UA-55725853-1

28 de maio de 2013

Reconquista 2013... o tecelán

Por desgraza as feiras temáticas tipo medieval como a Reconquista estanse a converter en rinconciños onde esmorecen languidamente vellos costumes e oficios que a nosa sociedade moderna ten esquencido nun recuncho do faiado da memoria. E non porque sexa malo que aínda existan artesáns convencidos en manter oficios ou agrupacións que recuperan costumes e que van a esas feiras a ensinar esas empoecidas antigallas, todo o contrario, a cultura esmorecente ten a UVI nos museos e nas mostras. Nestes tempos que corren é necesario un cambio de sistema e cada día que pasa estou máis convencido de que ese cambio ten que vir da man dun encontro entre o futuro e o pasado: coller o bo que nos ten dado esta moderna sociedade e amalgamalo co bo do pasado para facer algo novo. A tecnoloxía na súa xusta medida debullada de frivolidades innecesarias e todas as tradicións culturais, laborais e sociais que dende tempos anteriores á cruz teñen transmutado e evolucionado no que hoxe coñecemos como "cultura tradicional". Vos decatades de que o xeito de vivir dos nosos ancestros menos a dificultade por un baixo nivel tecnolóxico pode ser igual a unha vida de calidade? Dende este punto de vista o traballo etnográfico colle unha nova calidade: traballos como os de Chisco, Leni, Luis Prego, Miguel Souto, Mercedes Peon, Montse Rivera, María Prego... e unha lista que si empezo a escribir non me chegan vinte liñas son máis necesarios que nunca!

Mirando o tecelán das fotos lémbrome dunha cousa. Fai algún tempo editouse unha novela, unha enciclopedia novelizada máis ben, de tal nivel que ata Boris Izaguirre recomendouna. Chámase "Tempos de Arroz e Sal", e o escritor é Kim Stanley Robinson. Este señor escrebe ciencia ficción estricta... iso é ciencia ficción tratando de cinguirse á realidade física na que vivimos, pero este libro é un libro de historia... paralela. É o que se chama unha "ucronía", un, como dirían os da Marvel, "what if...?", é dicir, que pasaría. Que pasaría se a peste matase a todos os europeos e no mundo as dúas grandes potencias históricas e civilizadoras fosen China e o mundo árabe? E así, respondendo a esta pregunta o escritor conta esa historia da humanidade paralela, na que os descubrimentos científicos, as grandes guerras, o pensamento filosófico vai sendo desenvolvido por uns e outros... América é descoberta polos chineses pero como o recorrido do Pacífico é maior a conquista nunca é total e os nativos americanos teñen tempo de se organizar e acaban por conservar o seu continente orixinal.

E que ten que ver un tecelán con isto?, diredes vos. Pois a trama e a urda... esa sociedade de nativos americanos é unha sociedade atomizada en tribos-nazón que levan toda a vida loitando entre eles... tan lonxe están do concepto de nazón actual. Pero entón, no momento xusto alguén crea o concepto de trama e urda. A trama é o fío que se cruza con outros dous e queda así atrapado. Cada fío da tea ten a súa trama, está collido por outros dous. A urda e o conxunto de fíos paralelos e así cada tecido ten dúas urdas. O que lle da forza á tea e iso, a trama e a urda: cada fío por si só é feble, pero na tea... é como unha parede. No libro, as tribos deseñan unha sociedade baseada no deseño das teas: cada individuo pertence a unha trama, a unha tribo, individuos ca mesma orixe, fíos paralelos, pero ao mesmo tempo cada invidiu pertence a un grupo transversal, a trama, e así cada individuo queda dobremente enlazado, creando unha sociedade máis forte, máis resistente. Teñen un doble fluxo de responsabilidade e lealtade, un fluxo cruzado que os fai máis fortes. E non podería ser tamén este un concepto real que usar nunha nova sociedade da humanidade?

Trama e urda. Pasado e futuro. O entrelazado das cousas é o que nos pode levar por un novo camiño: ata agora os homes fixemos a nosa historia a golpe de hacha, de desentrelazar o fiado. Vai sendo hora de cambiar iso: é tempo de teceláns. As respostas están diante de nos, no que nos rodea, na natureza e tamén nas nosas tradicións. Só hai que saber mirar.

Ningún comentario :

Publicar un comentario