UA-55725853-1

24 de dec. de 2013

Historia do pallaso parvo (3)

E así foi... o pallaso parvo deixou pasar o tempo, impaciente, distraéndose cas súas cousas, e día tras día pasou un mes.

Outro sábado, e outra festa... e o pallaso parvo, que aínda era mais parvo cando estaba borracho, vai e se lía cunha rapaza da súa facultade que era moi friki (a el interesoulle porque a ela lle gustaba Star Wars e esas cousas), que nesta historia só ten o nome de "rapaza friki".

“Era un pallaso con moito criterio!!!!!!” volveu a cortar a muller abrazándose aos xeonllos.

Ben... alá ían os dous amantes dunha noite, polo Areal adiante, collidos das mans e dándose bicos con lingua como se non houbese mañá, o pallaso parvo e a rapaza friki.

E a quen atoparon?

Pois si, a Ana, ca súa compañeira de piso, Raquel.

Home, e ti ... ola, que tal, veña, ata logo, te chamo …

“Nunca máis” dixo a muller.

Total, que o asunto da rapaza friki e o pallaso parvo pouca cousa era, deu nada máis que para unha semana, e para cando ao pallaso lle viu o sentidiño de volta e a lembranza da fermosa Ana, ela non quería nin falar con el. Como ben dixeches amable público ... nunca máis.

E mira que chorou o pallaso parvo, mira que lle suplicou e lle pediu explicacións, pero ela nin o miraba nin falaba con el. E chegou xullo, e logo setembro, e ela marchou a estudar a outro lado e o pobre parvo pallaso parvo nunca máis volveu saber dela.

E o castigo do pallaso parvo por ser tan parvo foi non ser quen de esquecela e as veces aínda soña que a atopa e que pode pedirlle perdón de verdade. E sabes porque o pallaso parvo puido namorar dela de verdade? porque foi a única vez na súa vida que de unha muller non tivo expectativa algunha.

“Pobre pallaso parvo”
“Ves como era unha comedia? O pallaso parvo dá moita risa do ridículo que é”.
“Si, pero é moi triste que non lograse ver o que tiña diante e que se tivese tido un pouco de paciencia…” A muller estira as pernas na cama, xírase e abrázase ao home.
“Eu si que son quen de mirar o que teño diante. Non quero ver outra cousa”.
“Máis te vale mentireiro. Veña, está a piques de caer o solpor, saímos a tomar algo, xa levamos aquí todo o día” dille baixiño ao oído.
“Vale, unha ducha e saímos, non estaría mal dar un paseo pola ribeira no lusco e fusco”

Baixan os dous da cama, abrázanse e bícanse con paixón, tranquilidade, cariño. Ningún dos dous aparta a mirada ao outro, parecera que a única necesidade estivese en ollarse mutuamente, nada máis que iso.

Saen. Na esquina o ventilador, indiferente, nun ataque de ansiedade segue a negalo todo. Polas fendas da persiana escorrega a luz vermella do sol que murmura como vai caendo polo horizonte oculto, máis alá, moito máis alá da persiana, nun vermello solpor que anuncia que o día que virá traerá outra tarde de pesadas sombras na habitación.

Historia do pallaso parvo (2)

23 de dec. de 2013

Historia do pallaso parvo (2)

Había unha vez un pallaso parvo, que estudaba nunha facultade da que xa non me quero lembrar e que tiña un grupiño de amigos bastante xeitoso. E de ese grupo de amigos, entre eles, unha rapaza, Raquel. Un día Raquel invitou ao pallaso parvo polo seu aniversario, e os amigos lle contaron que con Raquel vivía unha rapaza fermosísima, case unha modelo, loira, espectacular, e era certo que a súa compañeira era Ana, e que era todo o que lle dixeran e moito máis.

Cando o pallaso parvo chegou á festa e mirou para ela quedou abraiado, pero pensou: “eu non son máis que un pallaso parvo e ben feo que son, así que esa rapaza tan fermosa non me vai facer nin caso”. Tal era a súa fachenda.

A cousa é que os feos son os que poñen a música nas festas e alá foi o pallaso parvo e resulta que xusto foi por a canción que máis lle gustaba a ela, e como a historia sucedeu nos noventa, pois poderiamos dicir que a canción era Mr. Jones de Counting Crows.

“Jajajajajaja” soltou a muller.
“Non te rías, é unha historia seria” díxolle o home mirando para ela e simulando enfado.
“Pero non era unha comedia?”.
“Si, pero non ten graza ningunha”.

Así que sucedeu que o pallaso parvo e a fermosa Ana empezaron a falar e entre parola e parola, pasou case toda a noite. Sen saber moi ben porque, ela sentiu que podía confiar en aquel home que non chamaba a atención e que non a miraba como os demais homes, e contoulle xustamente iso, que estaba ata os collóns dos homes, que só lles interesaba porque estaba boa, que a usaban porque tiña bo corpo e non se fixaban en nada máis.

E o pallaso parvo falou con ela e escoitouna e non lle deu mais voltas porque pensaba que ela estaba por riba de el e que nunca se fixaría nun pallaso tan feo como el unha rapaza como a fermosa Ana, con tantos homes que pasaron pola súa vida. E así a noite pasou e cada un marchou para a súa casa.

Pero o bo que teñen os tempos universitarios é que hai moitas noites de festa e outra noite desas o pallaso parvo atopouna e resultou que ela se lembraba del e empezaron a falar e falar e a cousa quedou en “quedamos para un café”.

Un café, cine, máis cafés, paseos, ópera, máis cine, máis paseos, máis cafés, pasaron dous meses e o pallaso parvo e a fermosa Ana fixéronse moi bos amigos. O malo, o malo foi que ela era unha rapaza marabillosa, intelixente, divertida...

E o pallaso parvo que fixo?

Pouco a pouco, namorarse dela. Así, como quen non quere a cousa.

E como o pallaso parvo aínda por riba non sabía ter a boca pechada... pois contoullo á compañeira da fermosísima Ana, Raquel.

E Raquel que era unha rexoubeira, á fermosísima Ana, que debeu pensar... por un que me fai caso e que non quere nada de min, vai e me di que está namorando de min.

Así que falou co pallaso parvo e díxolle que era mellor non mirarse durante un tempo.

Historia do pallaso parvo (1) Historia do pallaso parvo (3)

Historia do pallaso parvo (1)

A sombra da habitación faise pesada mentres non parece acabar de caer a tarde, que, atrevida como é ela, colase polas fendas da persiana. O ventilador, nunha esquina, alporizado, cansado xa da súa propia negación, parecera traballar tan só para demostrar que o mecanismo aínda vale, que se non move o aire é por pura chulería.

Xusto diante, e contra as dúas paredes máis afastadas da ventá, unha cama, completamente desfeita, testemuña obrigada de feitos anteriores, e o seu produto, dous corpos suorosos e sen enerxías, ocupando de calquera xeito a súa amplitude, sen importar se hai ou deixa de haber almofada. Tal foi a batalla.

Non é que eles dous non quixeran atoparse abrazados, de entregarse ao delicioso contacto posterior, pero esa tarde non pode ser. En algún momento antes do sopor actual, ese abrazo foi desexado por eles, máis non hai sentimento tan grande que poda ca calor desa abafante tarde de verán.

E aínda así é tal o cansazo ao que se teñen entregado en corpo e alma que parece bastante probable que o soño si que sexa máis grande e así, as dúas persoas sobre a cama, non espertan ata que por fin os raios que pasan polas fendas da persiana empezan a renderse á evidencia de que a tarde comeza a recuar.

Acorda ela primeiro e achégase a el aínda adormecida, dálle un bico. El abre os ollos de chumbo e pasados uns segundos llo devolve cun sorriso de propina.

“Soñei que non estabas namorado de min. Que querías a outra”.
“Ben, tan só era un soño. Xa sabes que só che quero a ti”.
“Claro, o dis como se eu fora a única muller que nunca xamais teñas querido”.
“Pois si… ás outras non as quixen como a ti”.
“Ah… eu tamén te quero moito a pesar de que ben sei que es un mentireiro. Xa non lembras o que me contaches unha vez?”.
“O que?”.
“A historia da única muller da que namoraches”.
“Ah, certo… ela era a única muller da que namorei ata que che coñecín a ti e descubrín o que era estar namorado de verdade, o que era querer de verdade”.

O home sorrí e faille burla.

“Non te creo… sei que aínda a queres, a ela, á rapaza loira, pero é unha historia moi fermosa, volve a contarma”.
“Fermosa, si, como ela, pero tamén triste. Non, non a quero, xa non, é tan só morriña. En realidade non me apetece falar diso de novo. Ademais, deberiamos saír un pouco á rúa, xa non vai tanta calor”.
“Aínda é cedo, deixa que veña o serán, que refresque un pouco máis. Veña cóntame a historia”.

O home cala un anaco, pensativo. Parece simular que está a decidir se paga a pena contar de novo a vella historia.

“Vale, contareicha. Pero de outro xeito, como se fose un conto. Titúlase, Historia do pallaso parvo”.
“Parece serio”.
“Pois é unha comedia, unha comedia tráxica, e o protagonista, un pobre pallaso parvo”.

Historia do pallaso parvo (2)

19 de dec. de 2013

A os nosos pais...

As nosas nais adorámolas porque nos levan nove meses dentro delas, e por moito que digan, nos somos parte delas... de súpeto un día sepárannos e entón son os nosos pais, polo menos para min, o gran referente e de feito tanto o son que nos marcan terriblemente. Pero aínda así, quen non quere ao seu pai? Por iso é necesario agradecerlles todo o que teñen feito por nos, o seu interese por nos, as súas preocupacións por nos, as súas bromas, os seus xogos, as veces que temos pensado deles "que pesados son", as veces que nos teñen feito sentir vergoña, as veces que tempos pensado o inxustos que teñen sido con nos, as veces que o teñen sido de verdade, as broncas que nos teñen botado, as veces que os temos decepcionado e as que nos decepcionaron eles a nos, os abrazos, os bicos e como non, as veces que nos teñen querido ensinar algo e nos, pobres idiotas, non quixemos nin escoitar nin aprender. Ás nais tamén, porque no fondo son elas as que nos apoian, pero iso xa será outro día.

E para non liarme máis, pois o que realmente importa, que é que isto ten un motivo. É o motivo é simplemente adicarlle isto a dous dos meus mellores amigos. Eles saben quenes son e saben porque. Así que todo está dito.

17 de dec. de 2013

Cuspindo para todos os lados

Queda inaugurada nova sección do blog despois de ver o ben que me sentou soltar uns cantos sapos no día de antonte co galo do McAuto. E cun nome tan confuso como "Puta merda dos collóns!!!". Lía fai pouco nun libro que a ira é mellor botala fora, con tino, sin pasarse. Nada de pouco xestionables arrebatos de violencia. Non, a ira de dicir as cousas cando hai que dicilas, a ira de non calar, e de que si é necesario levantar un pouquiño o ton da voz e soltar catro palabras mal soantes pois se soltan e punto. Como cando tes moitas gañas de facer algo e que ben quedas cando por fin o fas.

Porque facer o contrario, gardar ese veleno dentro, agochar a ira, calar o que necesitas dicir, o único que fai é apodrecerte a alma, a túa raiceira e ennegrecerte dende dentro. É mellor soltar todo cando é necesario, sen perde-lo respecto aos demais, ou se cadra ás veces tamén... depende do que sexa necesario.

En realidade, deixémonos de historias e parvadas, penso usar esta sección para cuspir e cagarme en todo.

E xa postos comecemos por un icono patrio, o futbol. Hoxe no país: "Bruselas pone en jaque a la Liga". Segundo conta a nova, o Comisario de Competencia da UE, Xaquín Almunia, sospeita de trato de favor a certos clubes de fútbol, entre eles Madrid e Barcelona, pola concesión de axudas ilegais a estes dous equipos e outros cinco máis, o que podería levar á devolucións millonarias.

Esta nova, xa por si soa resulta escandalosa dabondo. Neste país de pandeireta que os equipos de fútbol non paguen a facenda nin a seguridade social; que certos equipos, polo interese xeral, non se convertan en Sociedades Anónimas, mentres seguen a ser Sociedades sen Ánimo de Lucro; que certos equipos actúen de conveniencia cas autoridades públicas ou xestores inmoviliarios ... é o máis normal do mundo, non, do mundo non, do páis. Por que neste puto país de merda, o Rei é don Juan Carlos I de España e do Ferrol (do Caudillo) por obra e gracia do fútbol. Por que se os españois quixésemos, a coroa a levaría o balón co que Marcelino gañou á Rusia comunista fai xa tantos anos.

Pero por si fose pouco, vai o paspán do ministro do Interior, erexido a si mesmo superman do deporte rei, e di: "Es obvio que el Gobierno va a dar la batalla hasta el final en defensa de los clubes españoles, que también forman parte de la marca España". Non sei nin que dicir ... non sei que facer, si rir ou soltar aínda máis e máis sapos pola boca. Nunha merda de país no que a xente está ao borde da pobreza miserable, no que a hai xente que xa non pode pagar a factura da electricidade, ou a hipoteca ou o aluguer, no que antes que coller o coche hai que pensalo mil veces, no que é máis fácil chegar a marte que a fin de mes ... os esforzos son para salvar a uns clubes de fútbol trampulleiros e mentireiros que se fosen empresas normais xa terían desaparecido fai anos! Ogallá o Sr. Margallo arda sete veces sete no inferno ... en certo modo, ca excusa da economía nacional, podo aceptar a xustificación dos rescates aos bancos e todos os cartos públicos perdidos neles. Isto non. É inxustificable, diga quen o diga: que se vaian a tomar polo cu o Madrid, o Barça, o Valencia, etc, e como diría o ilustre Xeral Almeida, "e a puta que os pariu".

Lóxicamente todo isto ten unha explicación. Calquera neste país con dous dedos de frente, incluso ao ministreiro Margallo, xa comprendeu que se o fútbol se vai para o carallo a xente deixará de ter esa dose de opio case gratuíto que adormece os sentidos, anula as conciencias e protexe, casi como antibiótico universal, das protestas. Pregúntome, que será dos políticos o día que as adormecidas masas futboleras esperten do seu soño nos fumadoiros de opio futbolísticos? Como unha política valenciana dixo fai pouco... non haberá porras suficientes.

Claro que se cadra é por iso polo que a merda de goberno corrupto que temos mercou fai nada un carro antimanifas que lanza chorros de auga para "garantir o libre exercicio de dereitos e liberdades". Por aquelo de "non vaia ser" ... haberá que ir pensando en ser previsores. Porque digo eu que non o mercarían para a festa da auga, non?

Día seis: unha caracola

Día 006 121013

Esta caracola levoume, sendo neno, moitas veces ao carón do mar sen saír da miña casa, na que durante moitos anos ocupou un anaquiño na sala da televisión.

Non hai moito máis que dicir, unha lembraza máis da miña infancia, desas cousas que son tan importantes cando un é pequeno, as cousas sinxelas. Quen para agora a escoitar o mar atrapado no fondo dunha caracola? Eu, ás veces, trato de lembrarme e intento deixarme levar polas pequenas cousas, que son as de máis grande encanto.

16 de dec. de 2013

Puto McDonald´s

Paseo 150913 07b

Sabedes que me paso o día queixándome. Non sei... está en min, é case unha necesidade. Pois ben... desta volta vou a facelo porque non o entendo, estou farto. Ata o gorro dos domingos pola tarde que demostran o borreguísimos que somos todos, todos... Hoxe, como cada domingo de traballo en turno de tarde, a mesma merda de sempre, as mesmas colas de coches atascados no vial que no porto coñecemos como rúa Rivero de Aguilar, nos dous sentidos. Sempre que estou eu de tarde a mesma historia, paso co coche, vexo as colas e decido actuar. Baixome, collo a linterna co cono amarelo e achégome ao punto onde os coches entran para o puto McAuto.

Neste momento da historia debo pedir desculpas. Vou soltar moito taco.

E sempre é a mesma merda de historia... o vial do McAuto cheo de coches que tardan case media hora en ser servidos e os coches que non poden acceder ao vial quedan agardando na rúa Rivero de Aguilar mentres atascan a circulación... ás veces nos dous putos sentidos.

Hoxe, como sempre, baixei e ordenei, eu que podo, a eses coches que seguisen a circular, xa sabedes, o puñeteiro reglamento de circulación, se vas a desviarte e non podes apartarte a túa dereita, entón tes que seguir circulando. E así, cun pouco de paciencia pola miña parte, porque somos todos uns putos egoístas, os coches empezan a andar e o atasco desaparece. De cando en vez algún conductor felicítache, "Ah, xa era hora", "Así si que se fan as cousas" e algún outro cágase en ti porque non pode entrar á merda do McAuto. "Putos creídos", "Que te den polo cu".

Hoxe, cheguei, puxen os coches a circular e mentres a cola desfacíase, miraba como os coches que querían entrar e non podían volvían a pasar pola rúa unha e outra vez, unha e outra vez, e eu preguntábame... se aínda fose, como diría Tarantino, una puta comida de luxo, non sei, algo realmente exquisito, algo tan saboroso, tan delicado... pero para comer unha merda de hamburguesa do McDonal´s, algo que básicamente é lixo! E ves aos conductores como tolos, querendo entrar co coche si ou si, discutindo, enfadándose, facendo cola durante unha hora na rúa esa e logo media hora máis, incluso circulando de xeito violento só para poder mercar esa merda de hamburguesa... como si mercar unha hamburguesa do McDonald´s fose o máis importante do mundo... e eu, inevitablemente non o podo entender e enfádome por que demostra que nesta sociedade moitas cousas son unha merda. Porque, digo eu, tanto valen esas hamburguesas, tan boas son que valen cada litro de gasofa que gasta o seu jodido coche?

Ah, e sobre as hamburguesas, esa é a miña opinión... cada un que pense delas o que queira. Para min é puro lixo.

Hoxe unha señora preguntoume á terceira vez que pasou sin poder meterse no vial... pero "que fago!" e eu lle dixen... "Señora, aparque o coche e veña andando". Egoístas e descerebrados. Iso é o que nos estamos volvendo.

15 de dec. de 2013

Día cinco: máis bicicleta

Día 005 111013

Pero non vaiades pensar que agora non ando en bici... ogallá poidese deixar sempre o coche no garaxe e ir a todos lados sobre dúas rodas...

Porque agora mesmo teño a sorte de poder ir de cando en vez ao traballo en bici. Coller o tren en Vigo e levala bicicleta comigo é un privilexio. E o día que teña a sorte de poder traballar en Vigo... ese día aínda o será máis porque a menos que vaia vivir a Matamá ou a Sampaio non penso coller o coche para ir traballar. Non podedes imaxinar o fartiño que estou de ter que conducir para ir a traballar.

Iso me leva a lembrar as miñas primeiras andanzas cunha bici.... lembro aquelas dúas ruediñas de apoio, sempre andabas medio de lado, ou sobre unha das rodiñas ou sobre a aoutra, cas que andaba cando meus pais mercáronme unha pequena BH vermella que se podía dobrar para gardala no coche. Lembro que íamos á explanada da estación, ou ao muelle comercial (agora son eu o que lle prohibe á xente andar por el en bici, jejejeje) ou á pista de tenis abandoada do parque da praia da Compostela... lembro que decidimos quitar as ruediñas e mentres meu pai corría tras de min agarrando a bici polo portaequipaxes eu pedalaba e pedalaba... e trataba de coller azos para que meu pai me soltase. Un día, nun deses sitios, non lembro en cal, soltoume e eu non me din conta, e así, sen querer, estaba andando en bici...