UA-55725853-1

26 de dec. de 2014

Carta a ese idiota que está dentro do teu corpo

Si… esta vai para ti, para o gilipollas ese que está aí dentro… que non aprendes. Aguántaste, vas ter que escoitar. Tanto dá o que che digan, non hai xeito de que aprendas a facer as cousas ben. Mira neno, en primeiro lugar tes que aprender a quererte a ti mesmo, a respectarte. Non é tan difícil, sabes? Tes unha boa vida chea de cousas boas, tes traballo, tes unha familia que non está tan mal, está na media, tes amigos que te queren moito, tes un montón de coñecidos, es un tipo habilidoso, que canta, baila, que fai boas fotos, que debuxa moi ben, que toca moi ben, que escrebe moooooooi ben, que fai un montón de cousas ben, ata es bastante ben parecido e agora se te está a quedar un corpiño xeitoso… de que tes medo? Porque tes que mirarte sempre tan mal a ti mesmo? Ninguén o fai, tan só ti… e cando ti te miras mal transmites algo que fai que os demais se sintan incómodos.

Escoita tonto, deixa de pensar no resto da xente, pensa en ti, deixa de mirar o móbil continuamente a ver quen se lembra, quen te chama… non pasa nada, a xente non está pendente de ti as 24 horas, teñen a súa propia vida, tal como deberías facer ti… vive a túa vida, goza da túa vida… como o outro día, que fuches a andar en bici polo Galiñeiro ti só e fuches feliz… vaia se fuches feliz, que ben o sei eu. Fai fotos, escrebe, pasea… fai eses cursos que tes que facer.

Non te preocupes tanto por lograr a atención da xente, xa verás que, deixando de agobiar a todo o mundo, eles van a prestarche máis atención. Total, mira, quen realmente non cha presta tampouco é que te interese moito, non? Realmente é así… ben o sabes pailán! Os que te interesan son os que realmente se preocupan todos os días por ti, os que te envían as mensaxes, os que se preocupan de saber de ti día tras día, independentemente de que ti sexas un pesado ou non. Os que non se renden ao momento porque saben que ti, parvo, vales moito máis que todos os teus problemas xuntos.

Sabes o que miro cando te vexo? Un home marabilloso, que sorprende e que fascina, pero só cando logra apartar cada un dos seus medos, e esa ansia por agradar a todo o mundo, por controlar o cariño e a atención da xente. Claro, xa sei, é complicado… todo o mundo che di, fai o que a ti te apetece facer, e a ti o que te apetece facer é saír, ir a tomar un café, ir ao cine, e todo iso facelo con alguén, con outras persoas… ese é o problema. Pois non, aprende a facelo ti só. Non te dás conta de que cando andas buscando xente para quedar o único que fas é arrastrarte? Non, valórate a ti mesmo facendo o que te apetece ti só. Xa verás como pouco a pouco aqueles que te aprecian vanse lembrar de ti, como vas a coñecer xente nova ca que empezar a quedar.

Como xa te teñen dito centos de veces, o que te pasa é que ti tes exceso de pasado, o que che leva á depresión e á tristeza, e exceso de futuro, o que che leva á ansiedade, e cando ese futuro se transforma en pasado e en expectativas non cumpridas, á tristeza. Esquécete dunha puta vez do pasado e deixa de vivir para o futuro. Xa chegará o futuro e xa chegarán as cousas. O que tes que facer é centrarte no presente. No puto presente, que é o único que importa. En escoitar as conversas, en ver o que pasa ao teu arredor, en ser feliz no momento… en coñecer novas persoas…

P R E S E N T E. O único que importa pailán, miñaxoia, parvo…

CALA XA! Si vale, tes toda a razón do mundo… vivo no pasado e mirando con ansiedade ao futuro, non me valoro dabondo, véndome con facilidade e trato de controlar o cariño e a atención dos demais. Nin sequera acepto o meu aspecto. Pode ser… non che vou dicir que non. Pero mira, non son nin pailán, nin parvo, nin miñaxoia, nin tonto, nin idiota… son EDU, e son intelixente, moi intelixente, e sei que fago moitas cousas mal, demasiadas, pero seino, sei dos meus erros, e sei que me gustaría deixar de cometelos, e tamén sei que por cada erro que cometa vou tratar de aprender unha nova lección. Así que, deixa de chamarme parvo, pailán, tonto, miñaxoia, idiota, porque non o son, porque si quero quererme e aceptarme teño que deixar de pensar que son un desastre e que o fago todo mal. E sei que, como a muller que camiñaba sobre os xeonllos no hospital, cada día trato de FACELO O MELLOR QUE PODO!!!

15 de dec. de 2014

Carta nunha botella

Querida Tánxer… en algún momento destes meses quixen volver atrás no tempo, pero non pode ser, e non porque o tempo só corra nun sentido como a auga do río, non, non é por iso, é porque no fondo xa non quero: a miña vida empezou de verdade o día que me dixeches que necesitabas tempo, que non mo tomase á tremenda. Pero eu tomeino á tremenda, e tomei todo o medo do mundo e perdín o pouco que quedaba de min en min. E iso foi bo, porque se un quere atoparse, primeiro debe perderse. E vaia se me perdín. Tanto que te perdín a ti tamén… tiven tanto medo que pensei que nunca máis te atoparía. Ou se cadra por iso tiña medo, porque só era quen de pensar que te perdera para sempre. Agora iso xa non me preocupa.

E por iso gustaríame pedirte perdón, perdón por non respectarte, por non respectar a túa decisión. Pedirte perdón por ser tan lento, por tardar tanto tempo en aprender, en entender. Pedirte perdón por non decatarme do teu espazo e do teu tempo, de que non son meus, de que meu só hai a miña vida e nada máis, de que eu non podo facer nada, de que non teño que facer nada, que ás veces é necesario non facer nada porque son os demais os que teñen que facer algo, que hai que deixar aos demais que fagan cousas. Pedirte perdón por non ter paciencia, por ter medo, por non decatarme de que non son eu o dono da razón, de que non son dono de nada. Pedirte perdón por deixar de escoitarte, por non saber ver que ti só necesitas alguén que te escoite. Pedirte perdón por ser tan estúpido que só quero ver as cousas cos meus ollos, que non me paro a pensar que ao mellor debería ver as cousas cos ollos dos demais. Pedirte perdón por non confiar en ti e menos aínda en min mesmo, eu debería ser a primeira persoa na que debería confiar. Pedirte perdón por propoñerte constantemente, por agobiarte constantemente, por non conformarme con ser o teu amigo. Pedirte perdón por non decatarme de que son o home que non pretendías atopar para compartir o que pensas, o que sentes e moitas aficións, moito máis do que pensarías atopar, e que aínda así me atopaches. Pedirte perdón por non saber vivir a miña vida, por non saber quererme, por ser un neno, por non saber ser o home que precisas, por non saber apreciarme tanto como para que todo saíse realmente ben. Por non saber esperar a que ti me buscases. Pedirte perdón por deixar que o pasado controlase a miña vida e por pretender ser un adiviño que coñece o futuro, no canto de centrarte en cada bo momento do presente. E xustamente por iso, pedirte perdón por todo o que teño perdido de gozar nestes meses ca muller máis marabillosa que teño coñecido nunca. E definitivamente, pedirte perdón por ser un controlador, un manipulador… por non ser comprensivo. Por ser tan egoísta. Por ter perdido o norte e a miña brúxula, por terme volto un tolo desesperado que non podía esperar, que non podía agardar o tempo que ti precisases e tomarse o seu propio tempo para gozar da súa propia vida. Por non valorarte de verdade.

Ogallá algún día me perdoes e volvas a confiar en min, porque a miña vida empezou cando te coñecín.

11 de dec. de 2014

Carta aos meus queridos pais

Nai e pai, na miña vida aprendín a depender de todo o mundo. De vos, dos amigos, de Mariana. Aprendín a facer cousas para conseguir cariño, a ter medo porque non lograba os meus obxectivos, porque a pesares do que facía a xente acababa por fuxir de min… porque claro, se manipulas á xente para lograr que te amen, que te acepten, haberá quen sexa máis dependente do que son eu e que se sinta ben nesa situación de manipulación emocional como foron certos casos, pero a maioría fuxirá. Ou me coñecerá tan ben e de tanto tempo atrás, ou terá tanta paciencia, infinita, que aguantará.

E logo está o feito de querer caerlle ben a todo o mundo que me facía non ser eu. Así que aquí estou agora, só, tratando de aprender a quererme a min mesmo, de aceptarme, tratando de disfrutar de min mesmo e da miña soidade. E síntome mal, teño medo de perder definitivamente a Mariana, teño medo de perder aínda máis amigos, e do que máis medo teño é de non atoparme a min mesmo, de non ser quen de saír deste burato que ás veces non parece ter fondo, de perderme a min mesmo definitivamente. Teño medo si, pero non estou paralizado.

Estou loitando día a día contra todo iso.

Así que nai, pai, sei que non o fixéchedes por mal, que o fixéchedes o mellor que sabiades, que podiades, e por iso non me importa. Perdoaríavos se houbese algo que perdoar. Pero non hai ofensa así que non hai que perdoar nada… por outro lado, o resultado, que son eu, no fondo non está tan mal, máis ben todo o contrario, tendes un fillo maior que no fondo é admirado e querido por moita xente.

Quérovos moito.

10 de dec. de 2014

O meu día da marmota

Non podo deixar de identificar ca película que debería titularse en España O día da Marmota, pero que aquí lle puxeron un horrible título que me nego a mencionar. Un home atrapado no tempo ese preciso día do dous de febreiro, un home que se chama igual que a marmota, Phil, e que tamén, igual que ela, non vai deixar atrás o inverno da súa vida ata que non deixe de mirar a súa propia sombra.

Non vou dicir que sexa ese Phil, porque non son tan capullo, nin tan fachendoso, nin tan egoísta, e nin sequera teño tanto éxito cas mulleres, de feito non teño ningún. Pero eu en certo modo vivo o meu propio día da marmota, porque non fago máis que ver a miña propia sombra, como si me asustara dela, e non salgo do meu propio inverno. Cada día levántome e volvo para o tobo. Eu tamén son un desastre na miña vida, nunca fago nada ben, sempre leándoa, sempre cometendo erros, uns tras outro.

A miña vida non é un día que se repite unha e outra vez, pero case, porque os meus días son similares os uns aos outros, sempre os mesmos erros, os mesmos esquemas, as mesmas teimas, unha e outra vez, ata incluso chegar a pensar como o pobre do Phil, o home, non a marmota, no máis tráxico final para unha vida, o suicidio.

Claro que para Phil, de súpeto aparece unha muller, unha desas que o cambian todo (sei que debería dicir unha persoa… porque é así, realmente é unha persoa), porque coñécea como se fora cada engurra da túa man e entón pensa que non hai ninguén igual en todo o mundo, que non hai outra muller como ela, aínda que iso non é totalmente certo, porque de seguro que as hai mellores, tamén peores, pero tanto ten, porque ela ten a calidade de que xustamente os seus ollos están polarizados para a súa luz. E entón Phil decátase de que non pode tela, e entón tolea, porque é imposible, por moito que faga, por moito que se mate, non deixa de ser un capullo, un neno cando ela tan só necesita un home de verdade, alguén que a escoite, que a mime, pero que non a asolague cos seus propios problemas.

Agora vexo que no fondo non son tan diferente del, que en certo modo son Phil, porque teño tido cada un dos días dos corenta anos da miña vida para vivir como quixen, para facer as cousas ben e as fixen mal. Porque tiven os 90 días deste verán para facer as cousas do xeito correcto, e, a pesares de que non as fixen mal de todo, volvín a cometer erros. Porque se me están dando centos de oportunidades e eu cágoa unha e outra vez pero tamén para aprender, para corrixir, para facer as cousas por fin e definitivamente ben, como se cada día da miña vida nos últimos meses fose un día repetido que empeza unha e outra vez ca música de “I´ve got you”. E non só iso, xa se me deron centos de oportunidades, e a pesares diso, aínda que pareza mentira, estánseme dando moitas máis, porque, por sorte, ela é a muller das oportunidades. E ata que non te decatas do erro principal os vas a seguir cometendo, porque ese é o problema: o erro non é tratar de non cometer erros mentres tratas de conquistala, ou tratas cos demais, o erro é non decatarse de que fagas o que fagas, mentres sigas a estar pendente da túa propia sombra, non vas saír do inverno.

Porque ao fin, do que se trata é de estar presente, de gozar cada un dos días, independentemente do que vaia pasar mañá, e como non, de vivir por un mesmo, non para os demais, que iso non quere dicir que os demais non importen, porque si que importan, claro que importan, pero non dese xeito egoísta: que importen polo que son, non polo que esperas conseguir deles, facendo as cousas por que a un lle apetece, non porque lle interese, e para os demais. Por que primeiro un ten que quererse a si mesmo, e logo todo ven detrás.

Porque ao final todos quererante non polo que es, se non polo que fas. Porque si dúas persoas están destinadas a quererse e a compartir a súa vida, non fai falta facer nada, absolutamente nada de nada, agás, esperar e ser un mesmo. Non tes que tratar de convencela de que es o mellor, de que es perfecto, porque ela xa o sabe. Tan só tes que ser ti, agás, se fose necesario, aprender antes a quererse un mesmo.

Sei que algún día levantareime pola mañá e direi “Algo é diferente” e ti dirás “Ti dixeches ‘quédate’ e eu quedei”, e non porque eu te obrigase, se non porque ti quixeches, porque o desexaches. Seino, igual que sei que no meu peito, no lado esquerdo, late, con forza o meu corazón. Sei que algún día non mirarei para a miña sombra, erguerei a cachola, e xa será simplemente a miña cabeza, e entón para min terá rematado o inverno. Como para Phil.

7 de dec. de 2014

Ollos

Non era raro ollala alí de pé, atrapándoo todo con aqueles ollos inmensos, expresivos, exóticos, ollos de actriz de cine mudo, de actriz de varietés, uns ollos negros que en realidade eran redes de cazar soños e imaxes, toda a luz cos seus feitos, como se foran buratos negros no medio do infinito universo da súa pel escura con sabor a terras lonxanas, sen dicir nada, só ollando, aprendendo, escoitando… esperando. Ate que un día, un baile, unha danza rápida, fixo saltar o tapón, rachou o velo, e entón, como se desbordan os regatos na praia cando os nenos lle fan imposibles diques de area, ela xa non foi quen de deixar de falar.

2 de dec. de 2014

Perrencha

O neno do chuvasqueiro vermello, non di nada, non berra, nótaselle o enfado na cara, nos beizos apertados, nos ollos medio pechos e nas cellas tan xuntas que case son unha.

O neno fica parado no medio do parque cos puños pechos, levanta o pé esquerdo, solta unha patada e tira medio concello. Dá outra co dereito e derruba o que queda. Ca man esquerda esmaga un a un os bambáns vermellos e verdes e ca dereita arrasa os plátanos, os abetos e todos os camelios, non queda un. Por sorte xa fai un bo rato que non queda un alma no parque, toda a xente saiu correndo como tola.

Patea con rabia no chan, unha, dúas, catro veces, salta con xenreira, fai tremer o parque enteiro e na avenida os coches que pasan levántase do asfalto, quedan suspendidos no aire uns segundos, un eterno suspiro, antes de volver a caer sobre as catro rodas como se foran autos con cara e ollos dunha película de debuxos animados. Unha risa para os conductores.

Non lle vale de nada todo o caos que provocou no parque. A nai está decidida, vai comer o plátano.

24 de nov. de 2014

Imposible

Unha frase que atopei estes días na rúa e que parece que está feita para min.

O IMPOSIBLE SÓ TARDA UN POUCO MÁIS.

É unha frase que atopo case todos os días escrita nunha parede dunha das rúas que leva á miña casa, Taboada Leal se mal non me engano, unha desas empinadas que serven como pretexto aos que non son de Vigo para falar mal da cidade… “e que Vigo ten unhas costas…” Eu non son de Vigo pero xa debo ter algo de vigués porque as costas da cidade xa non me importan un carallo, nin sequera cando ando en bici. Resulta que xa non me chega con atopala día si e día tamén cando saio de casa para ese lado, porque, se saio da miña casa podo ir tan só para dous lados. Hai persoas que poden ir para tres lados e outros que non van para ningún. Eu non, eu podo ir para un lado e para outro, o camiño é o mesmo, polo menos no que se refire aos pasos dados. O outro día baixando polo outro descubrín que alguén pintara esa mesma frase xusto alí, do lado das escaleiras.

Sei que non é certo, que son cousas que pasan, pero é divertido pensar que as cousas suceden por algún motivo, por que alguén está a conspirar en contra túa, aínda que neste caso creo que debería dicir que alguén está a conspirar a favor miña. Pódese dicir así? Alguén, sabedor da miña vida cacofónica e descolorida decidiu escribir a frase nun dos camiños que uso habitualmente, pensando que ese era o único que usaba, sen saber que eu son unha persoa que foxe da repetición como os gatos da auga. Pero esa persoa debe coñecerme ben, e decidiu poñela no outro lado, no outro camiño, para que eu poda lela todos os días. Case tería sido mellor que a escribise xusto diante do meu portal, alí hai oco, aínda que non sei se quedaría ben do lado da famosa frase antiabortista “Na miña cona mando eu”.

Sexa como sexa, que de fantasías tamén se vive, é unha frase que me fai pensar, que me fai loitar por cambiar ese imposible que son eu e por tratar de acadar outras cousas que agora eu considero que son practicamente imposibles. Tan só hai que dar tempo, porque ata as cousas máis difíciles acaban por chegar. O imposible só tarda un pouco máis. Claro que a frase leva agochado moito máis do que di. "Valgo máis polo que calo que polo que digo", dicía un famoso biógrafo ao igual que esta frase, que tamén cala máis do que di. Porque non vale con esperar a que chegue ao presente ese imposible. A vida sería unha merda moi grande e moi cheirenta se nos limitásemos a esperar. E moi curta.

Hai que encher cada momento de vida, hai que estar presente, vivir o presente. Diso se trata, iso é o que di a frase. Que as cousas chegan pero levan o seu tempo e mentres temos que medrar, que mellorar.

Dixo Paulo Coelho: “Só unha cousa converte en imposible un soño: o medo a fracasar”. E Rabindranath Tagore: “Deixame só un pouco de min mesmo para que poda chamarte o meu todo”. Gústame especialmente esa última. Quizais non estea a entendela ben de todo pero encántame. Eu entendo que quere dicir que se ti mesmo non te aceptas a outra persoa nunca poderá ser un todo para ti. Eu levo toda a vida con medo a fracasar e polo tanto fracaso. A miña vida está chea de imposibles que nunca se fixeron realidade. Agora iso acabouse, acabáronse os fracasos sen triunfos… si, quizais aínda volva a fracasar, pero ao final acabarei por lograr o imposible. Se logrei adelgazar e manterme sen recaer, se logrei cambiar tantas cousas, porque non vou ser quen de lograr cambiar de todo ou canto menos aceptarme? Vou lograr o que desexo, vaia se o vou facer.

19 de nov. de 2014

Epitafio

012_PEDRA

Fai un frío de novembro nun día de nubes en escala de grises, nubes que pasan rápido porque o vento frío que arrastra as follas castañas e fráxiles do outono, as leva ás presas, lonxe, como se chegaran tarde a algún outro lado, como se xa tiveran encargada a choiva en outra terra. Xa me gustaría a min que chovera, pero hoxe aquí non soltan gota, mira que non sería apropiado que arroiara con gañas, tan só vai vento e frío, e eu non teño outra que apertarme baixo o meu abrigo mentres, na miña cara, as bágoas, interminables, abondosas, caen salgadas ata os meus beizos. Non, non son salgadas, son amargas como o xarope que che daban teus pais de pequeno. Deixo que os meus pasos me leven polo cemiterio, que os meus pes escollan a onde vou, non quero ter que pensar, pero penso, penso que hai anos que non choro así, como un neno desconsolado cos mocos pingando no nariz.

Os camiños son todos iguais nos cemiterios modernos, cheos desas pedriñas que roxen, ao meu paso, con ese son que espanta o silencio deste lugar que garda todos os silencios. Imaxino que estou a pisar osos que rachan. Todos os camposantos son iguais, xa non son o que eran. A xente tapa eses buratos idénticos con lousas negras, grises, granates, azuis, mercan mármores de Brasil, de Turquía, poñen letras de acibeche, de prata, unha foto de hai 50 anos, ducias de flores en botellas de anís ou en xerras de pírex verde, caraveis, rosas, margaridas, calas, lirios, vermellas, brancas, rosas, eu que sei, as variacións son infinitas, pero iso non quita que, aos meus ollos asolagados polas augas salgadas das miñas penas, todos os nichos sexan completamente iguais. Ah, que triste é a alma humana. Ves un día ao cemiterio, cambias as flores e a auga, e rezas algo, ca promesa firme de que volverás algún día, como moito o ano que ben.

E os epitafios, eses epitafios marabillosos, sempre ocorrentes, “A túa devota esposa”, “In memoriam” ou “Ramón, que morreu tal como viviu”, como se o home pasara o día enteiro durmindo ou fora un cabrón que morreu sufrindo igual que pasou a vida facendo sufrir aos demais.

Sigo a camiñar, perdido, non sei onde estou.Si, a altura do Nicho nº 597. Tanto ten, todos os camiños son iguais entre os bloques de cemento fotocopiados. Nichos de multicopista de alcohol polos que me levan meus pés: a miña cabeza non está no meu corpo, está no funeral, na igrexa, no nicho nº 3956 onde acaban de enterrar ao meu pai, o meu querido pai, ese home miúdo, cabezón, impaciente, insoportable, que tanta culpa lle teño botado, ao que tanto quería. A miña cabeza segue alí, non está, e son os meus pés os que semellan saber a onde queren ir: páranse ante un nicho moi vello. Ten xa máis de corenta anos e sei perfectamente quen está nel, tanto fai que non a visito.

Coñecina no ano 1989. Terceiro de BUP. Era unha rapaciña loira, cuns fermosísimos ollos azuis, moi azuis, delicada, miúda. Alegre. Unha rapaciña tranquila, que expresaba confianza. Tiña unha pel branca, con dúas roseiras nas meixelas que a facían aínda máis fermosa. Supoño que quedei prendido dela dende o primeiro momento. Lembro que estabamos xuntos no instituto. Lembro que íamos xuntos a clases particulares de matemáticas e física. Lembro que era graciosa, faladora, sinxela, tímida pero decidida… xa dixen que era alegre?

Non tardamos en facérmonos amigos.

A sorte camiñaba ao meu carón. Ela era veciña. Comezamos, ás veces, a volver xuntos de clase, ela, eu e a miña sorte. O seu edificio era xusto o que quedaba detrás do meu,a carón do río pero a súa habitación daba para o outro lado, a un patio de luces, a miña habitación tamén, pero dous pisos por baixo. Ao principio eu pasaba as horas mirando para a súa ventá en segredo, soñando como se soña mirando á lúa, xusto o que ela era para min, a miña lúa desexada, coa súa cariña branca e delicada. Un día empezamos a falar dunha ventá á outra, co pequeno patio de luces polo medio. E tamén falabamos nas clases, e nos descansos, e nas voltas. Ela tiña un can. Sacábao polas noites a darlle un pouco de aire pola beira do río. Acostumeime a baixar e coincidir con ela, e ela esperaba por min, non se afastaba do seu portal ata que eu non chegaba. Paseabamos xuntos ao can e eu lle dicía os nomes das estrelas nas noites sen lúa.

Un día decidinme. Daquela as cousas eran diferentes. Eu tiña dezaseis anos, era un crío, non como agora que os nenos de doce xa pensan que son adultos. Un crío falador e aberto pero tímido, como pouca estima de min mesmo. Daquela as cousas eran distintas, con dezaseis anos éramos nenos xogando a ser adultos, querendo ser adultos. Si, queriamos ter moza, dar un bico, estar cunha rapaza, pero éramos inocentes, e eu máis. Tardei pero un día decidinme, no recreo iría xunta dela, e pediríalle para saír. Estaba decidido.

Lembro que rematou unha clase. Saín ao corredor para tranquilizarme, tan só quedaba unha hora e logo o recreo, por fin falaría con ela, pero entón algo chamou a miña atención, escoitáronse gritos, rebumbio, xente entrando ás carreiras na clase… e o seguinte que lembrei foi atoparme chorando, apoiado nun muro escondido do instituto. Non sabía nin o tempo que levaba alí. E tamén chorando, sen saber como, cheguei a casa, comín sen lembrar ter comido, e pasei a tarde, entre choro e choro, durmindo, tirado na miña cama, non quería levantarme dela.

Como unha sombra pasaron os seguintes días, grises, planos, entre imaxes da aula chea de compañeiros arremuiñados arredor dun corpo, o dela, caído no chan, entre a lembranza da voz dunha mestra histérica chamando polo xefe de estudios, das voces de alumnos berrando, chorando, de alguén que pedía que sairamos ao corredor para deixarlle aire, que non pasaba nada, que ela estaba ben, pero eu sabía que non podía ser, que na súa cara non estaban esas roseiras que tanto me gustaban, as que se lle acendían cando eu falaba con ela e quedaba mirando fixamente aos seus ollos. A súa cara, alí no medio de ducias de pes era como o mármore e eu quería morrer con ela. Entre imaxes irreais, crucei cuns médicos e unha padiola mentres saía, ausente, do instituto. Entre imaxes de caras que só expresaban irrealidade, medo, incredulidade.

Non lembro ter falado con ninguén dela, supoño que si, supoño que todos falariamos do mesmo, de que aquilo era imposible, que non podía ser, que non era certo. Supoño que todos diríamos o mesmo, que era unha rapaza moi vital, que como lle podía ter pasado algo así. Que todos diríamos as mesmas parvadas, que si era moi nova, que tiña moito por vivir. Pero eu non o lembro, como se os meus oídos foran permeables a toda palabra de dor, de tristeza. Como se na miña cabeza non quedaran gravadas máis que imaxes. Non quería escoitar, nin falar, tanto me tiña do que morrera, tan só me importaba que ela xa non estaba.

Ao día seguinte foi o funeral. Fun como todos os compañeiros. Fun como un máis, pero eu non era un mais. Non podía selo. Non quería estar con ninguén, quería estar con ela, pero xa non podía ser, non habería máis paseos polo río, nin nomes de estrelas nin voltas das clases xuntos. Nunca volvería a falar con alguén naquela fiestra por riba da miña. Non podía soportar aquela multitude, ver a todos os compañeiros como sombras que se movían diante miña. Non me importaban. E por iso decidín non ir ao camposanto con todos, xa iría, máis tarde, coa miña bicicleta, cando non houbese ninguén, para estar por última vez a soas con ela.

Non tardei en atopar o seu nicho, foi fácil, era o que estaba cheo de flores, de coroas e ramos. Os teus amigos que te queren, a túa nai non te esquece, o teu irmán. Nada diso importaba, eu só pensaba nela, que estaba alí dentro, fría, metida alí para sempre. Na súa soidade e na miña, non podía parar de chorar.

Canto tempo xa pasou. Ollo por última vez a súa lápida allada polo tempo. Por fin o ceo decídese a acompañarme no meu sentimento e as súas bágoas mestúranse cas miñas mentres baixan polas miñas meixelas. Xa non sei nin por quen choro. Volvo a camiñar, aínda máis perdido, semella que estou a dar voltas sen sentido, pero non, porque chego sen querer ata muro do cemiterio, un muro que alí é moi baixo, exactamente igual que fai corenta anos.

Non sei canto tempo pasei aquel día diante da lápida nova do vello camposanto, chorando desconsolado. Se cadra unha hora, ou se cadra dez minutos. Só sei que cando quixen saír… non puiden. Os enterradores xa pecharan as portas e marcharan e eu, idiota, quedara dentro. Que podía facer? Chamar a alguén a berros? De súpeto a tristeza marchou, viñeron o medo ao camposanto, aos mortos, e a vergoña por estar a facer o parvo. Tería que saltar o muro, xusto na parte do fondo, onde era máis baixo. Subín por el e levantei a bici, había silveiras, pero tanto tiña, deixeina caer do outro lado. Non se decatouse ninguén, ninguén ollou a un rapaz tan pailán que quedara pechado dentro do cemiterio. Non houbo vergoña, tan só os rabuños das silveiras nas pernas e na miña autoestima, pero iso só o sabería eu.

Parece mentira que corenta anos despois sigan igual tantas cousas. A lápida dela, aquela parte do muro, as pedriñas do chan... Penso en todo o que teño pasado neste tempo. En todo o que teño cambiado. Na tristeza que me consume hoxe e na que me consumiu entón durante semanas, penso en que daquela todo pasou, en que pouco a pouco deixamos de falar dela, de lembrala. Deixei de baixar ao río esperando ollar á súa pantasma paseando o can, deixei de ollar para a súa ventá, soñando que ela aínda estaba alí. O tempo foi pasando e as feridas foron curando. Como agora, tal como pasará agora. A vida seguiu adiante.

E digo, quen volvera a ter dezaseis anos! E decátome de que xa son horas, que teño que marchar, que vai sendo tempo de volver a casa, non vaia quedar de novo pechado no cemiterio, xa sería unha boa brincadeira, para partir coa risa, e dou a volta para saír, e me imaxino de rapaz, aquel día, saltando o muro coa bici, e penso para min mesmo que xa non teño dezaseis anos, así que… por que non?