UA-55725853-1

23 de out. de 2012

Eleccións 2012

Despois do desastre e da decepción de onte é hora de pensar, de reflexionar, porque é inevitable chegar a algún tipo de conclusión.

Ou polo menos para min é claro… espero que tamén o sexa para os nosos políticos, algo que eu xa non teño tan claro, pero que de algún xeito e necesario nestes terribles tempos que nos toca vivir… eles, coma nos, teñen que abrir os ollos.

O que eu teño máis claro é que para min o único resultado de estas eleccións é a profunda decepción que me produce o reparto de deputados autonómicos. Si o sistema para escoller aos nosos representantes é o voto, como pode ser aceptable que se repartan tres escanos pola perda de votos? Como poder ser que o PP gañe tres novos deputados simplemente porque perdeu menos votos que o PSOE? É un feito terrible que só ven a demostrar a profunda enfermidade que sofre a nosa democracia e da que unicamente nos, os votantes, os cidadáns, temos culpa.

Non valen escusas, non vale que a corrupción e a falta de verdadeiros líderes políticos son os que producen que a xente deixe de votar porque o único xeito de conseguir políticos honrados, políticos traballadores e realmente preocupados polo pobo é votando. Hai moreas de opcións políticas pero nos, nunha sociedade que celebra a lacazanería e a indiferencia, o egoísmo e a individualidade, non nos preocupamos de coñecelas e aceptamos sen preguntas que nos gobernen dous partidos que sabermos que están cheos de corruptos. Participar na democracia non é nada máis que o eterno xogo de aprendizaxe do acerto – erro.

Porque se participar en política é votar, non facelo e todo o contrario. É darlle feito o xogo aos corruptos, aos políticos que só pensan neles mesmos… eses que xustamente queren iso, o noso desencanto, para que non votemos e podan perpetuarse no seu cargo.

Cómo pode ser que en Galicia a participación nunca suba do 70 por cento? O normal nunha democracia debería ser que a participación fora como mínimo do 80%… e os desencantados que voten nulo ou en branco. Non votar paréceme unha burla ao noso sistema: que escollan outros por min, a min no me gusta o que hai e que escollan outros, tanto me ten o que salga (pero logo durante catro anos seguirei a queixarme).

E logo están as conclusións que deben sacar os partidos… O PSOE e o BNG deberán replantexarse o que son, refundarse, volver as súas orixes.

O PSOE volver a ser un partido de esquerdas, plural e aberto, no que os candidatos sexan escollidos realmente por primarias e defendendo verdadeiras políticas de esquerdas sen medo, porque por ampliar o seu nicho ecolóxico están a perder a maioría dos seus votantes.

O BNG algo parecido, volver a ser un partido plural e aberto, deixar de ser un partido onde unha minoría se impoña a unha maioría, volver a deixar que se escoiten todas as voces e recuperar a capacidade de crear proxectos ilusionantes…

E como non o PP, que leva de prestado tres escanos que non merece, porque si ben o PSOE foi castigado con 230000 votos de menos, o PP, tamén recibiu un castigo similar, perdeu 130000 votos, e polo tanto estanse enganando si pensan que os tres escanos queren dicir que a xente apoia a súa política de recortes. Están moi enganados… e polo tanto o PSOE e o BNG non son os únicos que deberán plantexarse facer as cousas de outro xeito. Esa perda de votos só pode entenderse como unha parte importante da sociedade que non está de acordo con esas políticas anti-crise do PP… acaso un goberno que o fai ben non debería ser recompensado cun aumento de votos?

O malo de todo isto é que estas perdas de votos, estes aumentos na abstención, nos votos nulos e nos votos en branco só indican o desapego que teñen os cidadáns ca política pero polo seu lado ten algo bo: porque só aqueles que se decaten disto serán quen de recuperar a confianza dos cidadáns e ser os nosos verdadeiros gobernantes…

Hoxe comentaba no facebook que non é o mesmo mandar que gobernar. Mandar é o que fai agora o PP ca súa maioría absoluta impoñendo as súas ideas e as súas leis a unha gran maioría da poboación do estado alegando que están avalados pola maioría… gobernar é, independentemente de ter a maioría ou non, ser capaz de lexislar usando a negociación, cedendo para que outros cedan e tan só con acordos.

Ningún comentario :

Publicar un comentario