UA-55725853-1

4 de xuño de 2015

Secuencia

Xa está... chegou o día 29 de maio de 2015 e foi a final do Terceiro Concurso de microrrelatos do Café de Catro a Catro. E non podeu ser. Faltáchedes vos. O certo é que o nivel era moi grande, todos eran moi bos relatos e algún tiña que gañar. E penso que houbo xustiza porque gañou a miña irmanciña, a miña gran amiga Xirasola co seu fermosísimo "Boneca de Farrapo" que tan agradable foi de collerlle a man a Pauliña, por mais duro que apretara, mentres ela o paría... Que ela axudoume a que eu levase e a bo porto o meu cos seus bos consellos... En realidade estou moi contento: como non ía estar... son finalista dun concurso de mircrorrelatos e penso que o fixen moi ben e que o relato é moi bo. Espero vos guste... vai para todos vos.

Só unha cousa máis... noraboa a todos os que chegáchedes e estivéchedes na final: líchedes todos moi ben e foron todos moi bos microrrelatos. En especial quixera felicitar ás compañeiras de Obradoiro Mª José e Nena, e tamén a Tamara Andrés. E agradecer aos meus apoios... aos meus pais, a Tino, a Carlos e Edu e como non... a Cassiopeia...

Secuencia

Luns. Xa perdeu a conta dos anos vividos na rúa como insípido caracol, de durmir en calquera esquina sobre a súa persoal podremia, só acompañado do viño barato e da eterna culpa. Os resacosos ollos quedan prendidos na mesma casa de sempre e o ruído branco que anubra a súa razón empeza a aclarar, fai que volvan imaxes aos poucos, con preguiza, como unha máquina á que lle custa arrancar. Négaas.

Martes. Pasa o día pegado a un portal noxento ca compaña de varias botellas valeiras e da lembranza da cálida confianza do corpo dela nas súas costas.

Mércores. Varias instantáneas mesturadas crávanse con forza na súa alma: unha paisaxe de montaña, unha posta de sol e máis botellas valeiras.

Xoves. Salta o tapón na memoria, esa molestia persistente nos miolos. Lágrimas de dor mollan as súas barbas perennes mentres rompe con rabia unha botella contra a parede. Non quere beber máis.

Sábado. A insoportable abstinencia trae, inesperada, unha secuencia de película, oxalá o fora: 180 km/h, curva pecha, freada apresurada, o asfalto máis preto, non acaba de chegar o golpe e fundido a negro.

Domingo. O recordo da caída proe no ombreiro. Lembra a moto esnaquizada na veira da estrada. Lembra camiñar, coxear: colle o corpo dela, abre a súa viseira e xusto nese intre, daqueles beizos tan quentes noutrora, esvara, no fume do alento, mentres os fermosos ollos mudan a dúas simples bolas de vidro, o derradeiro “quérote”.

Hoxe na súa boca bágoas confúndense co viño barato. Volve a ser luns.

25 de maio de 2015

Cousas de nenos

Cóntame o amigo Xoxe Xose Lois D. Lucio​, que onde el vive, no Sixto, en Vilagarcía, cuna dos Campaneiros, gaiteiros de renome, o alcalde, o Sr. Fole, do PP mandou por uns bambáns para que os vellos fagan exercicio uns días antes das eleccións. Que alegría, de súpeto os nenos grandes de O Sixto, por fin, teñen aparellos para xogar no parque que hai do lado do centro cultural! Pero non sexades malos, non pensedes que é por arrincar un par de votos, non... é por boa vontade!

Cóntame tamén que hoxe, día 25, deben de estar de resaca postelectoral no concello de Vilagarcía, pero das malas, das resacas puñeteras que non saen nin co paquete enteiro de ibuprofeno, porque quitaron os bambáns pensando que estaban a quitar a propaganda electoral. Claro que ao mellor, pensando mal, pero moi mal, tamén podería ser que o ex alcalde, ou alcalde en funcións, o Sr. Fole, ou Fole a secas, nun berrinche infantil, mandounos quitar porque "los pagué yo, de mi bolsillo, y si yo no puedo jugar con ellos pues no juega nadie".

Cosas de nenos digo eu.

As fotos foron feitas por Xoxé Lois Lucio no Sixto, Vilagarcía de Arousa, os días 22 e 25 de maio.

20 de maio de 2015

Con Cariño, parte dous

E entón a lectura do relato da que me sinto moi, moi fachendoso... non só do relato, do relato tamén, claro, non é por faltar de humildade, que o relato é bo, é por como o lin que emocionoume ata a min e porque quero agradecer o apoio de moita xente, claro, pero en particular de esa muller que me falou do concurso e que me apoia para que sexa mellor Edu, porque ela é así. Hai moita xente que o fai, claro, que me apoia, que me alenta, pero o dela o certo é que algo maís, é amor, do bo, do de verdade. Grazas a todos. Grazas a ela.

Con cariño

Para facer as cousas con cariño ela ben sabe que hai que dar os pasos axeitados: empeza pelando cada pera con dozura. Córtaas en dúas metades simétricas, arríncalles o corazón sen remorsos, e de cada unha fai lascas como escamas dun peixe desmesurado.

Na pota bota auga fresca, as peras e, neste punto compre precisión, o azucre. Ten claro que ese é o equilibrio do pastel: pasarse pode matar o amargor das peras.

Con coidado pesa 250 grs e logo como nun descoido, acorda e engade 50 máis.

Toca agardar. A cocción ten que ir de vagariño co amor amarelo e azul do lume. Sen presas.

Mentres espera monta o molde: cóbreo de manteiga e sobre a manteiga a masa.

Cando só quedan 10 minutos engade o toque final: unhas pingas de matarratos, pero as xustas, que o cabrón debe morrer cheo pero sufrindo. Con cariño.

19 de maio de 2015

Con cariño

Ás veces hai boas novas que a un lle apetece compartir. Non é por fachenda, ou si. En realidade é simplemente que cando as cousas saen ben, sinceiramente, tamén hai que compartilo. Fai mes e pico participei nun concurso de micorrelatos que organizou o EDLG da EOI de Pontevedra. Tratábase de escribir 150 palabras usando tres palabras escollidas ao azar no momento, e tan só en dúas horas. As palabras eran "pera", "equilibrio" e "cocción". Así que nada, fun ao concurso e o meu relato foi escollido o mellor de todos, algo do que me alegro moito. Non é polo premio, é pola cousa de que o que un escribe ten unha certa calidade. Que pode que un non chegue a ser un gran escritor, pero supoño que algo é algo, non?

E para que podades opinar... pois velaivai o meu relato...

Con cariño

Para facer as cousas con cariño ela ben sabe que hai que dar os pasos axeitados: empeza pelando cada pera con dozura. Córtaas en dúas metades simétricas, arríncalles o corazón sen remorsos, e de cada unha fai lascas como escamas dun peixe desmesurado.

Na pota bota auga fresca, as peras e, neste punto compre precisión, o azucre. Ten claro que ese é o equilibrio do pastel: pasarse pode matar o amargor das peras.

Con coidado pesa 250 grs e logo como nun descoido, acorda e engade 50 máis.

Toca agardar. A cocción ten que ir de vagariño co amor amarelo e azul do lume. Sen presas.

Mentres espera monta o molde: cóbreo de manteiga e sobre a manteiga a masa.

Cando só quedan 10 minutos engade o toque final: unhas pingas de matarratos, pero as xustas, que o cabrón debe morrer cheo pero sufrindo. Con cariño.

20 de feb. de 2015

Non estou namorado...

Coido que esta vai ser a primeira vez que escriba unha entrada falando do escrito de outra persoa no seu propio blog, pero o certo é que o que escrebe esta rapaza pontevedresa está moi ben. O blog chámase "El Rincón de Floricienta". Gústanme moito as súas entradas... Xa me gustou fai tempo cando escribiu aquelo de "La mala costumbre", e agora deixoume abraiado con esta outra: "Me enamoré de verdad cuando dejé de estar enamorada". Non quero falar da entrada: para iso é máis sinxelo que entredes e a leades... tan só quero por unha frase que me encanta e da que vou tomar a liberdade de, un, traducila ao galego, e dous, collela prestada:

Non estou namorada de ti.
Pero agardo que che valga que te ame.

Carta a Edu

Fai tres meses coñecín a unha persoa moi especial. Coñecín a Paula Xirasola e como consecuencia coñecín ao seu marido. Chisco. Foi un día 11 de decembro. Non podería esquecelo. Logo pasou un mes enteiro, pasou o curso de Escritura Creativa onde coñecín a a outras persoas marabillosas e chegou o día 11 de xaneiro… e entón apareceu Cassiopeia, outra persoa especial, outra persoa xenial. Xusto nesas datas, un día antes, Xirasola mandoume un reto moi fermoso… contar porque escribo, porque me encanta escribir.

E agora, a piques de facer un mes que coñezo a Cassiopeia, vai esta muller que é como unha constelación imparable de pensamentos e actividades, e mándame tamén ela un reto incrible… di ela que non lle gusta o relato "Carta ao idiota que está dentro do teu corpo”, que ese serviu para desafogarme e como vía de escape nun momento malo, pero que non lle gustou. Parafraseándoa, claro… ela o entenderá.

Que, e sigo a parafraseala, ela sostén, que agora que estou mellor, debería escribir o novo Edu, ese que está fachendoso de adelgazar e está ledo, para aumentar a súa propia autoestima e reforzala.

Pois acepto o reto… Cassio… velaí vai unha nova carta, para min mesmo.

Mira Edu, a vida é, ás veces, como un pequeno verme, que fai un casulo e sae convertido en bolboreta. Esas metamorfoses poden ser grandiosas e outras mínimas, case imperceptibles, pero sempre, sempre, é bo sufrilas. O malo é ser toda a vida un verme, non decatarse de que é necesario avanzar. A túa foi, a lo menos ao teu propio nivel, importante e dura. Longa. Ben sabes o que che custou.

Un día ese verme que ti eras teceu un casulo con fío de arame, no máis duro dos tecelás, no da dor absoluta e abafante, no da desesperación, un proceso longo, tres meses nos que, ás veces, pensaba que non ía dar terminado nunca, pero ao fin, daquel noxento espazo minúsculo saíu unha bolboreta: un mozo rexuvenecido, un home que era o mesmo pero distinto e que deu pechado, non era sen tempo, esa porta pola que entraba na súa vida unha marea de lodo e lixo que o único que facía era escurecer os seus ollos e o seu entendemento. E sabes que? as forzas para pechar esa porta saíron del mesmo, aínda que ben certo é que recibiu a axuda de moita xente. Agradecido terás que estar, porque ese home es ti.

Agora, a piques de facer un mes que coñeces a Cassio, podes mirar para atrás, podes ollar os días pasados. Ves que durante corenta anos fuches un verme? Se miras un pouco máis adiante, ves alá ao fondo o casulo baleiro, ese casulo feito de tristezas, aburrimentos, desesperacións e obsesións. Ves como del saen alegría, vitalidade, felicidade, seguridade. Mírate no espello da túa alma: o Edu de agora é unha fermosa bolboreta, non ten nada que ver... notas a diferencia? goza co tempo só na casa, non se preocupa chamando á xente para ter compaña, nin rompendo a cachola con pensamentos inútiles. Quérese máis? SI, quérese moito. Aceptou que ten unha vida boa e por fin non necesita comparala cas vidas dos demais… para que? Non é necesario: ese Edu que saíu do casulo, con terrible esforzo de parto, sábese grande, hábil en moitas cousas... un soñador, un romántico, un artista, un home fermoso e intelixente.

Ves como quere vivir a súa vida, ser fiel a si mesmo? Xa sabe que agora a xente vaille responder sen ter que buscala, sen medo, como Xirasola ou Aurora, como Ton ou Sara. E mira Cassiopeia… ou Edu… canto menos se preocupa máis logra… Por fin o que pensa encaixa á perfección co que é, un home marabilloso cunhas xigantescas e fermosas as cas que voar sen medo. E si, sábese coñecedor desa parte escura, esa parte que depende dos demais, que busca sempre a atención e a aceptación dos outros, pero xa non lle importa, porque o único que importa é o presente, admirarse a si mesmo, amar e querer á xente ca que comparte a súa propia vida, a ser o mellor compañeiro e amigo posible.

Ese Edu es ti. Son eu, e é o Edu que eu quero ser, que son…

12 de feb. de 2015

Sostiene Pereira

Quixera falar dun dos últimos libros que lin para recuperar a sección de crítica literaria do meu blog. “Sostiene Pereira”, de Antonio Tabucchi, é un libro incrible. Para min particularmente, sosteño, un descubrimento marabilloso.

Creo que a primeira peculiaridade que me chamou a atención foi que estivese escrito en segunda persoa. O escritor, ou a lo menos a persoa que conta a historia faino en segunda persoa, sempre comezando ou rematando anacos dela co “Sostiene Pereira”, como para remarcar claramente que non é unha historia propia, que é algo que alguén está a transcribir, algo que está a ser contado ao oído. Esa foi a primeira impresión que recibín, que o escritor recibiu o encargo de por por escrito a historia de Pereira, pero que non quere involucrarse nela, que lava as mans, que non é cousa súa. Como cando alguén cita unha opinión allea pero contraria.

Eu non entendía moi ben esa manía de distanciarse dunha historia que por outro lado tiña a impresión, polo menos ao principio, que era un tanto monótona, sosa, apagada. Total, non era máis que a historia dun editor mediocre no medio dunha época triste da historia de Portugal. Un home monótono, apegado aos seus costumes e que vivía parapetado detrás de pequenas manías diarias e que non quería nin verse envolto nin abrir os ollos a esa realidade, que trataba de vivir a toda costa como sempre… cos mesmos hábitos de sempre. De feito, fascinoume ese xeito que ten o escritor de transmitir esa vida insípida do editor.

Pero de súpeto marcha a tomar os baños e os deixa polo medio… e empeza a involucrarse con persoas cas que alguén como el non debería involucrarse, o rapaz e a súa moza, o doutor, a facer cousas extraordinarias como ese baño inesperado en Cascais, a preocuparse pola súa saúde. El que é alguén, repito, insípido, que vive aferrado ao pasado e á foto da súa muller…

Pouco a pouco o libro vai collendo ritmo, pouco a pouco… e pouco a pouco vou entendendo porque o distanciamento do escritor. O propio escritor é un personaxe máis, un que non imos coñecer, pero que tamén ten a súa propia opinión: non quero opoñerme ao réxime ditatorial, non estou en contra del, tan só son unha canle para contar unha historia… e o que pase nela, o que faga o señor Pereira ou o que opine, non ten que ver comigo… que son fiel ao réxime.

E este distanciamento só serve a un obxectivo: mostrar aínda de xeito máis brutal o cambio que sofre o Sr. Pereira ao longo do libro, que pasa de ser un señor gris a ser un revolucionario, ao seu xeito, máis. E por iso me fascina este libro, porque pouco a pouco, como collendo velocidade sen decatarte, vaste identificando con Pereira e sentindo o seu espertar.

Non quero estenderme máis… non vou marcar ningunha frase en especial… quizais cando se baña na praia ou cando por fin conecta con Monteiro Rosi antes da malleira que lles dan a ambos e que leva á morte do rapaz. Ou xusto a parte posterior, cando entendes perfectamente a rabia que sinte o Sr. Pereira e que lle leva a facer o que fai. Destacaría tamén como describe a sociedade portuguesa da época, como vai soltando pinceladas sen querer: é como un gran lenzo con miles de detalles pequeniños pero que se perciben moi ben, no que destaca a figura central que é Pereira, porque o resto dos personaxes tan só están perfilados e no que tamén sae, reflexado como nas Meninas, o pintor.


Sostiene Pereira
Antonio Tabucchi
Título original: Sostiene Pereira
Editorial: Anagrama
ED. LIMITADA NAVIDAD 2013
Nº de páginas: 182 págs
Encuadernación: Tapa dura
ISBN: 9788433961280

2 de feb. de 2015

Voz

A voz que se escoita do outro lado do auricular é profunda, poderosa, de barítono.

Non podo ollalo pero imaxino a un home alto, moreno, de peito ancho. Se cadra ten uns ollos inquisitivos, intelixentes, deses ollos que se moven para todos lados, que o perciben todo, que non perden detalle.

Penso que teñen que ser uns ollos escuros, marróns ou negros, tanto ten, pero azuis non, nin verdes, porque o imaxino cunhas faccións agradables pero non fermosas: hai algo na súa voz, esa seguridade que ten, que me fai pensar en alguén acostumado a agradar por como é, non só polo seu aspecto. Por iso, estou convencida, non ten uns ollos fermosos ollos azuis ou verdes. De seguro que os ten marróns, ou negros, apaixonados, interesantes.

Ten barba. Esa voz tan potente, tan viril, é de alguén que ten barba. Pelo curto, negro e unha barba mesta. Encántame pasar os dedos polas barbas mestas. Non sei, teño a certeza de que ten que ser alguén acostumado a mandar, como un capitán de navío, ou un policía. Alto, forte, moreno… ah, que mágoa… xa colgou.