UA-55725853-1

13 de feb. de 2012

Cando chove

Fai algún tempo que mirei unha interesante película coral chamada “Na cidade”, do director catalán Cesc Gay. Un grupo de amigos que viven en Barcelona contan as súas vidas cheas de amores, de dores, de enganos (tamén para eles mesmos) e de segredos. O certo é que engancha, non perde ritmo en toda a metraxe e os diálogos son axeitados intelixentes e fala de cousas tan recoñecibles por todos mesmos como as nosas vidas.

Un dos momentos especiais é o final. O aniversario de Irene, unha das protagonistas, aínda que realmente todos os amigos son protagonistas. Ela está casada con Manu e teñen unha nena, pero ela non é feliz, algo do que non se decata Manu, porque ela ten un segredo que lle da esa inseguridade de non saber o que un quere.

Todos os amigos xúntanse para o aniversario dela e todos acoden á casa de Irene e Manu establecendo unha tregua, esperando ser felices durante un rato, e todos, todos, parecendo asumir os seus fracasos e os seus segredos, tratando de seguir adiante.

Pero tamén é un momento no que as tensións libéranse, sobre todo as de Irene. Que facer? Seguir ca súa historia segreda ou con aquel marabilloso home que tanto a quere? Lanzarse á incertidumbre da corrente na procura de novas sensacións ou acurrucarse na tranquilidade dunha relación estable na que en certo modo ten a certeza da felicidade? Traizoar o no a un bo home?

Manu regálalle unha bicicleta e ela, no medio da comida na fermosa terraza do ático no medio de Barcelona rompe a chorar. Manu vai detrás del, abrázaa e ela, de súpeto, como tamén lle pasa a todos os seus amigos, parece aceptar o que é, que no fondo quere moito a ese home.

E nesa escea xusto, nun desenlace sen palabras, pero con moita comunicación cando empeza a soar esta fermosísima melodía chamada “When it rains” de Brad Melhdau… co melancólico e evocador piano, como falando de que a vida é tráxica e triste pero o mesmo tempo decindo que no fondo a felicidade está en aceptármonos tal como somos.

Ao final non hai un desenlace real, ninguén sabe si Irene e Manu seguirán xuntos, si os amigos resolverán os seus problemas pero iso é en certo modo o bonito da película, que cada un saque as súas conclusións.

A miña é que resulta moi atraínte esa novidade da fantasía realizada, de atopar alguén que nos saque da monotonía, que transforme a nosa vida nunha aventura, pero que un día descubrimos que aquela nova vida transformouse en algo practicamente igual á vida da que fuxíramos e é nese momento cando nos decatamos do noso erro.

E que o tema “When it rains” é unha delicia que me levaba rondando pola cabeza dende que mirara “Na cidade”. Aqueles días, por máis que busquei non atopei nin o nome nin o autor… pero este sábado mirei unha película de Keanu Reeves e Sandra Bullock, “A Casa do Lago”, un tanzo melosa, pero cun argumento bastante bo e moi boa fotografía. E xusto nunha das partes máis intensas e máis importantes soou de fondo “When it rains”. E este sábado non parei ata que din co seu nome, e é por iso polo que quería compartila con vos.

Ningún comentario :

Publicar un comentario