UA-55725853-1

11 de dec. de 2015

Fin

Si, é o fin... o último post ou entrada. Ben, en realidad é un punto e aparte. Remato este paragrafo e comezo outro. Un novo conto, outra historia. Cada certo número de pasos hai que camiñar de xeito distinto. Para non aburrir. Evolucionar, lle din. Por iso, penso eu, vai sendo hora de rematar esta parte do camiño.

MORROCANTANDO empezou como blog alá polo ano 2007, exactamente no día 6 de febreiro. Ese día escribira dúas entradas, así de lanzado andaba eu, unha historia totalmente anárquica, desas de escribir o primeiro que che ven á cabeza, e outra sobre o meu admirado Rai Bradbury. Logo o blog foi camiñando el só... co paso dos anos. Aprendín html para ir mellorando o estilo e o aspecto do blog e alá polo ano 2011, o día 11 de xuño, pois lanceime a renovar o blog. De cores cálidas e pardas, cun aire sicodélico e infantil, pasei a cores azuis e frescas e cun aspecto máis maduro. Pero co mesmo nome. MORROCANTANTO.

Por si non o sabedes, o do nome ben da letra dunha canción tradicional que popularizou Leilía no seu disco Madama:
"Eu ei de morrer cantando
xa que chorando nacín.
"

E agora, case nove anos despois, vai sendo hora de dar por finalizado este blog. Si, así de rotundo. Fin, adeus... ben, non tan rotundo, porque é parte da miña vida... hai moito de min nas súas páxinas, e por iso este non vai desaparecer como desapareceu o outro. Xa me encargarei delo e xa me encargarei de resucitar a primeira parte. Porque si, eso o que son: partes. De 2007 a 2011 a primerira. De 2011 a 2015 a segunda. Xa o decía Iván Ferreiro con Los Piratas... "Fin da segunda parte". Supoño que en certo modo ten a súa lóxica, esta parte do blog durou o que durou a lexislatura máis patética e triste da nosa historia democrática - e iso que a de Aznar foi terrible: esta aínda foi peor. E por iso, espero que este pequeno acto meu teña paralelismo na realidade. Adeus blog... adeus Rajoi.

Pero o bo que teñen os finais e que traen un novo comezo. SEMPRE. E por iso comezo unha nova andaina en outro camiño. Remata MORROCANTANDO, empeza SIN NOTICIAS DE ALDEBARÁN (en principio en castelán, pero pronto terá a versión galega). Un blog moito máis maduro, moito maís enfocado, pero tamén máis pensado e diversificado. Espero que vos guste e que me acompañedes nel. É toda unha aventura. A cousa é que teño dous obxectivos: ser community manager profesional e ser escritor. O segundo vai ben encamiñado, e o primeiro, estou aprendendo. O primeiro paso xa está dado... o segundo paso é ser o meu propio community manager, da miña marca persoal, chegar a máis ámbitos, darme a coñecer e facer márketing de min mesmo. E ese é o motivo real do cambio.

E nada máis... simplemente, como din os ingleses... A RAÍÑA TEN MORTO... LONGA VIDA Á RAIÑA!! Repetide comigo... ADEUS MORROCANTANDO... BENVIDOS A... SIN NOTICIAS DE ALDEBARÁN. Espero vos guste.

26 de nov. de 2015

A nena afgá

Un pouco de historia

Vouvos contar unha historia, a historia de como no ano 1985, tres feitos pariron unha das fotos máis fermosas e famosas da historia.

Feito un: unha nena afgá de 12 anos foxe a Paquistán da guerra contra Rusia que asola o seu país.

Feito dous: un fotógrafo chamado Steve McCurry faise pasar por afgán para lograr fotografar o conflicto.

Feito tres: os dous coinciden no campo de refuxiados Nasir Bagh de Pakistán, onde McCurry, queda enfeitizado ao entrar na escola do campamento, e logra fotografar a unha nena que posa de última porque é tímida e recelosa.

McCurry sae do país cos carretes ocultos cosidos á súa roupa e logra que lle publiquen a fotografía no National Geographic de xuño dese mesmo ano. A pesares de que o editor xefe non quería, o director da revista decide que ten que ser a portada dese número, e convértese nunha das máis recoñecida da revista. Quen non lembra a cara asustada e fermosa da nena, cos seus expresivos e brilantes ollos verdes envoltos co sucio rostro perfectamente enmascarado no seu pano vermello? Que non lembra a imaxe dunha nena cunha mirada sinceira pero dura, cun ollar triste e mesmo furioso pero cheo dunha beleza irresistible?


O reencontro

Anos máis tarde a curiosidade embargou a McCurry. Durante anos viaxou repetidamente a Afganistán, co intención de atopar á nena, de coñecer o seu nome e saber da súa vida. Por fin, no ano 2012, logrou atopala. A nena casara, xusto un ano despois de que a fotografara McCurry e de seguido retornou á súa aldea perdida nas montañas Pashtun. Dezasete anos despois xa era unha muller madura, con marido e tres fillas, marcada polo paso dos anos, por unha vida que fora dura con ela. Xa non vestía un fermoso pano vermello. Agora ocultábase baixo un gris e escuro burka, obrigada pola relixión e os costumes.

A muller aínda tiña os ollos tristes e duros pero xa non había a vitalidade dos 12 anos, xa non tiñan a promesa do futuro. Como podían conservala se esa vitalidade morrera ao ter que casar con 13 anos! Máis ben parecían os ollos dunha muller acostumada a chorar baixo o agocho do seu burka, a non ter consolo nin comprensión.

Aquel novo encontro tamén se fixo famoso, McCurry por fin coñeceu o nome da rapaza, Sharbat Gula e que fora dela, e ela descubriu que era famosa no mundo enteiro, un mundo descoñecido e alleo para ela, e puido, por fin, mirarse por primeira vez nunha fotografía. Entre as dúas fotos hai un mundo de distancia. Dous ollares verdes, similares e o mesmo medo. Pero no segundo retrato, no da muller de 30 anos, xa non hai tristeza nin esperanza, tan só aceptación e resignación.

Porque ser muller é complicado, en calquer parte do mundo, pero nunha sociedade pecha e patriarcal como na que Sharbat vive, unha aldea perdida no lugar máis remoto de Afganistán, sen cultura, sen coñecemento, aínda máis. E esa é a razón dos ollos dela, porque, que pode esperar da vida unha muller na súa situación, agás aguantar, sufrir, traballar e gozar o pouco que lle deixen dentro do seu cárcere de tela?

Por sorte este segundo encontro trouxo algo máis… que National Geographic crease a sociedade Afghan Girls Fund, para axudar o desenvolvemento e creación de oportunidades educativas para as rapazas e mulleres afgáns. No fondo a vida é así, rotunda e terrible, pero chea de pequenos feitos que axudan a transformar un mundo tan grande como o noso.

16 de nov. de 2015

Relatos de terror

Este é un relato que presentei a un concurso dunha páxina web chamada Artgerust. O concurso chamábase, IV Concurso Literario de Terror ArtGerust. Homenaje a Edgar Allan Poe. Non vou dicir que o meu fose o mellor relato. Para afirmalo tería que ler os 150 relatos finalistas entre os que está "O Silencio Acusador". Só sei dúas cousas... os organizadores escolleron eses finalistas para facer un libro... E que entre eses 150 hainos mellores que os tres gañadores. Un deles o da miña amiga Xirasola. O meu? Valorádeo vos.

Logo, nun alarde de creatividade, escribín outro máis. Este relato, baseado nun de Edgar Allan Poe, tamén penso que é mellor que os gañadores. Espero vos gusten.

O silencio vingador

Eu odiábao a calada maldade do covarde e do envexoso, porque súa era a inocencia dun neno, do perturbado que co seu estúpido balbucir provocaba o cariño e os abrazos da miña amada.

Tanto adoraba Laura a aquel brután descerebrado, como me ignoraba a min, que era todo porte e intelixencia. Por iso, mentres ela, en van, suplicaba ao xurado, non dixen nada.

Días despois, atopei a Laura axeonllada, inmóbil, baixo o corpo inchado e cheirento do idiota aínda colgado inutilmente do cadafalso. Comíame a culpa, só quería achegarme a ela, confesar a miña traizón. Non puiden, os ollos do morto mirándome fixamente xearon o meu corpo.

Si, calei, polo meu silencio culpárono a el do horrible asasinato. Pero non se enganen, a miña vinganza é agria… martirízame día e noite a lembranza do seu corpo pálido, frío, os beizos tornados a morado e aqueles ollos cravados nos meus, ameazantes, acusadores… que din… seino.


No lugar errado

Grazas pola cervexa, xefe, deixe que refresque o pescozo. Que boa! Mire, a miña Betsi acababa de parir xemelgos e eu non tiña traballo, aceptaba calquera cousa. Un matasáns pediume mortos, non pagaba mal. Queríaos en bo estao, así que llos busquei nun panteón, sabe? Era o do seu parente... Tom, acabóuseme a pinta, trae outra que paga o xefe! Cando levantei a tapa pensei que me salía o corazón pola boca. Ao pobre home o enterrárano vivo! Logo souben que o meteran na tumba equivocá, a boa tiña unha campá p'avisar. Xúrolle por miña nai e por Deus que o desgraciao tiña os dedos co oso ao aire!... que había uñas clavás na tapa, e a cara, necesito outro trago!... aquela mandíbula desencaixá, estirá nun grito que parecía vir do fondo do inferno, como si o tipo aquel o tivese levao o mesmo demo!

21 de out. de 2015

O comediante

Empezar o día con alegría, xa o dicía a Sabater - non confundir con Fernando, é importante, é bo para ter unha cara nova, para que o corazón vaia ben, e para que o corpo teña saúde, e por iso, preocupados por nos, polo benestar corporal e mental dos galegos, de cando en vez a Xunta de Galicia transmútase en Club da Comedia Galego. Abrir o xornal e escachar co riso é a mesma cousa, así que cando o señor Nuñez Feijoo (dito cun "X" moi suaviño) ten o día gracioso as miñas mañás comezan, incluso ás que o fan as seis, do mellor xeito posible. Hoxe é unha desas.

A nova fonte da miña alegría é a que na Voz de Galicia encabézase co seguinte titular:

Feijoo promete crear 18.000 empleos más antes de llamar a las urnas

Non é para comezar a rir e non ter parada? Para cambiar a letra da canción: "Alegra me el día Alberto, alegrame el día, alégrame el día por Dios y la Virgén María"?

Porque, sinceiramente, isto é unha broma, non? Unha brincadeira das boas, un adianto do día dos inocentes, unha cousa desas que ten o "cachondo" do presi... porque, a ver, digo eu, se non creou nada de emprego en tres anos, quen se vai crer que o vaia facer en un? Claro que cun compañeiro de festa como o Concelleiro de Facenda, Valeriano Martínez (ese si que é nome de cómico e non Fernando Esteso) como non vai estar todo o día de leria, de festa, de carallada o noso ilustre presi? Porque xa postos a rir, pois hai que facer as cousas ben... se son os dous uns alegres: di o concelleiro que eses 18000 novos postos de traballo van ter un claro compoñente industrial. Pero que home máis divertido, máis ocorrente.

Agora as fábricas medran como os cogomelos nos soutos. Se é que esta terra galega é do que non hai, dá de todo, de todo da.

Sinceiramente, Pablo Mota, Berto Romero, Dani Rovira, non sei como non vos retirades xa... con cómicos como estes nun ano todos vos no paro. Vanvos comer as papas estes dous.

4 de xuño de 2015

Secuencia

Xa está... chegou o día 29 de maio de 2015 e foi a final do Terceiro Concurso de microrrelatos do Café de Catro a Catro. E non podeu ser. Faltáchedes vos. O certo é que o nivel era moi grande, todos eran moi bos relatos e algún tiña que gañar. E penso que houbo xustiza porque gañou a miña irmanciña, a miña gran amiga Xirasola co seu fermosísimo "Boneca de Farrapo" que tan agradable foi de collerlle a man a Pauliña, por mais duro que apretara, mentres ela o paría... Que ela axudoume a que eu levase e a bo porto o meu cos seus bos consellos... En realidade estou moi contento: como non ía estar... son finalista dun concurso de mircrorrelatos e penso que o fixen moi ben e que o relato é moi bo. Espero vos guste... vai para todos vos.

Só unha cousa máis... noraboa a todos os que chegáchedes e estivéchedes na final: líchedes todos moi ben e foron todos moi bos microrrelatos. En especial quixera felicitar ás compañeiras de Obradoiro Mª José e Nena, e tamén a Tamara Andrés. E agradecer aos meus apoios... aos meus pais, a Tino, a Carlos e Edu e como non... a Cassiopeia...

Secuencia

Luns. Xa perdeu a conta dos anos vividos na rúa como insípido caracol, de durmir en calquera esquina sobre a súa persoal podremia, só acompañado do viño barato e da eterna culpa. Os resacosos ollos quedan prendidos na mesma casa de sempre e o ruído branco que anubra a súa razón empeza a aclarar, fai que volvan imaxes aos poucos, con preguiza, como unha máquina á que lle custa arrancar. Négaas.

Martes. Pasa o día pegado a un portal noxento ca compaña de varias botellas valeiras e da lembranza da cálida confianza do corpo dela nas súas costas.

Mércores. Varias instantáneas mesturadas crávanse con forza na súa alma: unha paisaxe de montaña, unha posta de sol e máis botellas valeiras.

Xoves. Salta o tapón na memoria, esa molestia persistente nos miolos. Lágrimas de dor mollan as súas barbas perennes mentres rompe con rabia unha botella contra a parede. Non quere beber máis.

Sábado. A insoportable abstinencia trae, inesperada, unha secuencia de película, oxalá o fora: 180 km/h, curva pecha, freada apresurada, o asfalto máis preto, non acaba de chegar o golpe e fundido a negro.

Domingo. O recordo da caída proe no ombreiro. Lembra a moto esnaquizada na veira da estrada. Lembra camiñar, coxear: colle o corpo dela, abre a súa viseira e xusto nese intre, daqueles beizos tan quentes noutrora, esvara, no fume do alento, mentres os fermosos ollos mudan a dúas simples bolas de vidro, o derradeiro “quérote”.

Hoxe na súa boca bágoas confúndense co viño barato. Volve a ser luns.

25 de maio de 2015

Cousas de nenos

Cóntame o amigo Xoxe Xose Lois D. Lucio​, que onde el vive, no Sixto, en Vilagarcía, cuna dos Campaneiros, gaiteiros de renome, o alcalde, o Sr. Fole, do PP mandou por uns bambáns para que os vellos fagan exercicio uns días antes das eleccións. Que alegría, de súpeto os nenos grandes de O Sixto, por fin, teñen aparellos para xogar no parque que hai do lado do centro cultural! Pero non sexades malos, non pensedes que é por arrincar un par de votos, non... é por boa vontade!

Cóntame tamén que hoxe, día 25, deben de estar de resaca postelectoral no concello de Vilagarcía, pero das malas, das resacas puñeteras que non saen nin co paquete enteiro de ibuprofeno, porque quitaron os bambáns pensando que estaban a quitar a propaganda electoral. Claro que ao mellor, pensando mal, pero moi mal, tamén podería ser que o ex alcalde, ou alcalde en funcións, o Sr. Fole, ou Fole a secas, nun berrinche infantil, mandounos quitar porque "los pagué yo, de mi bolsillo, y si yo no puedo jugar con ellos pues no juega nadie".

Cosas de nenos digo eu.

As fotos foron feitas por Xoxé Lois Lucio no Sixto, Vilagarcía de Arousa, os días 22 e 25 de maio.

20 de maio de 2015

Con Cariño, parte dous

E entón a lectura do relato da que me sinto moi, moi fachendoso... non só do relato, do relato tamén, claro, non é por faltar de humildade, que o relato é bo, é por como o lin que emocionoume ata a min e porque quero agradecer o apoio de moita xente, claro, pero en particular de esa muller que me falou do concurso e que me apoia para que sexa mellor Edu, porque ela é así. Hai moita xente que o fai, claro, que me apoia, que me alenta, pero o dela o certo é que algo maís, é amor, do bo, do de verdade. Grazas a todos. Grazas a ela.

Con cariño

Para facer as cousas con cariño ela ben sabe que hai que dar os pasos axeitados: empeza pelando cada pera con dozura. Córtaas en dúas metades simétricas, arríncalles o corazón sen remorsos, e de cada unha fai lascas como escamas dun peixe desmesurado.

Na pota bota auga fresca, as peras e, neste punto compre precisión, o azucre. Ten claro que ese é o equilibrio do pastel: pasarse pode matar o amargor das peras.

Con coidado pesa 250 grs e logo como nun descoido, acorda e engade 50 máis.

Toca agardar. A cocción ten que ir de vagariño co amor amarelo e azul do lume. Sen presas.

Mentres espera monta o molde: cóbreo de manteiga e sobre a manteiga a masa.

Cando só quedan 10 minutos engade o toque final: unhas pingas de matarratos, pero as xustas, que o cabrón debe morrer cheo pero sufrindo. Con cariño.

19 de maio de 2015

Con cariño

Ás veces hai boas novas que a un lle apetece compartir. Non é por fachenda, ou si. En realidade é simplemente que cando as cousas saen ben, sinceiramente, tamén hai que compartilo. Fai mes e pico participei nun concurso de micorrelatos que organizou o EDLG da EOI de Pontevedra. Tratábase de escribir 150 palabras usando tres palabras escollidas ao azar no momento, e tan só en dúas horas. As palabras eran "pera", "equilibrio" e "cocción". Así que nada, fun ao concurso e o meu relato foi escollido o mellor de todos, algo do que me alegro moito. Non é polo premio, é pola cousa de que o que un escribe ten unha certa calidade. Que pode que un non chegue a ser un gran escritor, pero supoño que algo é algo, non?

E para que podades opinar... pois velaivai o meu relato...

Con cariño

Para facer as cousas con cariño ela ben sabe que hai que dar os pasos axeitados: empeza pelando cada pera con dozura. Córtaas en dúas metades simétricas, arríncalles o corazón sen remorsos, e de cada unha fai lascas como escamas dun peixe desmesurado.

Na pota bota auga fresca, as peras e, neste punto compre precisión, o azucre. Ten claro que ese é o equilibrio do pastel: pasarse pode matar o amargor das peras.

Con coidado pesa 250 grs e logo como nun descoido, acorda e engade 50 máis.

Toca agardar. A cocción ten que ir de vagariño co amor amarelo e azul do lume. Sen presas.

Mentres espera monta o molde: cóbreo de manteiga e sobre a manteiga a masa.

Cando só quedan 10 minutos engade o toque final: unhas pingas de matarratos, pero as xustas, que o cabrón debe morrer cheo pero sufrindo. Con cariño.