UA-55725853-1

16 de nov. de 2015

Relatos de terror

Este é un relato que presentei a un concurso dunha páxina web chamada Artgerust. O concurso chamábase, IV Concurso Literario de Terror ArtGerust. Homenaje a Edgar Allan Poe. Non vou dicir que o meu fose o mellor relato. Para afirmalo tería que ler os 150 relatos finalistas entre os que está "O Silencio Acusador". Só sei dúas cousas... os organizadores escolleron eses finalistas para facer un libro... E que entre eses 150 hainos mellores que os tres gañadores. Un deles o da miña amiga Xirasola. O meu? Valorádeo vos.

Logo, nun alarde de creatividade, escribín outro máis. Este relato, baseado nun de Edgar Allan Poe, tamén penso que é mellor que os gañadores. Espero vos gusten.

O silencio vingador

Eu odiábao a calada maldade do covarde e do envexoso, porque súa era a inocencia dun neno, do perturbado que co seu estúpido balbucir provocaba o cariño e os abrazos da miña amada.

Tanto adoraba Laura a aquel brután descerebrado, como me ignoraba a min, que era todo porte e intelixencia. Por iso, mentres ela, en van, suplicaba ao xurado, non dixen nada.

Días despois, atopei a Laura axeonllada, inmóbil, baixo o corpo inchado e cheirento do idiota aínda colgado inutilmente do cadafalso. Comíame a culpa, só quería achegarme a ela, confesar a miña traizón. Non puiden, os ollos do morto mirándome fixamente xearon o meu corpo.

Si, calei, polo meu silencio culpárono a el do horrible asasinato. Pero non se enganen, a miña vinganza é agria… martirízame día e noite a lembranza do seu corpo pálido, frío, os beizos tornados a morado e aqueles ollos cravados nos meus, ameazantes, acusadores… que din… seino.


No lugar errado

Grazas pola cervexa, xefe, deixe que refresque o pescozo. Que boa! Mire, a miña Betsi acababa de parir xemelgos e eu non tiña traballo, aceptaba calquera cousa. Un matasáns pediume mortos, non pagaba mal. Queríaos en bo estao, así que llos busquei nun panteón, sabe? Era o do seu parente... Tom, acabóuseme a pinta, trae outra que paga o xefe! Cando levantei a tapa pensei que me salía o corazón pola boca. Ao pobre home o enterrárano vivo! Logo souben que o meteran na tumba equivocá, a boa tiña unha campá p'avisar. Xúrolle por miña nai e por Deus que o desgraciao tiña os dedos co oso ao aire!... que había uñas clavás na tapa, e a cara, necesito outro trago!... aquela mandíbula desencaixá, estirá nun grito que parecía vir do fondo do inferno, como si o tipo aquel o tivese levao o mesmo demo!

Ningún comentario :

Publicar un comentario