UA-55725853-1

29 de nov. de 2012

Salamanca 1

A viaxe da que vos falaba antonte non rematou en Verín. Seguiu polos montes orientais de Ourense ata as chairas castelás camiño de Salamanca...

Lupe e eu tiñamos claro que queriamos chegar a Málaga pero non tiñamos presa... así que habendo tempo, que máis tiña parar dous ou tres días en Salamanca?

Eu xa a coñecía... daquela maneira… Con 13 anos paráramos unha mañá de maio cunha excursión do colexio camiño de Madrid, pero só quedaron na miña lembranza unha caveira con ra e unha parede chea de cunchas.

En certo modo os dous eramos primerizos de Salamanca.

E con esa sensación do novo deixámonos levar polas rúas do seu casco vello… pensando que Santiago era a máis fermosa cidade universitaria de España pero que Salamanca… ben, que Salamanca tiña algo… a súa Praza Maior engalanda de terrazas e soportais ateigados de xentes que se movían ao ritmo do sol cual cadrado reloxio de area, escapando da calor castelá do atardecer; ou a Casa das Cunchas, agora biblioteca e ao mesmo tempo obra de arte viva, que aqueles días transmutouo seu patio interior vixiado por pétreas gárgolas e inútil pozo, no reino dos monstros e das fadas, no campo do pozo máxico, no mundo dos contos e das historias.

As cegoñas raiñas de chimeneas, tellados e campanarios como vixias nun mar de terra; ou incluso os seus museos, ata os máis modernos de chamativas vidrieiras “art deco” que parecen competir cas vívas cores do solpor que os mozos e mozas charros de nacemento e de adopción van gozar, unhas veces, a miradores para namorados, como se foran Calixtos e Melibeas do século XXI, e outras a vellas pontes romanas afeitas aos encontros amorosos pero tamén aos culinarios (que llo digan aos morcegos que pasan os días nos seus arcos) e dende as que ben se pode empezar un agradable paseo nocturno pola vella Salamanca.

Ningún comentario :

Publicar un comentario