UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Jazz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jazz. Amosar todas as publicacións

15 de dec. de 2013

Jazz

Nunha céntrica rúa de Vigo unha pintada alumea o meu corazón con vibrantes notas de saxo, piano, trompeta, baixo, batería, vibráfono, guitarra... un grafiti así, xusto ahí, reclamando, con serenidade, con aerosol, a luz do sol nun mundo de cegos. Ten que ter algún sentido porque dezanove letras, elas soas, non din absolutamente nada, pero unha detrás da outra son dous nomes, que tampouco din nada eles sos... tampouco teñen sentido, é condición necesaria coñecer unhas melodías especiais, diferentes, que soan iguais compás a compás pero que sempre son distintas, e saber de improvisacións, de codas, de repentización ou de solistas, aínda que non é condición necesaria, e saber tamén de emocións. E coñecer Bird of the cool, A Kind of Blue, Milestones, Round about midnight... Cando coñeces todo iso e se cadra moito máis, entón ten sentido un nome, dez letras que por fin significan algo... MILES DAVIS. E tamén hai que coñecer Sidewinder ou se cadra que un día o noso amigo o Cifu nos conte polas ondas cal é a melodía que abre e pecha "A todo Jazz"... e só con iso xa chega para entender as outras nove... LEE MORGAN.

Así que decídeme... quen pode ter escrito algo así, con aerosol, nun muro de Vigo cando calquer grafiteriro podía ter escrito calquer outra cousa... cando algo así, prácticamente só podería ser escrito para uns poucos ollos... por que decídeme, para cantos de vos teñen sentido?

9 de set. de 2013

Time will tell

Non é a primeira vez que poño este vídeo no meu blog. Xa o teño posto algunha vez máis pero aproveito que atopei unha versión completa en Youtube para poñelo de novo... é unha peza tocada por Wynton Marsalis e os Jazz Messenger de Art Blakey, composta por un ex membro da banda, Bobby Watson, e que nesta grabación no Bubba's Restaurant in Ft. Lauderdale, FL, participaron Bill Pierce como saxo tenor, Wynon Marsalis na trompeta, Branford Marsalis no saxo alto, Jimmy Williams no piano, Art Blakey na batería e un músico que aínda non sei quen é no baixo. Non sei cantas veces teño escoitado "Time Will Tell" e para ser sinceiro nunca canso del... sempre me produce un arrebato de emocións, sempre me emociona, me electriza... sempre.

Falo deste tema porque para min é algo marabilloso que expresa como o tempo arranxa todo, como o tempo pasa e todo cambia, e xa nada é igual... o tempo dirá, o tempo pasa, escápase, pero ten un efecto reparador... e así quero aproveitar para pedir disculpas a todos aqueles aos que teño feito dano e a todos aqueles aos que teño fallado... unha e outra vez... sodes tantos... por acción ou omisión... vos pido disculpas por non ser toda a boa persoa que debería ter sido... o tempo pasa e todo o arranxa... o tempo dirá o que nos espera, só o tempo o sabe.

30 de out. de 2012

Soul Food to Go

Un pouco de alegría para tempos difíciles... que tamén é necesaria, porque a música, dalgún xeito, é o alimento da alma...

E hoxe unha boa enchenta, un pratiño fino, de fai xa uns cantos anos, algo que gustaba escoitar cando eu tiña 14 anos... un tema do grupo de vocalistas Manhattan Transfer, "Soul Food to Go", un fermoso e alegre tema que é en realidade unha versión da canción "Sina" de Djavan.

Tempo facía que non escoitaba isto, unha canción que daquela era un gran éxito nos "Cuarenta Principais"... para que vexades como cambiou todo dende aquela...

Veña, poñede en marcha o reproductor e escoitade isto, para alegrarvos un pouco o día, a tarde, a noite, para que vos apetezca cantar... para que conxuremos a esperanza...

Ooo ooo ah
This be-bop's too much
I know you know
Hip hop
Never stop
I'll pour you tasty funk
We got
Cool and hot
Just for you
The pleasures of the soul
Come on
Come in
And check it out
Ooo c'est si bon

13 de feb. de 2012

Cando chove

Fai algún tempo que mirei unha interesante película coral chamada “Na cidade”, do director catalán Cesc Gay. Un grupo de amigos que viven en Barcelona contan as súas vidas cheas de amores, de dores, de enganos (tamén para eles mesmos) e de segredos. O certo é que engancha, non perde ritmo en toda a metraxe e os diálogos son axeitados intelixentes e fala de cousas tan recoñecibles por todos mesmos como as nosas vidas.

Un dos momentos especiais é o final. O aniversario de Irene, unha das protagonistas, aínda que realmente todos os amigos son protagonistas. Ela está casada con Manu e teñen unha nena, pero ela non é feliz, algo do que non se decata Manu, porque ela ten un segredo que lle da esa inseguridade de non saber o que un quere.

Todos os amigos xúntanse para o aniversario dela e todos acoden á casa de Irene e Manu establecendo unha tregua, esperando ser felices durante un rato, e todos, todos, parecendo asumir os seus fracasos e os seus segredos, tratando de seguir adiante.

Pero tamén é un momento no que as tensións libéranse, sobre todo as de Irene. Que facer? Seguir ca súa historia segreda ou con aquel marabilloso home que tanto a quere? Lanzarse á incertidumbre da corrente na procura de novas sensacións ou acurrucarse na tranquilidade dunha relación estable na que en certo modo ten a certeza da felicidade? Traizoar o no a un bo home?

Manu regálalle unha bicicleta e ela, no medio da comida na fermosa terraza do ático no medio de Barcelona rompe a chorar. Manu vai detrás del, abrázaa e ela, de súpeto, como tamén lle pasa a todos os seus amigos, parece aceptar o que é, que no fondo quere moito a ese home.

E nesa escea xusto, nun desenlace sen palabras, pero con moita comunicación cando empeza a soar esta fermosísima melodía chamada “When it rains” de Brad Melhdau… co melancólico e evocador piano, como falando de que a vida é tráxica e triste pero o mesmo tempo decindo que no fondo a felicidade está en aceptármonos tal como somos.

Ao final non hai un desenlace real, ninguén sabe si Irene e Manu seguirán xuntos, si os amigos resolverán os seus problemas pero iso é en certo modo o bonito da película, que cada un saque as súas conclusións.

A miña é que resulta moi atraínte esa novidade da fantasía realizada, de atopar alguén que nos saque da monotonía, que transforme a nosa vida nunha aventura, pero que un día descubrimos que aquela nova vida transformouse en algo practicamente igual á vida da que fuxíramos e é nese momento cando nos decatamos do noso erro.

E que o tema “When it rains” é unha delicia que me levaba rondando pola cabeza dende que mirara “Na cidade”. Aqueles días, por máis que busquei non atopei nin o nome nin o autor… pero este sábado mirei unha película de Keanu Reeves e Sandra Bullock, “A Casa do Lago”, un tanzo melosa, pero cun argumento bastante bo e moi boa fotografía. E xusto nunha das partes máis intensas e máis importantes soou de fondo “When it rains”. E este sábado non parei ata que din co seu nome, e é por iso polo que quería compartila con vos.

6 de set. de 2011

O totem de Lee Morgan

En Radio 3, os sábados e os domingos ao medio día botan un excelente programa chamado "A todo Jazz" todo un clásico do panorama radiofónico español. Como tamén é un clásico o seu presentador Juan Carlos Cifuentes, "Cifu para los amigos". "A todo Jazz" explora o jazz máis clásico, como o Be Bop, o Cool, o Son West Coast e artistas como Miles Davis, Dexter Gordon, Duke Ellington, Dizzy Gillespie, e un largo etc..

O programa comeza, todos os días ca mesma entradilla, unha marabillosa peza, unha peza que é toda unha declaración de intencións respecto do contido do programa. Empezas escoitando ese ritmillo e sabes que este programa vai ser algo fermoso, especial.

Levo moito tempo escoitando ese programa, uns días en directo, outros por podcast, e sempre, sempre disfruto dese tema… chamado… ben, o certo é que non tiña nin idea do nome do tema, do creador, dos intérpretes… Pero o outro día, Cifu decidiu adicar o programa enteiro ao disco que incluía ese tema.

Sinceiramente, non só descubrín que ese disco chamábase “The Sidewinder”, que o compositor era Lee Morgan (trompeta) e que os intérpretes eran Joe Henderson (saxo tenor), Billy Higgins (batería), Barry Harris (Piano), Bob Cranshaw (contrabaixo). Que o tema en cuestión é “Boy, what a night”, que no disco hai catro temas máis todos xeniais, que o disco foi publicado por Blue Note y que sembrou influencia, que o estilo de Lee Morgan era o Hard Bop, pero que o disco sentou as bases do que logo chamaríase Soul Bop. Non, o mellor foi que descubrín un marabilloso tema chamado “Totem Pole”.

O tema empeza cun lixeiro fraseo de piano acompañado do claro swing da batería e do contrabaixo, e de súpeto entran a trompeta e o saxo tenor, marcando un contrapunto de dúas melodías entrelazadas pero perfectamente casadas entre elas, facendo unha danza electrizante a ritmo latino, melancólica, e chea armonías de cuarto de ton, ata que fai unha marca a batería, hai un pequeno “crescendo”, cambia o ritmo a 4 por 4, e tras unha curta repetición da melodía, empezan as improvisacións todas elas maxistrais.

Primeiro a trompeta de Lee Morgan cun swing perfecto. Logo tras o cambio de ritmo o saxo, pausado contrapunto, entrando en ritmo aos poucos, collendo forza e igual que antes ca trompeta, xogando co piano, ca batería… outra vez o cambio de ritmo e entra o piano ca súa improvisación, tan só acompañado po la batería e o contrabaixo, perfectos acompañantes dunha execución cristalina. De novo o cambio de ritmo, e tras un toque de batería entra de novo a trompeta que desta volta aínda é máis incisiva, máis arriscada pero ao mesmo tempo máis clara cas notas, ata que chega o cambio de ritmo, a trompeta recorta as frases e entón volve a melodía inicial co conxunto ao completo, ata que lentamente esta vai esmorecendo de vagariño, deixándote tan só unha agradable sensación no corpo.

Escoitadeo e disfrutádeo.