UA-55725853-1

24 de mar. de 2013

Vigo en Castelán con Rosalía

Este venres co galo dos actos organizados polo concello de Vigo para celebrar o 150 aniversario da edición de "Cantares Gallegos" tiven a sorte de poder cantar cos meus compañeiros do Coro da ETrad no Auditorio do Concello. O acto foi concevido como unha audición conxunta das escolas de música do Concello misturado ca lectura de poesía de Rosalía e enfocado como unha homenaxe...

Como moitos saberedes, o Coro da ETrad é unha das aulas abertas da ETrad, un proxecto de música coral enfocado á música tradicional galega sen excluir a de outros lugares do mundo. O certo é que temos a sorte de contar cunha excelente directora, Xela, que ademais de facer uns arranxos boísimos, ten con nos unha paciencia e enerxías infinitas.

Despois de medio ano ensaiando nada máis que dúas horas os venres, como podedes comprender, o noso repertorio non é moi amplo... tres pezas, das cales unha é un canto de aguinaldo que interpretáramos polo nadal. As outras dúas son unha peza tradicional galega, "Chote de Leirado" e unha peza tradicional piamontesa "Giuvu d`an bel giuvu". Nin se nos pasou pola cabeza interpretar esta última na homenaxe a Rosalía.

A cousa é que un dos grupos que actuou foi o Coro da Escola Municipal de Música... a miña sorpresa e a dos meus compañeiros, a sorpresa coñecida por min de algúns membros dese coro, e supoño que a sorpresa de moita xente de entre o público, foi que nun acto totalmente enfocado ao galego (pulsade na imaxe de abaixo, que é un anaco do folleto dos actos que inclúo no artigo, e lede ), e baixo o lema común "Vigo en Galego con Rosalía", o Coro da Escola Municipal de Música interpretou dúas pezas, unha delas en inglés e a outra en castelán.

Por certo, segundo me contou unha rapaza dese coro... teñen un tema en galego...

Qué máis podo engadir... como podemos admitir tal grado de estupidez, de vergoña, de insulto á nosa cultura, ao noso idioma... ou incluso á memoria de Rosalía de Castro, unha persoa que escribindo tamén en castelán, tratou de dar ao galego a dignidade que merece? Gustaríame pedir dende aquí responsabilidades e arrepentimentos... pero confórmome con cuspirlle, publica e virtualmente, ao director do coro, unha persoa que non debería se meredora de dirixir ningún coro na Galiza e que mellor faría marchando a facelo aos madriles... non podo concevir excusa algunha para tal demostración de autoodio.

Lede, por favor, o texto do presidente da Fundación Rosalía de Castro e explicádeme como baixo palabras tan emocionadas e cheas de razón pode acollerse un acto que fai delas unha burla descarada?

Que noxo, de verdade, que noxo!

4 de mar. de 2013

Astrouxío

Un pequeno traballiño meu co debuxo dixital... a partires dunha foto do pequeno Uxío, o neno dos amigos Fani e Estevo, que estaba todo guapo co seu mono vermello...

27 de feb. de 2013

Achégase a Primaveira...

Mañá empeza marzo e alá polo final do mes o crudo inverno dará paso á alegre primaveira, pero xa, a pesares do frío, empezamos a poder gozar dos primeiros días soleados nos que apetece saír da casa para deixar que os raios da nosa estrela veciña quenten a nosa pel. Un pequeno adianto da primaveira que está por vir en forma de pracer na solaina e das máis atrebidas das flores que empezan a asomar nas polas de algunhas árbores e nos talos de algunhas prantas (isto non é totalmente certo, porque xa antes destos apoucados avisos da primaveira, cando aínda os días eran realmente grises, apareceron as flores dos camelios).

Que empece a recoller o sr. Inverno as súas cousas que xa aparece dona Primaveira polo horizonte!

Ogallá as cousas fosen tan fáciles en outros eidos! Ogallá bastase con que chegase certa data para que o inverno da crise recollese e marchase! Maldito sexa o que gaña cartos espantando ao cuco que chama pola primaveira da recuperación!

26 de feb. de 2013

Suculentas florecendo

Fai nove meses sacaralle unhas fotos a unhas prantas que nos regalara a nosa amiga Silvia, unhas verdes semprevivas, as catro de pequenas que eran, metidas xuntas nunha maceta.

Alá polo verán empezaron a medrar e decidimos separalas e dous delas, as máis afortunadas porque non recibiron ataques gatunos, son case tan grandes como a maceta na que convivían alá por maio de 2011. Penso que co seu tamaño xa tapan un prato sopeiro. As outras dúas... sufriron o ataque dunha Chinchiña e andan un pouco raquíticas, unha delas ata perdeu a raíz.

Pois resulta que estas prantiñas non son semprevivas se non echeverias, ou Rosas de Alabastro, unhas prantas suculentas, da familia Crassulaceae, emparentadas cas Sempervivum, e que son orixinarias do México... en particular parece ser que estas poderían ser Echeveria agavoides.

A cousa é que estas echeverias, as grandes, están a florecer... e por iso, antes que saian as flores, decidínme a sacarlles outra tanda de fotos... cando por fin as flores abran sacareille unhas novas. Agora espero que disfrutedes estas.

22 de feb. de 2013

Merdeiros

Tomado da Wikipedia en galego: "Vestirse no entroido de merdeiro era un costume típico entre os mariñeiros da ribeira viguesa. O seu obxectivo era incordiar á xente na época do entroido, restregando indiscriminadamente ás súas vítimas con restos de peixes apodrecidos. O motivo da creación desta figura foi a xenreira existente entre mariñeiros e labregos. A vestimenta era á imitación dos escabicheiros, (persoas do rural que collían os escabiches e baleiraban os pozos negros da cidade para cuitar as súas veigas), esaxerando os elementos do traxe e apeiros máis significativos: o pucho, os símbolos e o farol".

21 de feb. de 2013

Formigas

Conversa de WhatsApp de fai un par de días. Os participantes recoñeceránse na conversa que no orixinal vai en castelán:

R: vídeo.
R: A ver quen sabe onde estou.
D: No estadio olímpico das formigas.
R: Perdoade o meu pouco edificante comportamento, foi un momento de debilidade.
D: En China son un manxar.
R: Que coCHINOS.
M: Respetalas que como os mercados e a Merkel se salgan ca súa acabaremos por envidiar as súas condicións laborais...
R: Abofé.

20 de feb. de 2013

Xogos de gatos

Non podo resistirme a publicar estas fotos que tirei o pasado xoves.

Unha tarde de sol despois de tantos días de choiva invita ao xogo na herba e a recrearse, cámara en man, con estes xogos.

Non faltaron bos momentos. Primeiros planos, por exemplo, porque non hai gato que se resista a deixarse quentar polo sol que xa empeza a cheirar a primaveira e así é fácil achegarse a eles ca cámara... ás veces parece que lles encanta posar tranquilamente.

E tampouco faltaron pequenos desafíos nos que aproveitar para practicar ca profundidade de campo, algo parecido ao que se facía nas pelis de vaqueiros no momento do duelo. Un dos pistoleiros en primeiro plano pero desenfocado, de costas, e o outro ao lonxe, enfocado... ese é o que tes que mirar, porque é o bo, ou o feo... ou o malo, e esa tensión electrizante entre os dous, xusto antes de que saquen as pistolas, ou salten un contra o outro!

Aclaración, neste duelo gatuno non hai nin bo, nin feo, nin malo... bos os dous, e como moito fermosa e protestón.

E si sacamos unha escena de pose sincronizada?

Como sempre despois da loita... os cariños... que non falten nunca!! Non sería este un mundo mellor se na loita non morise ninguén, nin houbese humillados, tan só a honra de recoñecerse perdedor e que despois de loitar sen trampas se acabase todo cunha aperta?

E outro exemplo máis do poder da profundidade de campo: o protagonista que ten que marchar, solitario, mentras o resto das personaxes, van quedando atrás, desenfocadas...

Quen non se lembra de aquela peli, Duelo al Sol, con aquel terrible e apaisoado final co bico derradeiro entre os moribundos Lewton (Gregory Peck) e Pearl (Jennifer Jones)? Aquí sería máis ben Duelo ao Solpor... encántame como a dourada luz perfila os corpos de Moqui e Chincha.

E ao final, o descanso do guerreiro aproveitando os últimos raios do sol e a calor do terrazo das escaleiras. Se fora unha peli do Salvaxe Oeste, estaríamos a mirar como o vaqueiro bo, que perdeu a súa pelexa, está a curarse das súas feridas, pensando nos seus erros e preparándose para un novo enfrentamento.

Aquí non hai nin pistolas nin rifles, simplemente gadoupas e colmillos, pero sen desenfundar, e dous gatos xa cansos, por fin, de tanto xogar e que saben que pouco falta para que caia o sol e que veña o frío da noite.