Para que os locais de copas, os restaurantes, os bares fagan caixa? Cal é o custe real? Que custe ten a merda acumulada durante días? Tanto custa contratar á xente necesaria para deixar Vilagarcía completamente limpa a última hora da tarde? O problema é a xente pero tamén os políticos que non asumen as súas responsabilidades.

Se esta é a sociedade que eu teño contribuído a facer, eu cada vez teño menos gañas de vivir nela, rodeado de xente desencantada tola por atopar con que evadirse e chea de políticos incompetentes que non valen nin están preparados para os cargos que ocupan e que o único que fan e aproveitarse do medo e da indiferencia da xente. Canto lixo!!!

Ningún comentario :

Publicar un comentario