UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Tren. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tren. Amosar todas as publicacións

21 de mar. de 2014

A estación indiferente

Entre as sombras do anden da esborrallada estación agóchase do rabioso sol das primeiras horas da tarde un home enfundado nun rectilíneo traxe do Corte Inglés. Leva garabata e camisa, todo en tons grises que destacan como un insulto contra as decadentes variedades de marróns, laranxas e amarelos do edificio, contra a enerxía da paleta de verdes do fondo que envolve á solitaria estación de pobo perdido. Nos pes do home, xunto o maletín, o po dos camiños fixo mates uns zapatos negros que pola mañá relucían con fachenda de betume fresco e nas mans, en funda de imitación de coiro branco, como un pequeno caderno, un móbil que reclama toda a súa atención.

Non é unha estación nova, brillante, aséptica, de centro comercial apegado con salas de cine baleiras e posto de venta de fundas de móbil ao carón das escaleiras mecánicas, nin desas que ven subir e baixar a moreas de viaxeiros indiferentes e cansos a ducias de trens ao día.

É unha desas vellas estacións aínda tocadas con madeira nas portas e ventás, tamén con madeira no tellado do anden que aguanta impasible o paso do tempo sobre oxidadas pezas de ferro que parecen ramas de vide, desas vellas estacións con paredes de pedra que lembran que nalgún momento foron pintadas con delicadas cores pastel, desas que teñen farois decimonónicos e reloxo e alto falantes que fai moito tempo que non andan, con eses bancos de listóns de madeiras que tan cómodos resultan para botar unha soneca mentres non chega o próximo tren. Desas estacións con chan de mármore, pulido polo paso do tempo, no que os escasos viaxeiros deixan ecos de pegadas eternas camiño do anden. Desas vellas estacións, silenciosas e frescas, que son como igrexas pagás levantadas para adorar a esquecidos deuses de ferro e vapor.

Unha estación perdida en ningures, xusto nese ningures que é un fermoso campo de centeo dourando ao sol do verán e abaneado pola lixeira brisa que de cando en vez daría un pequeno respiro aos atrevidos, de habelos, que non están na segura escuridade das súas sestas… Tamén refrescaría ao charramangueiro home do traxe gris, se por un intre esquecese de mover os dedos gordos pola pantalla do móbil e deixase a sombra do anden. Se cadra, entón decataríase do centeo amarelo, dos pes de millo aínda verdes, dos piñeiros insignes de pequenas follas esmeralda, da fresca carballeira do lado da estación que tantas foliadas terá visto nos seus tempos, do azul que o envolve todo como papel de agasallo e que de cando en vez cruzan pequenas nubes de algodón camiño dalgún lugar onde xuntarse todas para mollar afastados campos.

De que do outro lado das vías hai unha pequena horta cun espantallo. Ten chícharos e cebolas nun recuncho e tomates e pementos no outro. Do lado da horta, a afanada dona, lembrando que tamén hai que alimentar a alma, ten plantado flores de cores variadas. Tampouco iso chama a atención do home que aínda agarda indiferente polo seguinte tren ca mirada perdida no móbil.

Pasan as horas e con elas a calor do comezo da tarde. No camiño que leva á estación xa teñen pasados varios veciños, uns de paseo, outros con feixes de herba. Alguén deixou no prado que hai máis alá da horta, dúas cachenas, esas vacas pequenas de longos cornos, que agora pacen tranquilamente baixo a sombra dos piñeiros. Na horta, unha muller miúda traballa os regos cun legón mentres lle fai compañía un can de palleiro que descansa pacientemente na herba do lado do camiño. Xa se escoitan cantos de paxaros… as pegas xogan por riba do millo e no anden, preto dos pes do home moderno, peteiran no chan, sen medo algún, uns alegres pardais.

A sombra do anden comeza a recuar e o ceo, fai pouco pintado de azul enérxico, vai deixando paso aos dourados tons do serán. Cego aos laranxas, amarelos e vermellos segue a agardar polo tren o home co seu caro e impecable traxe gris e o seu aínda máis custoso móbil cheo de aplicacións, cores en pantalla superamoled HD, paxinas web, teclados “qwerty”, mensaxes instantáneas e cámara de 50 megapíxeles de resolución.

Por fin cae o sol e érguense as sombras que anuncian o luscofusco. Xa marcharon a muller e o can, e no prado un home turra da parella de vacas pequenas de grandes cornos. Os cantos dos paxaros comezan a mesturarse cos dos grilos. De súpeto calan, faise o silencio, soa unha alarma do móbil que libera ao home do meigallo que o ten preso. O home levántase do banco, nervioso, e olla para os lados. Case a carreira entra na estación en sombras e busca, ansioso, un enchufe. Atopa un pero non da corrente. Sae de novo e claramente alterado chama a todas as portas que atopa. Alí non hai ninguén… fai moitos anos que xa non hai interventores nesa estación perdida entre campos de centeo e millo á beira dunha carballeira. Fai moitos anos que homes de traxes escuros armados de caros móbiles de última xeración, alá, nalgunha cidade atopada ao final das infinitas vías do ferrocarril, decidiron que non pagaba a pena, que pronto deixarían de parar os trens nesa estación e que entón a esquecerían abandonada ao paso do tempo.

E mentres o home, case con bágoas nos ollos, rabea por cargar o ultramoderno móbil que só ten cinco minutos máis de vida virtual, no ceo que xa case virou ao negro, as estrelas empezan a aparecer acompañadas de Venus, vitoriosa e brillante, e polas vías, cubertas de herba, non parece que vaia pasar ningún tren.

9 de dec. de 2013

Retrato de descoñecida no tren

Aí onde a ves, tan fermosa, co seu abrigo de leopardo... de seguro que si a miras pasar pola rúa, indolente, altiva, con seguridade e andar perigoso sobre os tacóns de matar, pensarás “que muller, iso é unha femia” e non serás quen de apartar os ollos nin de pechar a boca mentres ela camiña pola rúa indiferente a túa atención.

De seguro eu tería pensado o mesmo, alí sentado no tren, se tivese reparado antes nela, pero o certo é que entrei no vagón, sentei, saquei o libro da bolsa e nin me decatei de que un metro máis alá, do outro lado do vagón estaba ela. De seguro, se tivese reparado nela antes, non só tería pensado algo como o que ti pensaches, tamén tería pensado con desexo machista “ mirar e non tocar” ou “unha muller de dez moi por encima de min”.

Pero non reparei nela, non lle fixen nin caso, non mirei para ela nin unha vez ata que chegou o revisor cambiando o que debería ter sido polo que foi.

Eu viaxo en tren con frecuencia por motivos de traballo pero as veces tamén me apetece conducir, e por iso o que fago é mercar un bono de dez viaxes e as vou gastando aos poucos. Pois ben, ese día o revisor montoume un pequeno gran lío, pequeno porque o asunto era unha parvada, e grande porque enterouse todo o vagón. Un erro na impresión do bono que me levou 15 minutos facerllo entender, e eu, vergoñento como son, logrei ser o centro de atención dos outros viaxeiros. Foi cando o revisor saíu do vagón cando reparei nesta muller, que ollaba para min con amabilidade, e mentres regalábame un cálido sorriso cómplice faloume do incidente, como pedíndome desculpas pola actitude do revisor.

Cas cores acendidas na miña cara despois da discusión anterior non atinei máis que a devolverlle o sorriso e calando, aínda máis acalorado, afundinme no libro.

Pero xa estaba feito o mal, xa reparara nela e decatárame de que non era a persoa que aparentaba ser… polos seus movementos, por como levaba o abrigo e as gafas… pero supoño que o que máis me chamou a atención foi que tomase notas nun pequeno caderno, por outro lado xa bastante cheo de anotacións… nestes tempos de usar o móbil para todo, ata para tomar notas, nestes tempos modernos nos que atopar a alguén que escreba a man é tan pouco común como ir cantando pola rúa. Como tampouco é moi común atopar a unha fermosa e moderna muller que se poña a xogar co neno, incansable e gracioso, que senta diante súa cunha naturalidade e confianzas reservadas nestes tempos modernos a sobriños ou mesmamente a os fillos propios.

Así que reparei nela, nesa muller que parecía tan só unha fermosa muller común, pero que definitivamente non tiña nada de común, e eu, sendo aínda máis común do que xa son normalmente, consciente da súa peculiaridade pero tamén da miña vergoña, da mina timidez, tan só atinei a lle sacar unha foto… e entón pasou o inexperado… ela escoitou o disparar da cámara e volveu a ollar para min, e volveu a sorrir e cunha seguridade e unha sinxeleza que aínda hoxe, tantos anos despois me volve tolo, díxome… “Podo mirala?”…