UA-55725853-1

26 de nov. de 2015

A nena afgá

Un pouco de historia

Vouvos contar unha historia, a historia de como no ano 1985, tres feitos pariron unha das fotos máis fermosas e famosas da historia.

Feito un: unha nena afgá de 12 anos foxe a Paquistán da guerra contra Rusia que asola o seu país.

Feito dous: un fotógrafo chamado Steve McCurry faise pasar por afgán para lograr fotografar o conflicto.

Feito tres: os dous coinciden no campo de refuxiados Nasir Bagh de Pakistán, onde McCurry, queda enfeitizado ao entrar na escola do campamento, e logra fotografar a unha nena que posa de última porque é tímida e recelosa.

McCurry sae do país cos carretes ocultos cosidos á súa roupa e logra que lle publiquen a fotografía no National Geographic de xuño dese mesmo ano. A pesares de que o editor xefe non quería, o director da revista decide que ten que ser a portada dese número, e convértese nunha das máis recoñecida da revista. Quen non lembra a cara asustada e fermosa da nena, cos seus expresivos e brilantes ollos verdes envoltos co sucio rostro perfectamente enmascarado no seu pano vermello? Que non lembra a imaxe dunha nena cunha mirada sinceira pero dura, cun ollar triste e mesmo furioso pero cheo dunha beleza irresistible?


O reencontro

Anos máis tarde a curiosidade embargou a McCurry. Durante anos viaxou repetidamente a Afganistán, co intención de atopar á nena, de coñecer o seu nome e saber da súa vida. Por fin, no ano 2012, logrou atopala. A nena casara, xusto un ano despois de que a fotografara McCurry e de seguido retornou á súa aldea perdida nas montañas Pashtun. Dezasete anos despois xa era unha muller madura, con marido e tres fillas, marcada polo paso dos anos, por unha vida que fora dura con ela. Xa non vestía un fermoso pano vermello. Agora ocultábase baixo un gris e escuro burka, obrigada pola relixión e os costumes.

A muller aínda tiña os ollos tristes e duros pero xa non había a vitalidade dos 12 anos, xa non tiñan a promesa do futuro. Como podían conservala se esa vitalidade morrera ao ter que casar con 13 anos! Máis ben parecían os ollos dunha muller acostumada a chorar baixo o agocho do seu burka, a non ter consolo nin comprensión.

Aquel novo encontro tamén se fixo famoso, McCurry por fin coñeceu o nome da rapaza, Sharbat Gula e que fora dela, e ela descubriu que era famosa no mundo enteiro, un mundo descoñecido e alleo para ela, e puido, por fin, mirarse por primeira vez nunha fotografía. Entre as dúas fotos hai un mundo de distancia. Dous ollares verdes, similares e o mesmo medo. Pero no segundo retrato, no da muller de 30 anos, xa non hai tristeza nin esperanza, tan só aceptación e resignación.

Porque ser muller é complicado, en calquer parte do mundo, pero nunha sociedade pecha e patriarcal como na que Sharbat vive, unha aldea perdida no lugar máis remoto de Afganistán, sen cultura, sen coñecemento, aínda máis. E esa é a razón dos ollos dela, porque, que pode esperar da vida unha muller na súa situación, agás aguantar, sufrir, traballar e gozar o pouco que lle deixen dentro do seu cárcere de tela?

Por sorte este segundo encontro trouxo algo máis… que National Geographic crease a sociedade Afghan Girls Fund, para axudar o desenvolvemento e creación de oportunidades educativas para as rapazas e mulleres afgáns. No fondo a vida é así, rotunda e terrible, pero chea de pequenos feitos que axudan a transformar un mundo tan grande como o noso.

Ningún comentario :

Publicar un comentario