UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta galego. Amosar todas as publicacións

24 de mar. de 2013

Vigo en Castelán con Rosalía

Este venres co galo dos actos organizados polo concello de Vigo para celebrar o 150 aniversario da edición de "Cantares Gallegos" tiven a sorte de poder cantar cos meus compañeiros do Coro da ETrad no Auditorio do Concello. O acto foi concevido como unha audición conxunta das escolas de música do Concello misturado ca lectura de poesía de Rosalía e enfocado como unha homenaxe...

Como moitos saberedes, o Coro da ETrad é unha das aulas abertas da ETrad, un proxecto de música coral enfocado á música tradicional galega sen excluir a de outros lugares do mundo. O certo é que temos a sorte de contar cunha excelente directora, Xela, que ademais de facer uns arranxos boísimos, ten con nos unha paciencia e enerxías infinitas.

Despois de medio ano ensaiando nada máis que dúas horas os venres, como podedes comprender, o noso repertorio non é moi amplo... tres pezas, das cales unha é un canto de aguinaldo que interpretáramos polo nadal. As outras dúas son unha peza tradicional galega, "Chote de Leirado" e unha peza tradicional piamontesa "Giuvu d`an bel giuvu". Nin se nos pasou pola cabeza interpretar esta última na homenaxe a Rosalía.

A cousa é que un dos grupos que actuou foi o Coro da Escola Municipal de Música... a miña sorpresa e a dos meus compañeiros, a sorpresa coñecida por min de algúns membros dese coro, e supoño que a sorpresa de moita xente de entre o público, foi que nun acto totalmente enfocado ao galego (pulsade na imaxe de abaixo, que é un anaco do folleto dos actos que inclúo no artigo, e lede ), e baixo o lema común "Vigo en Galego con Rosalía", o Coro da Escola Municipal de Música interpretou dúas pezas, unha delas en inglés e a outra en castelán.

Por certo, segundo me contou unha rapaza dese coro... teñen un tema en galego...

Qué máis podo engadir... como podemos admitir tal grado de estupidez, de vergoña, de insulto á nosa cultura, ao noso idioma... ou incluso á memoria de Rosalía de Castro, unha persoa que escribindo tamén en castelán, tratou de dar ao galego a dignidade que merece? Gustaríame pedir dende aquí responsabilidades e arrepentimentos... pero confórmome con cuspirlle, publica e virtualmente, ao director do coro, unha persoa que non debería se meredora de dirixir ningún coro na Galiza e que mellor faría marchando a facelo aos madriles... non podo concevir excusa algunha para tal demostración de autoodio.

Lede, por favor, o texto do presidente da Fundación Rosalía de Castro e explicádeme como baixo palabras tan emocionadas e cheas de razón pode acollerse un acto que fai delas unha burla descarada?

Que noxo, de verdade, que noxo!

13 de out. de 2012

Vamos!

En plena camapaña electoral empezan a chegar as primeiras cartas de propaganda dos partidos... nada interesante agás, mirade vos por donde, o acerto de UPyD de presentar unha soa carta por domicilio, no canto do despilfarro que supón unha carta por cada elector na casa.

E logo... a carta do PP... Di a carta, así, arriba de todo, en grandes letras en galego "Ven e Vamos". O primeiro que pensei foi que tiña que comprobar si "vamos" en galego dise "imos" por que o certo é que en outra parte da carta di, en castelán, "Ven y vamos". Pensei: "A primeira persoa do plural do verbo "Ir" é "Imos" pero tamén podería ser a primeira persoa do plural do imperativo, que se di "vamos"..." Pero é que en castelán resulta que o imperativo é "vayamos", polo que está claro que en castelán usaron os presentes, e en galego, por equivalencia, tamén... así que ao final, cheguei á única conlusión posible... que cando as cousas non se fan con sinceridade, tan só por quedar ben... fanse mal.

Resumindo, que ao PP impórtalle ben pouco o galego, que todo é fachada como ben xa moitos sabemos. Por que non é raro que alguén cometa erros gramaticais... eu cometo moitos... de seguro hai unha chea deles neste texto... o problema é que organismos como un partido político, con recursos como para contratar traductores a mans cheas, cometen erros como estes e logo pretenden enganarnos dicindo que defenden a nosa lingua.

12 de xul. de 2012

Cousas que mirar en Salamanca

De vacacións, andivemos os dous por Salamanca en tránsito para Málaga. Bo sitio Salamanca. Fermosa cidade, bo tempo e bo comer... contundente e saboroso. Boa terra a charra.

E tanto... un dos días comemos nun bar da famosa rúa de tapeo de Salamanca, a rúa Van Dyck, nun sitio chamado "Los Faroles"... moita tapa pero tamén menú do día a 8 euros, todo moi rico e abundante, comida de batalla pero paga a pena. Eu comín revolto de farinato (unha especie de embutido típico feito con manteiga) ben cargado de calorías, e un delicioso estofado... E entón se che cae a alma aos pés cando miras o manteliño de papel... de Augas de Mondariz.

Nel aparece a frase "bo proveito" en catalán, francés, inglés, euskera, chinés, xaponés, grego, ruso, italiano, alemán, árabe, portugués... castelán... e galego... cona... galego non!!!

Pode ser que eu, na miña incultura o sendo como son nacionalista (ou galeguista, tanto ten), teña un xeito de pensar revirado e sesgado, quero dicir, que tendo a pensar mal de Augas de Mondariz. Mais, penso eu, que de querer facer un manteliño multilingüe, que lles custaba por a lingua da súa propia terra? Se só estivese escrito en castelán eu entendería que non fóra escrito en galego, non?

Outro día pola noite parando a tomar un pinchiño en Ronda había unha tenda diante nosa,  Stradivarius, e lembro que lle preguntei a Lupe… “oes, esa é de Zara, non?” porque resulta que no escaparate tiña escrito algo en varios idiomas, non lembro que, pode ser que fora rebaixas, e un deles era o galego…

O custe de facer país é baixísimo. O custe de diferenciarse como produto dunha terra marabillosa tamén. Pero o custe de é altísimo polo menos para a terra que é orixe de tanta calidade. Augas de Mondariz avergóñame e avergoña á súa orixe unha e outra vez… eu tamén sinto vergoña desta empresa e por iso non penso mercar unha botella da súa auga nunca máis.

10 de ago. de 2011

Concellala demasiado poco gallega

Eu, como a concelleira de cultura de A Coruña, tampouco entendo á certa xente cando fala, en especial á esa mesma muller.











Xa sabedes que esta edil ven de facer unhas declaracións ao xornal O Ideal Galego un tando peculiares:

"¿Hay que potenciar que venga gente de fuera por eventos culturales?
—Esto es algo importantísimo. Hasta ahora se estuvieron programando cosas demasiado gallegas. Yo creo que se debe ofertar cosas de aquí, evidentemente, pero también programar otras cosas. Lo importante es que para que te interese la cultura tienes que entenderla, y tiene que estar en un idioma que entiendas."

Que significa "cousas demasiado galegas"? Que é ser demasiado galego? Os pementos de padrón son demasiado galegos? Ou o polvo á feira? Tratade de imaxinar que en Sevilla na Feira de Abril ao concellal de cultura se lle ocorre dicir que "Ata agora estivéronse programando cousas demasiado flamencas"... a que sería ridículo? Digo eu... se os concellos galegos non promocionan ante os turistas a cultura galega... quen a vai promocionar?

Supoño que hai de todo, pero penso eu que xustamente cando un viaxa é para coñecer cousas novas, non para ver o mesmo que ve todos os días. Para iso queda na casa. Por exemplo, como cando nos fomos a Estambul... non buscabamos cultura española, se non cultura turca... sería ridículo.

E logo está esa tonta xustificación de que hai que escoitar música en castelán para entendela... iso que quere dicir entón que o concello coruñés non vai traer a ningún grupo extranxeiro? Entón... porque tocaron Motorhead fai nada? Iso quere dicir que xa non van facer nunca máis o Festival Mozart, festival onde todo o que se canta está en Alemán, Italiano ou Latín?

Claro que tamén pode ser que eu non me entere de nada e que os coruñeses e todos os visitantes de A Coruña sexan superdotados e que saiban falar inglés, alemán, francés, italiano, latín e esperanto. A mágoa é que non saiban falar galego...

O peor de todo isto non é que estas declaracións sexan parvadas nin que sexan un insulto a intelixencia dos galegos e a nosa cultura (que si que o é, claro). O peor é que isto ven a demostrar que calquera pode ser político e chegar a ter un cargo. Un político debería actuar sempre con respecto, medindo as súas palabras e falando con seriedade. Un político nunca debería decir o primeiro que se lle ven á cabeza. Pero declaracións como as desta muller veñen a demostrar que non é así, que os políticos non chegan a ser políticos pola súa valía, que en políca o máis parvo fai avións.

Por iso, eu, dende o meu modesto blog non pido a rectificación, pido directamente a dimisión desta señora que está claro que non vale para este cargo. Quédalle grande. É un insulto ter xente como esta nun cargo público.

Remato ca miña aportación "#cosasdemasiadogalegas": por favor, pídolle un pouco de sentidiño aos políticos, e que a xente que se presente aos cargos públicos teña un mínimo de preparación. Poderá ser?