UA-55725853-1

10 de xan. de 2015

A luz que xogaba cas ondas de Cabo Home

Cabo Home

Ese día animeime a conducir o coche para descubrir que a luz estaba a xogar cas ondas que rompían nas rochas desgastadas e romas, arrebatadas, desgarradas polo paciente mar da Costa da Vela. O mar bate nelas día tras día, facéndolles ter a falsa impresión de que son eternas, perennes, infinitas… falsa crenza por que infinita é a paciencia do mar que espera e espera, non ten presa, ten todo o tempo do mundo.

E é por iso que as pedras da costa teñen desprezo do mar porque só miran as gotiñas desprendidas das ondas polo vento mentres escintilan baixo os raios do solpor, e pensan, cegas pola súa fachenda mineral, que o mar é tan só iso, gotas minúsculas, ridículas, pequenas perlas que baten contra elas e que esas gotiñas son ridículas do lado da súa propia grandiosidade. Pero o mar, como o demo, mírase lexión, e rise por detrás, ca boca tapada polo ruxido do bater das ondas, rise porque ten paciencia, que si que é infinita, interminable, sábese ca forza roubada día a día do sol, oculta baixo as súas propias profundidades.

Cando cae o día, co vento rachado do océano, segue a bater unha e outra vez, incansable, non queda sen forzas, e ca alegría que lle trae o sol, volvese de ouro, e cada ola trae a esperanza de mil grans de area arrincados por un millón de pingas de auga, e detrás de cada millón de pingas ven outro millón, e outro, e outro, e outro, un millón de outros millóns de gotiñas de auga salgada que baten e baten contra as pedras, esperanza que vai tardar pero que é real porque o mar sabe algo, coñece un terrible segredo que non conta nin aos peixes nin ás algas, non vaian andar co ruxe ruxe por aí, sabe que algún día esas rochas terán desaparecido, serán area nunha praia amarela, eterna…

E entón o sol baixa por detrás das Ciés, ven o frío que trae o vento do Atlántico, e tamén o ceo vólvese dourado, xa o desexaría para si mesmo algún rei, se cadra o rei Midas, aparecen venus e a lúa case chea, e logo as primeiras estrelas e o veludo negro profundo do universo que as arroupa, e así remata esa parte do día: o único que eu quería era mirar o solpor e fun atopar que o sol estaba a xogar, falcatrueiro, cas ondas que rompían en mil gotiñas douradas, contra as rochas da Costa da Vela, pobres ignorantes do futuro inevitable que lles espera.

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Ningún comentario :

Publicar un comentario