UA-55725853-1

20 de feb. de 2015

Carta a Edu

Fai tres meses coñecín a unha persoa moi especial. Coñecín a Paula Xirasola e como consecuencia coñecín ao seu marido. Chisco. Foi un día 11 de decembro. Non podería esquecelo. Logo pasou un mes enteiro, pasou o curso de Escritura Creativa onde coñecín a a outras persoas marabillosas e chegou o día 11 de xaneiro… e entón apareceu Cassiopeia, outra persoa especial, outra persoa xenial. Xusto nesas datas, un día antes, Xirasola mandoume un reto moi fermoso… contar porque escribo, porque me encanta escribir.

E agora, a piques de facer un mes que coñezo a Cassiopeia, vai esta muller que é como unha constelación imparable de pensamentos e actividades, e mándame tamén ela un reto incrible… di ela que non lle gusta o relato "Carta ao idiota que está dentro do teu corpo”, que ese serviu para desafogarme e como vía de escape nun momento malo, pero que non lle gustou. Parafraseándoa, claro… ela o entenderá.

Que, e sigo a parafraseala, ela sostén, que agora que estou mellor, debería escribir o novo Edu, ese que está fachendoso de adelgazar e está ledo, para aumentar a súa propia autoestima e reforzala.

Pois acepto o reto… Cassio… velaí vai unha nova carta, para min mesmo.

Mira Edu, a vida é, ás veces, como un pequeno verme, que fai un casulo e sae convertido en bolboreta. Esas metamorfoses poden ser grandiosas e outras mínimas, case imperceptibles, pero sempre, sempre, é bo sufrilas. O malo é ser toda a vida un verme, non decatarse de que é necesario avanzar. A túa foi, a lo menos ao teu propio nivel, importante e dura. Longa. Ben sabes o que che custou.

Un día ese verme que ti eras teceu un casulo con fío de arame, no máis duro dos tecelás, no da dor absoluta e abafante, no da desesperación, un proceso longo, tres meses nos que, ás veces, pensaba que non ía dar terminado nunca, pero ao fin, daquel noxento espazo minúsculo saíu unha bolboreta: un mozo rexuvenecido, un home que era o mesmo pero distinto e que deu pechado, non era sen tempo, esa porta pola que entraba na súa vida unha marea de lodo e lixo que o único que facía era escurecer os seus ollos e o seu entendemento. E sabes que? as forzas para pechar esa porta saíron del mesmo, aínda que ben certo é que recibiu a axuda de moita xente. Agradecido terás que estar, porque ese home es ti.

Agora, a piques de facer un mes que coñeces a Cassio, podes mirar para atrás, podes ollar os días pasados. Ves que durante corenta anos fuches un verme? Se miras un pouco máis adiante, ves alá ao fondo o casulo baleiro, ese casulo feito de tristezas, aburrimentos, desesperacións e obsesións. Ves como del saen alegría, vitalidade, felicidade, seguridade. Mírate no espello da túa alma: o Edu de agora é unha fermosa bolboreta, non ten nada que ver... notas a diferencia? goza co tempo só na casa, non se preocupa chamando á xente para ter compaña, nin rompendo a cachola con pensamentos inútiles. Quérese máis? SI, quérese moito. Aceptou que ten unha vida boa e por fin non necesita comparala cas vidas dos demais… para que? Non é necesario: ese Edu que saíu do casulo, con terrible esforzo de parto, sábese grande, hábil en moitas cousas... un soñador, un romántico, un artista, un home fermoso e intelixente.

Ves como quere vivir a súa vida, ser fiel a si mesmo? Xa sabe que agora a xente vaille responder sen ter que buscala, sen medo, como Xirasola ou Aurora, como Ton ou Sara. E mira Cassiopeia… ou Edu… canto menos se preocupa máis logra… Por fin o que pensa encaixa á perfección co que é, un home marabilloso cunhas xigantescas e fermosas as cas que voar sen medo. E si, sábese coñecedor desa parte escura, esa parte que depende dos demais, que busca sempre a atención e a aceptación dos outros, pero xa non lle importa, porque o único que importa é o presente, admirarse a si mesmo, amar e querer á xente ca que comparte a súa propia vida, a ser o mellor compañeiro e amigo posible.

Ese Edu es ti. Son eu, e é o Edu que eu quero ser, que son…

3 comentarios :

  1. Que ledicia ler estas verbas! Grande Edu! Moi grande. Sabes que es unha persoa marabillosa ainda que as veces che custe creelo. Que bonito ler esto, que te viu e quen te miraaaaaaaa . Ole ole e ole. Por certo, eu tamen apuntome a este reto

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois veña... quero leelo... xa sabes que eu tamén me sinto moi fachendoso de ti!!!!!

      Eliminar
  2. Eu estou de acordo con este Edu, parabens.

    ResponderEliminar