UA-55725853-1
Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións

28 de maio de 2013

Reconquista 2013... o tecelán

Por desgraza as feiras temáticas tipo medieval como a Reconquista estanse a converter en rinconciños onde esmorecen languidamente vellos costumes e oficios que a nosa sociedade moderna ten esquencido nun recuncho do faiado da memoria. E non porque sexa malo que aínda existan artesáns convencidos en manter oficios ou agrupacións que recuperan costumes e que van a esas feiras a ensinar esas empoecidas antigallas, todo o contrario, a cultura esmorecente ten a UVI nos museos e nas mostras. Nestes tempos que corren é necesario un cambio de sistema e cada día que pasa estou máis convencido de que ese cambio ten que vir da man dun encontro entre o futuro e o pasado: coller o bo que nos ten dado esta moderna sociedade e amalgamalo co bo do pasado para facer algo novo. A tecnoloxía na súa xusta medida debullada de frivolidades innecesarias e todas as tradicións culturais, laborais e sociais que dende tempos anteriores á cruz teñen transmutado e evolucionado no que hoxe coñecemos como "cultura tradicional". Vos decatades de que o xeito de vivir dos nosos ancestros menos a dificultade por un baixo nivel tecnolóxico pode ser igual a unha vida de calidade? Dende este punto de vista o traballo etnográfico colle unha nova calidade: traballos como os de Chisco, Leni, Luis Prego, Miguel Souto, Mercedes Peon, Montse Rivera, María Prego... e unha lista que si empezo a escribir non me chegan vinte liñas son máis necesarios que nunca!

Mirando o tecelán das fotos lémbrome dunha cousa. Fai algún tempo editouse unha novela, unha enciclopedia novelizada máis ben, de tal nivel que ata Boris Izaguirre recomendouna. Chámase "Tempos de Arroz e Sal", e o escritor é Kim Stanley Robinson. Este señor escrebe ciencia ficción estricta... iso é ciencia ficción tratando de cinguirse á realidade física na que vivimos, pero este libro é un libro de historia... paralela. É o que se chama unha "ucronía", un, como dirían os da Marvel, "what if...?", é dicir, que pasaría. Que pasaría se a peste matase a todos os europeos e no mundo as dúas grandes potencias históricas e civilizadoras fosen China e o mundo árabe? E así, respondendo a esta pregunta o escritor conta esa historia da humanidade paralela, na que os descubrimentos científicos, as grandes guerras, o pensamento filosófico vai sendo desenvolvido por uns e outros... América é descoberta polos chineses pero como o recorrido do Pacífico é maior a conquista nunca é total e os nativos americanos teñen tempo de se organizar e acaban por conservar o seu continente orixinal.

E que ten que ver un tecelán con isto?, diredes vos. Pois a trama e a urda... esa sociedade de nativos americanos é unha sociedade atomizada en tribos-nazón que levan toda a vida loitando entre eles... tan lonxe están do concepto de nazón actual. Pero entón, no momento xusto alguén crea o concepto de trama e urda. A trama é o fío que se cruza con outros dous e queda así atrapado. Cada fío da tea ten a súa trama, está collido por outros dous. A urda e o conxunto de fíos paralelos e así cada tecido ten dúas urdas. O que lle da forza á tea e iso, a trama e a urda: cada fío por si só é feble, pero na tea... é como unha parede. No libro, as tribos deseñan unha sociedade baseada no deseño das teas: cada individuo pertence a unha trama, a unha tribo, individuos ca mesma orixe, fíos paralelos, pero ao mesmo tempo cada invidiu pertence a un grupo transversal, a trama, e así cada individuo queda dobremente enlazado, creando unha sociedade máis forte, máis resistente. Teñen un doble fluxo de responsabilidade e lealtade, un fluxo cruzado que os fai máis fortes. E non podería ser tamén este un concepto real que usar nunha nova sociedade da humanidade?

Trama e urda. Pasado e futuro. O entrelazado das cousas é o que nos pode levar por un novo camiño: ata agora os homes fixemos a nosa historia a golpe de hacha, de desentrelazar o fiado. Vai sendo hora de cambiar iso: é tempo de teceláns. As respostas están diante de nos, no que nos rodea, na natureza e tamén nas nosas tradicións. Só hai que saber mirar.

27 de maio de 2013

Reconquista 2013 en baranco e negro... os ferreiros

Fai xa moitos anos vivín uns meses na pérfida Albión que ao final non resultou nin tan pérfida, nin tan fría, nin sequera flemática. Bon, algo si, pero o certo é que o Lake District é unha zona o suficientemente próxima a Escocia como para que os seus habitantes teñan outro ton que non teñen os de máis ao sur... Cumbria é o teito de Inglaterra e as súas montañas, colinas comparadas cas que hai ao norte do muro de Adriano, son o suficientemente altas como para marear a moitos británicos de pro. E supoño que iso imprime, tamén, aos que as habitan, un certo caracter máis, digamos, norteño.

Por aqueles días a miña residencia estableceuse nunha pequena cidade chamada Barrow-in-Furness, da que xa teño falado no blog, e foi alí, recorrendo os seus fermosos paseos, praias, illas, como aprendín a apreciar as "chips" e as cervexas inglesas, e tamén, o tabaco de liar... e naqueles marabillosos días que pasei alí, tamén aprendín a relacionar certo cheiro a carbón queimándose con aqueles mesmos sitios. Supoño que iso foi o que me levou na reconquista a botar un bo rato tirándolle fotos aos ferreiros, embriagado a partes iguais polo son enfeitizante do disparador e polo cheiro evocador do carbón queimando que inevitablemente me levaba de volta, tantos anos despois, á canle de Walney.

Tamén que un obradoiro é un recurso moi bo para fotografar... e tamén que me pediran eles que lles sacara unhas cantas fotos traballando... todo conta. E co galo pois saíron unhas cantas fotos que boas ou non polo menos poden ser ensinables... Por certo, eles son "Forja Galaica", dous rapaces que fan artesanía en ferro forxado, e son de Mos.

Reconquista 2013 en baranco e negro... franceses!!!

E como non os franceses... que por non saber nin souberon tratar aos galegos... nin que foran casteláns! Fachendosos, chauvinistas... camparon as súas anchas polas nosas terras, querían traer paz e liberdade e fraternidade e trouxeron guerra e odio e máis absolutismo do que xa había. Sempre debería haber un principio por encima de todas es "ites"... o principio das formas. Máis vale un bo xesto que mil xestos bos e outros 1000 xestos malos. Tamén deles deberiamos sacar unha boa lección... hai xeitos e xeitos de facer as cousas e a violencia só debería ser o último recurso... dos incompetentes: iso sí, nunca a ameaza da violencia debe ser desprezada como recurso último polo pobo. Unha cousa é non usar a violencia como principio e outra, cando non nos deixan outra opción, usala para nos defender. E nestes tempos que corren, as doutrinas dos que se din liberais, están a pechar portas con ansiedade homicida: poucas opcións están a deixarnos ao pobo.

Reconquista 2013 en branco e negro... galegos!!

Unha pequena selección de fotos feitas na reconquista deste ano, en branco e negro, para dárlle máis caracterización. Neste caso, selección de galegos, danzando, rindo, cantando, protestando, sempre protestando... e logo non empezou así a Reconquista? Protestando polo pan, polo viño, polas fillas, polos espazos? Cando aprenderemos esa grande lección... que hai que protestar, que o que non chora non mama!!! Non nos vexo aos vigueses (nin aos galegos, nin aos españois e menos aos europeos), naquelas xentes de fai 200 anos... cometerían o erro de botar aos que a medio prazos ían traer máis liberdade e pan e viño do que nunca soñaron, pero a lo menos fixeron ben unha cousa... protestaron!! Non deberíamos perdelo no esquencemento.

24 de mar. de 2013

Vigo en Castelán con Rosalía

Este venres co galo dos actos organizados polo concello de Vigo para celebrar o 150 aniversario da edición de "Cantares Gallegos" tiven a sorte de poder cantar cos meus compañeiros do Coro da ETrad no Auditorio do Concello. O acto foi concevido como unha audición conxunta das escolas de música do Concello misturado ca lectura de poesía de Rosalía e enfocado como unha homenaxe...

Como moitos saberedes, o Coro da ETrad é unha das aulas abertas da ETrad, un proxecto de música coral enfocado á música tradicional galega sen excluir a de outros lugares do mundo. O certo é que temos a sorte de contar cunha excelente directora, Xela, que ademais de facer uns arranxos boísimos, ten con nos unha paciencia e enerxías infinitas.

Despois de medio ano ensaiando nada máis que dúas horas os venres, como podedes comprender, o noso repertorio non é moi amplo... tres pezas, das cales unha é un canto de aguinaldo que interpretáramos polo nadal. As outras dúas son unha peza tradicional galega, "Chote de Leirado" e unha peza tradicional piamontesa "Giuvu d`an bel giuvu". Nin se nos pasou pola cabeza interpretar esta última na homenaxe a Rosalía.

A cousa é que un dos grupos que actuou foi o Coro da Escola Municipal de Música... a miña sorpresa e a dos meus compañeiros, a sorpresa coñecida por min de algúns membros dese coro, e supoño que a sorpresa de moita xente de entre o público, foi que nun acto totalmente enfocado ao galego (pulsade na imaxe de abaixo, que é un anaco do folleto dos actos que inclúo no artigo, e lede ), e baixo o lema común "Vigo en Galego con Rosalía", o Coro da Escola Municipal de Música interpretou dúas pezas, unha delas en inglés e a outra en castelán.

Por certo, segundo me contou unha rapaza dese coro... teñen un tema en galego...

Qué máis podo engadir... como podemos admitir tal grado de estupidez, de vergoña, de insulto á nosa cultura, ao noso idioma... ou incluso á memoria de Rosalía de Castro, unha persoa que escribindo tamén en castelán, tratou de dar ao galego a dignidade que merece? Gustaríame pedir dende aquí responsabilidades e arrepentimentos... pero confórmome con cuspirlle, publica e virtualmente, ao director do coro, unha persoa que non debería se meredora de dirixir ningún coro na Galiza e que mellor faría marchando a facelo aos madriles... non podo concevir excusa algunha para tal demostración de autoodio.

Lede, por favor, o texto do presidente da Fundación Rosalía de Castro e explicádeme como baixo palabras tan emocionadas e cheas de razón pode acollerse un acto que fai delas unha burla descarada?

Que noxo, de verdade, que noxo!

22 de feb. de 2013

Merdeiros

Tomado da Wikipedia en galego: "Vestirse no entroido de merdeiro era un costume típico entre os mariñeiros da ribeira viguesa. O seu obxectivo era incordiar á xente na época do entroido, restregando indiscriminadamente ás súas vítimas con restos de peixes apodrecidos. O motivo da creación desta figura foi a xenreira existente entre mariñeiros e labregos. A vestimenta era á imitación dos escabicheiros, (persoas do rural que collían os escabiches e baleiraban os pozos negros da cidade para cuitar as súas veigas), esaxerando os elementos do traxe e apeiros máis significativos: o pucho, os símbolos e o farol".

12 de nov. de 2012

Pequenas fotos

Este pasado mes de agosto tiven o pracer de participar na XII Maratón Fotográfica de Vigo xunto a 5 persoas estupendas, que ademais de iso son bos amantes de ollar o mundo dun xeito diferente. O certo é que foi unha xornada especial da que teño moitas lembranzas e que teño gañas de repetir.

E ademáis, por si fora xa pouca cousa, vai e gaña o primeiro premio un de nos, Óscar, excelente fotógrafo, grandísima persoa e aínda mellor profesor... que máis se pode desexar?

Se pulsades aquí poderedes ver ao galardonado posando cas súas fotografías… e tamén poderedes ver aquí as fotos de Yoli, que non levou premio metálico pero si o recoñocemento de ver as súas fotos publicadas individualmente en grande formato.

Eu pola miña parte presentei estas outras catro fotografías (agora un pouco melloradas de como as presentei ao concurso porque si que é verdade que me quedaron un pouco oscuras) que non son unha marabilla pero que polo menos teñen un certo nivel artístico.

Da primeira dicir que quería coller a sombra na noite dun elemento arquitectónico urbán pero quedou poco claro porque quizais a saquei moi baixa. Da segunda… ben, era difícil tirar alí, arredor das pobres pulpeiras e é unha mágoa que non saira máis polvo e menos fume (e tamén é unha mágoa non terme lembrado de usar o disparo de ráfaga).

Da terceira… ben, aquí quería xogar con algo diferente… o tema era “refrescante”, polo que a relación da foto co tema é a neveira que lle serve de caseta ao can. E a última, a do tema “cultura urbana”, pois é da que máis contento me sinto pero faltoume un par de detalles… un non ter pechado un pouco máis o diafragma para sacar ao vello maís enfocado (a idea era o contraste entre a cultura do rapaz novo e a do vello) e o outro pois o mesmo de antes, non ter usado a ráfaga… esto é o bo destas cousas… aprender!!!