UA-55725853-1

30 de xan. de 2013

O Atlas das Nubes

Cando fai algún tempo mirei por mirar, como todos os meses, o novo catálogo do Círculo de Lectores na casa dos meus pais non esperaba atopar, como todos os meses, un libro que espertase o meu interese, pero entón lin o comentario dun libro chamado “O Atlas das Nubes” de David Mitchell.

“A novela na que se basea unha das películas máis esperadas do ano, dirixida polos irmáns Wachowski, con Tom Hanks e Halle Berry.”

Pensei que si lle resultou interesante aos creadores de Matrix sería porque realmente era interesante e sen volver a pensalo outra vez encargueino. O libro é de 2004 pero supoño que a publicidade que lle deu a película fixo que se reeditara (gracias irmáns W.!). Logo, cando o libro chegou ás miñas mans e empecei a súa lectura, non tardei en ficar abraiado por como 6 historias diferentes, 6 contos separados podían formar unha única historia coherente do mesmo modo que un anaco de nube non nos di nada porque o que importa é o conxunto enteiro do ceo.

Non é doado atopar un libro bo e que enganche e que o mesmo tempo sexa orixinal. Este o ten todo, é bo, está escrito con mestría e ademais é sorprendente e orixinal no seu desenrolo argumental. Imaxinade un puzle tan ben feito que só cando pos a última peza es quen de ver e de entender a imaxe total. Imaxinade unha boneca Matrioska que dentro ten as súas bonequiñas cada vez máis pequenas e que a última á súa vez leva dentro a anterior en tamaño e así sucesivamente ata volver de novo a máis grande. Pois así é “O Atlas das Nubes”.

Non vos vai picando a curiosidade? Non vos gustaría coñecer algo máis ou canto menos entender un pouco deste lío? O libro empeza no século XIX, pola historia dun notario de San Francisco que anda perdido polo Pacífico Sur na procura dun home ao que lle ten que entregar unha herdanza. Polo medio a historia córtase e salta dun barco navegando a Hawaii a un hostal de Londres, século XX. Un home, compositor, e as súas peripecias como estafador tratando de crear a obra musical da súa vida. A historia volve a quedar a medias: agora o escritor lévanos a California, anos 70. Unha periodista que quere ser tan boa na súa profesión como o foi o seu pai e que ten diante súa o seu propio watergate pero tamén a súa morte. Antes de saber si morre ou non, o escenario volve a cambiar: de novo Londres na actualidade, un editor que nunca foi gran cousa trata de escapar dos seus acredores pero da pota cae ao lume.

Como xa imaxinades esta historia tampouco está completa, apenas sabemos algo das desgrazas do insoportable editor cando saltamos 300 anos no tempo: unha clon fabricada para servir nunha cadea de locais de comida rápida conta como transcendeu á súa vida programada nunha sociedade oligarquía do consumo e da publicidade que se achega peligrosamente ao precipicio da destrución medioambiental.

Pero a historia da clon tamén se corta e o tempo pasa avanza ata un futuro indeterminado no que a humanidade decadente que sobrevive ao apocalipse parece ter regresado á idade de ferro e onde atopamos a un cabreiro contando a súa propia vida e ao mesmo tempo parte deses últimos días do home.

E cando remata o conto do cabreiro, entón parece como si a pelota que lanzamos ao ar ao principio do libro tivese chegado ao máis alto e empezase a caer, e nun alarde de mestría, o escritor, remata unha a unha, pero en orde inversa, cada unha das historias… ata que ao final do libro, descubrimos que lle aconteceu ao notario de San Francisco cunha das frases finais máis fermosas que se teñen escrito xamais. Se queredes coñecela… pois deberiades ler o libro!

Supoño que vos quedará a impresión de que o libro é unha arañeira incongruente. Nada máis lonxe da realidade. Cada unha das seis historias está contada dun xeito particular segundo a súa época e o estilo da historia, ca súa propia linguaxe e ritmo. A historia do notario cóntase por medio do seu diario de viaxe, a do músico é unha historia epistolar cun estilo burlesco e bohemio que apesta a nihilismo. A historia da periodista parece unha novela policiaca con aires de thriller e o editor conta a súa propia historia como unha biografía cargada de mala baba e ironía. A historia da clon e unha entrevista aséptica que en realidade é un interrogatorio e o cabreiro está a contarlle un conto aos seus descendentes, un retorno á vella tradición oral reflexo dunha sociedade reducida á barbarie do descoñecemento. E aínda así, dentro da súa variedade, cada conto está perfectamente enlazado e relacionado co anterior nun exquisito exemplo de ourivería literaria.

Mitchell fai ao final que todo o libro teña unha identidade, unha continuidade. Por poñer un exemplo… os protagonistas están marcados todos eles cun pequeno antollo con forma de cometa, e así o autor estanos a dicir que o libro non é máis que unha a carta de navegación, para todas esas persoas, pola realidade confusa da humanidade, ou un mapa, para todos nos, os lectores, polos paraísos e os desertos da loita pola liberdade contra a escravitude en calquera das súas formas.

Engancha e moito, volo aseguro. E por iso non podo deixar de recomendalo. Buscade nas bibliotecas ou nas librarías, “O Atlas das Nubes”. Non vos arrepentiredes.

PD: vai saír proximamente en España a película. Eu mireina pirateada con subtítulos… non sei, penso que debería volver a mirala.


EL ATLAS DE LAS NUBES
Autor: David Mitchel
Ano: 2012 (2004)
Editorial: DUOMO EDITORIAL
Colección: Nefelibata
Descripción: 14 X 21.5, 608 págs., en rústica con solapas
ISBN: 9788492723799

2 comentarios :