UA-55725853-1

31 de out. de 2012

Un marciano en Illinois

"Non es como os demais. Teño visto a moitos, e coñézoos. Cando falo, ti mirasme. Anoite, cando dixen algo acerca da lúa, ti mirasches á lúa. Os demais nunca farían algo así. Os demais deixaríanme falando soa ou amenazaríanme. Agora ninguéne ten tempo para ninguén. Ti es un dos poucos que me soportan, por iso penso que é moi extraño que sexas un bombeiro, paréceme que non é o apropiado para ti."

Gustaríame facer unha pequena homenaxe, a un home que me fixo voar polas vermellas chairas marcianas, polas súas canles, polos seus altos montes, soñar que hai marcianos que navegan cas súas lanchas de vento por esas vellas canles cheas de po, que son reais. A un home que me fixo sentir que de verdade foran exterminados todos por nos, pola nosa chegada a Marte, pola nosa ruindade, todos eses delgados marciáns que construían delicadas orfebrerías como follas de prata no medio do deserto.

Que somos un mecanismo que se estropea a si mesmo só polo pracer de ter unha excusa para cando rompemos os nosos xoguetes.

Un home que me fixo entender o horrible que é queimar un libro e que tamén, no fondo, o importante non é o libro se non o que leva dentro, que me fixo ver que a humanidade é un monstro descontrolado, como un buldozer aniquilador, pero tamén que hai esperanza porque temos dúas caras, e unha delas, a dos que prefiren ler antes que queimar, é moi forte.

Un home, en fin, que en realidade era un marciano (xa sei que debería dicir marcián, pero idesme permitir esa licencia) en Illinois, na terra, que unha vez morto gustaría que as súas cinsas fosen esparexidas por Marte… agora xa deu un paso para cumprir ese desexo, porque o outro día entereime, que Ray Bradbury morreu o 5 de xuño aos 92 anos de edade. Un home que non chegou a estudar na universidade e que aprendeu nas bibliotecas…

"Non podes aprender a escribir nunha universidade. É un lugar moi malo para os escritores porque os profesores sempre pensan que saben máis que un, e non é certo. Eles teñen moitos prexuizos. Digamos: a eles lles gusta Henry James, pero ¿qué pasa si non queres escribir como Henry James? (…) A biblioteca, por outro lado, non ten límites. A información está ahí para que a interpretes. Non hai ninguén que te diga que pensar, que te diga si es bo ou non. Descubrelo por ti mesmo."

Un home, en fin, dos que farían falta moitos neste mundo noso. Boa viaxe contador de contos.

PD: cando empecei a escribir este blog fixen unha pequena entrada sobre un dos meus libros favoritos, “Crónicas Marcianas”, e vos apetece poderedes leela aquí.

Ningún comentario :

Publicar un comentario