UA-55725853-1

17 de dec. de 2013

Cuspindo para todos os lados

Queda inaugurada nova sección do blog despois de ver o ben que me sentou soltar uns cantos sapos no día de antonte co galo do McAuto. E cun nome tan confuso como "Puta merda dos collóns!!!". Lía fai pouco nun libro que a ira é mellor botala fora, con tino, sin pasarse. Nada de pouco xestionables arrebatos de violencia. Non, a ira de dicir as cousas cando hai que dicilas, a ira de non calar, e de que si é necesario levantar un pouquiño o ton da voz e soltar catro palabras mal soantes pois se soltan e punto. Como cando tes moitas gañas de facer algo e que ben quedas cando por fin o fas.

Porque facer o contrario, gardar ese veleno dentro, agochar a ira, calar o que necesitas dicir, o único que fai é apodrecerte a alma, a túa raiceira e ennegrecerte dende dentro. É mellor soltar todo cando é necesario, sen perde-lo respecto aos demais, ou se cadra ás veces tamén... depende do que sexa necesario.

En realidade, deixémonos de historias e parvadas, penso usar esta sección para cuspir e cagarme en todo.

E xa postos comecemos por un icono patrio, o futbol. Hoxe no país: "Bruselas pone en jaque a la Liga". Segundo conta a nova, o Comisario de Competencia da UE, Xaquín Almunia, sospeita de trato de favor a certos clubes de fútbol, entre eles Madrid e Barcelona, pola concesión de axudas ilegais a estes dous equipos e outros cinco máis, o que podería levar á devolucións millonarias.

Esta nova, xa por si soa resulta escandalosa dabondo. Neste país de pandeireta que os equipos de fútbol non paguen a facenda nin a seguridade social; que certos equipos, polo interese xeral, non se convertan en Sociedades Anónimas, mentres seguen a ser Sociedades sen Ánimo de Lucro; que certos equipos actúen de conveniencia cas autoridades públicas ou xestores inmoviliarios ... é o máis normal do mundo, non, do mundo non, do páis. Por que neste puto país de merda, o Rei é don Juan Carlos I de España e do Ferrol (do Caudillo) por obra e gracia do fútbol. Por que se os españois quixésemos, a coroa a levaría o balón co que Marcelino gañou á Rusia comunista fai xa tantos anos.

Pero por si fose pouco, vai o paspán do ministro do Interior, erexido a si mesmo superman do deporte rei, e di: "Es obvio que el Gobierno va a dar la batalla hasta el final en defensa de los clubes españoles, que también forman parte de la marca España". Non sei nin que dicir ... non sei que facer, si rir ou soltar aínda máis e máis sapos pola boca. Nunha merda de país no que a xente está ao borde da pobreza miserable, no que a hai xente que xa non pode pagar a factura da electricidade, ou a hipoteca ou o aluguer, no que antes que coller o coche hai que pensalo mil veces, no que é máis fácil chegar a marte que a fin de mes ... os esforzos son para salvar a uns clubes de fútbol trampulleiros e mentireiros que se fosen empresas normais xa terían desaparecido fai anos! Ogallá o Sr. Margallo arda sete veces sete no inferno ... en certo modo, ca excusa da economía nacional, podo aceptar a xustificación dos rescates aos bancos e todos os cartos públicos perdidos neles. Isto non. É inxustificable, diga quen o diga: que se vaian a tomar polo cu o Madrid, o Barça, o Valencia, etc, e como diría o ilustre Xeral Almeida, "e a puta que os pariu".

Lóxicamente todo isto ten unha explicación. Calquera neste país con dous dedos de frente, incluso ao ministreiro Margallo, xa comprendeu que se o fútbol se vai para o carallo a xente deixará de ter esa dose de opio case gratuíto que adormece os sentidos, anula as conciencias e protexe, casi como antibiótico universal, das protestas. Pregúntome, que será dos políticos o día que as adormecidas masas futboleras esperten do seu soño nos fumadoiros de opio futbolísticos? Como unha política valenciana dixo fai pouco... non haberá porras suficientes.

Claro que se cadra é por iso polo que a merda de goberno corrupto que temos mercou fai nada un carro antimanifas que lanza chorros de auga para "garantir o libre exercicio de dereitos e liberdades". Por aquelo de "non vaia ser" ... haberá que ir pensando en ser previsores. Porque digo eu que non o mercarían para a festa da auga, non?

Día seis: unha caracola

Día 006 121013

Esta caracola levoume, sendo neno, moitas veces ao carón do mar sen saír da miña casa, na que durante moitos anos ocupou un anaquiño na sala da televisión.

Non hai moito máis que dicir, unha lembraza máis da miña infancia, desas cousas que son tan importantes cando un é pequeno, as cousas sinxelas. Quen para agora a escoitar o mar atrapado no fondo dunha caracola? Eu, ás veces, trato de lembrarme e intento deixarme levar polas pequenas cousas, que son as de máis grande encanto.

16 de dec. de 2013

Puto McDonald´s

Paseo 150913 07b

Sabedes que me paso o día queixándome. Non sei... está en min, é case unha necesidade. Pois ben... desta volta vou a facelo porque non o entendo, estou farto. Ata o gorro dos domingos pola tarde que demostran o borreguísimos que somos todos, todos... Hoxe, como cada domingo de traballo en turno de tarde, a mesma merda de sempre, as mesmas colas de coches atascados no vial que no porto coñecemos como rúa Rivero de Aguilar, nos dous sentidos. Sempre que estou eu de tarde a mesma historia, paso co coche, vexo as colas e decido actuar. Baixome, collo a linterna co cono amarelo e achégome ao punto onde os coches entran para o puto McAuto.

Neste momento da historia debo pedir desculpas. Vou soltar moito taco.

E sempre é a mesma merda de historia... o vial do McAuto cheo de coches que tardan case media hora en ser servidos e os coches que non poden acceder ao vial quedan agardando na rúa Rivero de Aguilar mentres atascan a circulación... ás veces nos dous putos sentidos.

Hoxe, como sempre, baixei e ordenei, eu que podo, a eses coches que seguisen a circular, xa sabedes, o puñeteiro reglamento de circulación, se vas a desviarte e non podes apartarte a túa dereita, entón tes que seguir circulando. E así, cun pouco de paciencia pola miña parte, porque somos todos uns putos egoístas, os coches empezan a andar e o atasco desaparece. De cando en vez algún conductor felicítache, "Ah, xa era hora", "Así si que se fan as cousas" e algún outro cágase en ti porque non pode entrar á merda do McAuto. "Putos creídos", "Que te den polo cu".

Hoxe, cheguei, puxen os coches a circular e mentres a cola desfacíase, miraba como os coches que querían entrar e non podían volvían a pasar pola rúa unha e outra vez, unha e outra vez, e eu preguntábame... se aínda fose, como diría Tarantino, una puta comida de luxo, non sei, algo realmente exquisito, algo tan saboroso, tan delicado... pero para comer unha merda de hamburguesa do McDonal´s, algo que básicamente é lixo! E ves aos conductores como tolos, querendo entrar co coche si ou si, discutindo, enfadándose, facendo cola durante unha hora na rúa esa e logo media hora máis, incluso circulando de xeito violento só para poder mercar esa merda de hamburguesa... como si mercar unha hamburguesa do McDonald´s fose o máis importante do mundo... e eu, inevitablemente non o podo entender e enfádome por que demostra que nesta sociedade moitas cousas son unha merda. Porque, digo eu, tanto valen esas hamburguesas, tan boas son que valen cada litro de gasofa que gasta o seu jodido coche?

Ah, e sobre as hamburguesas, esa é a miña opinión... cada un que pense delas o que queira. Para min é puro lixo.

Hoxe unha señora preguntoume á terceira vez que pasou sin poder meterse no vial... pero "que fago!" e eu lle dixen... "Señora, aparque o coche e veña andando". Egoístas e descerebrados. Iso é o que nos estamos volvendo.

15 de dec. de 2013

Día cinco: máis bicicleta

Día 005 111013

Pero non vaiades pensar que agora non ando en bici... ogallá poidese deixar sempre o coche no garaxe e ir a todos lados sobre dúas rodas...

Porque agora mesmo teño a sorte de poder ir de cando en vez ao traballo en bici. Coller o tren en Vigo e levala bicicleta comigo é un privilexio. E o día que teña a sorte de poder traballar en Vigo... ese día aínda o será máis porque a menos que vaia vivir a Matamá ou a Sampaio non penso coller o coche para ir traballar. Non podedes imaxinar o fartiño que estou de ter que conducir para ir a traballar.

Iso me leva a lembrar as miñas primeiras andanzas cunha bici.... lembro aquelas dúas ruediñas de apoio, sempre andabas medio de lado, ou sobre unha das rodiñas ou sobre a aoutra, cas que andaba cando meus pais mercáronme unha pequena BH vermella que se podía dobrar para gardala no coche. Lembro que íamos á explanada da estación, ou ao muelle comercial (agora son eu o que lle prohibe á xente andar por el en bici, jejejeje) ou á pista de tenis abandoada do parque da praia da Compostela... lembro que decidimos quitar as ruediñas e mentres meu pai corría tras de min agarrando a bici polo portaequipaxes eu pedalaba e pedalaba... e trataba de coller azos para que meu pai me soltase. Un día, nun deses sitios, non lembro en cal, soltoume e eu non me din conta, e así, sen querer, estaba andando en bici...

Jazz

Nunha céntrica rúa de Vigo unha pintada alumea o meu corazón con vibrantes notas de saxo, piano, trompeta, baixo, batería, vibráfono, guitarra... un grafiti así, xusto ahí, reclamando, con serenidade, con aerosol, a luz do sol nun mundo de cegos. Ten que ter algún sentido porque dezanove letras, elas soas, non din absolutamente nada, pero unha detrás da outra son dous nomes, que tampouco din nada eles sos... tampouco teñen sentido, é condición necesaria coñecer unhas melodías especiais, diferentes, que soan iguais compás a compás pero que sempre son distintas, e saber de improvisacións, de codas, de repentización ou de solistas, aínda que non é condición necesaria, e saber tamén de emocións. E coñecer Bird of the cool, A Kind of Blue, Milestones, Round about midnight... Cando coñeces todo iso e se cadra moito máis, entón ten sentido un nome, dez letras que por fin significan algo... MILES DAVIS. E tamén hai que coñecer Sidewinder ou se cadra que un día o noso amigo o Cifu nos conte polas ondas cal é a melodía que abre e pecha "A todo Jazz"... e só con iso xa chega para entender as outras nove... LEE MORGAN.

Así que decídeme... quen pode ter escrito algo así, con aerosol, nun muro de Vigo cando calquer grafiteriro podía ter escrito calquer outra cousa... cando algo así, prácticamente só podería ser escrito para uns poucos ollos... por que decídeme, para cantos de vos teñen sentido?

13 de dec. de 2013

Día catro: bicicleta

Día 004 101013

Seica son para o verán... para min non, tamén son para o outono, o inverno e como non a primaveira porque media vida paseina enriba dunha bici...

Supoño que o meu problema é o esforzo... se hai un xeito de facer algo que supoña un esforzo menor, entón eu farei iso. Cas bicis pasa algo parecido... podería ir dar un paseo, ou se cadra incluso correr (de pequeno encantábame, era o mellor da clase) pero en bici é máis sinxelo... custa moito a subida pero logo a baixada é unha gozada, así que sempre quedarei ca bici. E logo está o feito de saír en inverno, un día de choiva, e chegar empapado a casa, ducha e correndo baixo unha manta... poucas cousas hai mellores...

12 de dec. de 2013

Día tres: Jaime

Día 003 091013

Meu irmán Jaime...

Del podo dicir que estamos cortados polo mesmo patrón pero ese é o fin dos nosos parecidos... se eu teño paciencia nada máis que para as cousas que me gustan el ten unha paciencia infinita, se eu ordeno as cousas tan só cando me farta a desorde, el é completamente meticuloso, se eu son un cabeza tola que non teño un punto de equilibrio el é unha persoa tranquila e centrada... ás veces lle teño moita envexa... por exemplo, polo aforrador que é. Ou, por poñer un exemplo, por como fai certas cousas: a imaxe sempre é a mesma... os nosos pais mércannos uns xeados deses de cucurucho... eu afánome por gozalo, por saborealo, e por non deboralo... pero por moito que me esforce, Jaime sempre tarda moitísimo máis en comelo, sempre o aproveita mellor, o goza máis... así é o meu irmán Jaime.

11 de dec. de 2013

Estaleiro

Xa fai tempo que deixou de contar os anos que pasaron dende o peche do estaleiro pero si o puxeran de novo alí arriba de seguro que aínda sabía como manexar a grúa e non tardaría en recuperar a vella habilidade, aquela soltura para mover as pancas sen mirar, sen pensar sequera no que facía.

Non é que tivera gañas de volver a pasar frío na cabina, de pasar o aburrimento das horas mortas agardando a poder mover unha peza, da loita diaria co soño e de volver a sentir o mareo que che dá as veces cando perdes a perspectiva e só miras o baleiro baixo os teus pes … non, non tiña gañas de pasar todo iso.

Pero cando un leva tanto tempo sen facer nada de nada, cando un perdeu a esperanza de todo e xa deixou de buscar, cando o único alento que ten un é saír todas as mañás a pasear pola avenida e pararse a mirar dende o outro lado da rúa como podrecen pola salitre as vellas grúas… un pensa que non hai nada mellor que aquel frío, que aquel aburrimento, que aquel soño… que aqueles mareos.

Xa fai tempo que perdeu toda esperanza, toda forza, ata o odio. Tempo atrás, cando miraba aquela película na que saían o Bardén e o Tosar, odiaba aquel sentimento de sentirse identificado con eles dous e pensaba que a el non lle pasaría iso, que non se deixaría levar polo adormecemento, polo abatemento, pola cálida luz do sol de días que sempre son luns. Pero a realidade colleuno cos calzóns abaixo e non soubo reaccionar. Como si tivera a barba longa, longuísima, e lle comezaran a medrar nela, primeiro unhas herbiñas, logo as flores, máis tarde algo de xesta e de súpeto aparecesen as arañeiras e os pardais e el simplemente dixese “ah, mira que ben” mentres levaba na man as tixeiras.

E aínda así… aínda así de vez en cando, collía unha pedra e a gardaba no peto e pensaba que si daba roto o cristal dalgunha das fiestras do almacén tería a súa pequena vitoria, como cando Barden, animaliño, rompía a pedradas aquel farol en Guixar, que el ben sabía que aquela parte fora gravada en Guixar, e logo lembraba que na peli lle facían pagar a farola, e a pedra volvía a quedar no seu sitio no camiño de volta.

Claro que a vida non sempre é igual, non sempre é unha liña recta, ás veces sorpréndenos cunha reviravolta inesperada.

Un día, no paseo, atopou a un vello compañeiro que facía o mesmo que el: ao principio loitar por refacer a súa vida, por buscar traballo, e logo, canso, deixarse levar pola marea, placidamente, e pasear ata o muro do estaleiro e ollar con morriña as grúas. E se non se atopaban era porque sempre madrugaba moito pero dende que lle morreu a muller xa non era quen de erguerse cedo.

Abrazos, pésames, lembranzas, "veña compañeiro imos tomarlle unha á de Luis que fai tempo que non vou", máis lembranzas, un viño e tamén dous. De súpeto o vello grueiro lembrou unha historia: un día cando xa estaban a piques de ir a rúa, cando o peche do estaleiro xa tiña data e só se traballaba con ira contida para rematar o último encargo, cando as malas palabras saían das bocas ao mirar aos compañeiros que ían marchando pouco a pouco para casa para non volver, ese día o dono foi pasear pola grada e xusto foi parar, idiota, baixo a carga. El sabía que non o tería feito, que el non era ese tipo de persoas, e que si ben a desesperación era moi grande, daquela aínda tiña bo xuízo… pero ese día pasóuselle polos miolos unha idea absurda que nunca lle chegou a contar a ninguén: considerou o alivio que sentiría se lle escapase accidentalmente a carga nese preciso momento.

De socate unha luz pasoulle polos ollos. Calou. Rematou o viño, soltou a cunca e pagou a conta. Sen máis explicación saíu a rúa. Fóra, ao sol quente do mediodía parouse un intre e sorriu. Nunha daquelas vellas casas que acababan de tirar e que ningún dos seus donos quería arranxar agarrou unha boa man de croios, mentres dicía para si mesmo: hoxe é venres.