UA-55725853-1

19 de feb. de 2013

Temos gatiña nova na casa

Fai algún mes faleivos da desaparición da nosa querida Popo, unha gatiña que deixou un oco inmenso nas nosas vidas e que ca súa existencia fixome entender que hai animais máis humanos que moitos humanos, incluso que aqueles que tratan de facerse pasar por actores. Ela sempre estará na nosa memoria e sempre a botaremos en falta por moitos anos que vivamos polo seu descaro, a súa intelixencia... a súa humanidade.

E xa vos digo, o oco era grande e había que tratar de enchelo... e entón apareceu a posibilidade de adoptar unha gatiña que apenas tiña un mes, unha siamesa. Dímoslle bastantes voltas e ao final dixemos que si, e unha gatiña nova entrou nas nosas vidas.

Por motivos máis que evidentes, Lupe, ca axuda de Ana, púxolle Cinza, pero non tardamos en cambiarlle o nome, por motivos tamén evidentes, a Chincha (xa sei... temos un problema co grupo de letras "ch" e os nomes dos gatos).

Porque como non tardamos en descubrir, ese día mesmo, Chincha non ten parada. É un fedello cheo de enerxías que cando fai un son ronco e grave empeza a correr como unha tola e a saltar e xogar con todo o que atopa. E que non lle ten medo a nada: nin aos seus compañeiros gatunos, moito máis grandes que ela, nin á cadela de Lola.

Porque Chincha, facendo gala do seu nome, non para de chinchar aos outros, de perseguilos, de lambelos, de querer xogar con eles... tanto que ás veces escapan dela e buscan onde agocharse. Dende que chegou a casa non é raro ver pasar a Moqui ou a Mecha correndo e Chincha detrás deles.

E é unha gatiña cariñosa, xoguetona, intelixente e curiosa, e si ben non vai ser Poporrocha, en certo modo, a súa chegada aliviou un pouco a desaparición da nosa pequerrecha. De feito agora empezamos a ver, despois de varios meses de desorden e estrés gatuno, como os outros dous empezan a aceptala e como se volve a reestablecer o equilibro na casa.

Non vos parece que é un encanto? Non vos parece que é unha gatiña de cómic?

Ningún comentario :

Publicar un comentario