UA-55725853-1

23 de dec. de 2013

Historia do pallaso parvo (2)

Había unha vez un pallaso parvo, que estudaba nunha facultade da que xa non me quero lembrar e que tiña un grupiño de amigos bastante xeitoso. E de ese grupo de amigos, entre eles, unha rapaza, Raquel. Un día Raquel invitou ao pallaso parvo polo seu aniversario, e os amigos lle contaron que con Raquel vivía unha rapaza fermosísima, case unha modelo, loira, espectacular, e era certo que a súa compañeira era Ana, e que era todo o que lle dixeran e moito máis.

Cando o pallaso parvo chegou á festa e mirou para ela quedou abraiado, pero pensou: “eu non son máis que un pallaso parvo e ben feo que son, así que esa rapaza tan fermosa non me vai facer nin caso”. Tal era a súa fachenda.

A cousa é que os feos son os que poñen a música nas festas e alá foi o pallaso parvo e resulta que xusto foi por a canción que máis lle gustaba a ela, e como a historia sucedeu nos noventa, pois poderiamos dicir que a canción era Mr. Jones de Counting Crows.

“Jajajajajaja” soltou a muller.
“Non te rías, é unha historia seria” díxolle o home mirando para ela e simulando enfado.
“Pero non era unha comedia?”.
“Si, pero non ten graza ningunha”.

Así que sucedeu que o pallaso parvo e a fermosa Ana empezaron a falar e entre parola e parola, pasou case toda a noite. Sen saber moi ben porque, ela sentiu que podía confiar en aquel home que non chamaba a atención e que non a miraba como os demais homes, e contoulle xustamente iso, que estaba ata os collóns dos homes, que só lles interesaba porque estaba boa, que a usaban porque tiña bo corpo e non se fixaban en nada máis.

E o pallaso parvo falou con ela e escoitouna e non lle deu mais voltas porque pensaba que ela estaba por riba de el e que nunca se fixaría nun pallaso tan feo como el unha rapaza como a fermosa Ana, con tantos homes que pasaron pola súa vida. E así a noite pasou e cada un marchou para a súa casa.

Pero o bo que teñen os tempos universitarios é que hai moitas noites de festa e outra noite desas o pallaso parvo atopouna e resultou que ela se lembraba del e empezaron a falar e falar e a cousa quedou en “quedamos para un café”.

Un café, cine, máis cafés, paseos, ópera, máis cine, máis paseos, máis cafés, pasaron dous meses e o pallaso parvo e a fermosa Ana fixéronse moi bos amigos. O malo, o malo foi que ela era unha rapaza marabillosa, intelixente, divertida...

E o pallaso parvo que fixo?

Pouco a pouco, namorarse dela. Así, como quen non quere a cousa.

E como o pallaso parvo aínda por riba non sabía ter a boca pechada... pois contoullo á compañeira da fermosísima Ana, Raquel.

E Raquel que era unha rexoubeira, á fermosísima Ana, que debeu pensar... por un que me fai caso e que non quere nada de min, vai e me di que está namorando de min.

Así que falou co pallaso parvo e díxolle que era mellor non mirarse durante un tempo.

Historia do pallaso parvo (1) Historia do pallaso parvo (3)

1 comentario :