UA-55725853-1

6 de maio de 2014

A vella bicicleta (3)

Aña Urbana Pontevedra 2014 059

Apoiada no vello castiñeiro hai unha bicicleta vermella. Xa non é nova pero só mirando de preto un podería decatarse de que foi pintada recentemente cun coidado e delicadeza que volveu a darlle aires de bicicleta que non vai nada que se mercou. Ao seu carón o home vello bebe con tranquilidade dunha botella de auga mentres olla no ceo como o sol apura as últimas horas da tarde igual que el apura os últimos días do verán que pronto deixará paso ao outono. Aínda os días son longos e vai calor, pero xa as noites son frías e nótase como a nova estación vai anunciando que chega cun eco do Concerto nº 3, op. 8 de Antonio Vivaldi ao lonxe.

O sol comeza a achegarse ás montañas do fondo do estreito val deixando ao seu paso sombras cada vez máis longas que se irán estirando pouco a pouco cara o final da tarde ata que por fin reconquisten os lugares que ca aurora lle foran arrebatados. Tamén o ceo vai escurecendo de vagariño pero con resistencia inversa, que non marche o sol reclama, e nesa loita por seguir sendo azul xa empeza a volverse laranxa e pronto derramarase o primeiro sangue. Debe ser que non lembra que todas as noites o sol déixalle, como nocturno regalo, un velo engalanado en brillantes vagalumes.

O vello dáse á volta e olla para a bicicleta. Non quere deixar de mirar para ela. Representa dúas cousas. Por un lado todo o esforzo, toda a súa obsesión dos últimos catro meses de duros traballos para recuperar o que unha vez foi aquela vella bicicleta. Polo outro, representa a lembranza máis importante da súa vida. Son dous feitos entrelazados entre si, porque eses traballos por traer de novo á vida á súa vella bicicleta fixeron aínda máis presente aquela vella lembranza da súa dona, o recordo daquela marabillosa muller.

Cando aquela mañá de primavera sacou a vella bici do pequeno alboio só tiña en mente limpala de arañeiras e de po e levala para un sitio da casa máis apropiado. Colleu un pano húmido e empezou a pasalo polo cadro, pola sela, tan só quería limpala un pouco, apenas dez minutiños de limpeza que tiña moito que facer aquela mañá. Pero pronto empezou a decatarse dos detalles, do po que se acumulaba nas xuntas, polas partes baixas, no aro das rodas entre os radios e sen case pensalo decatouse de que non valía con limpala un pouco, realmente era necesario pararse e deixala completamente limpa, e así a limpeza da vella bicicleta converteuse nun traballo preciso, exquisito… puntilloso que levou varias horas de aquel día.

Ah, pero cando rematou pensou no fea que lucía a bicicleta xa case sen pintura e toda chea daquelas pintiñas de ferruxe que case enchían o cadro e o guiador, e tamén pensou que se non as quitaba non tardarían en facerse máis grandes e que pronto chegarían ao interior e ese sería o fin da bicicleta. Total, canto lle podería levar pasarlle unha lixa? Máis tempo do que pensou. Probou primeiro cunha de papel pero era un traballo duro, interminable, polo que colleu o trade eléctrico e púxolle o cepillo e con moita delicadeza e paciencia foi limpando aqueles puntiños marróns, foi quitando a pouca pintura azul que aínda quedaba. E foi así que unha simple limpeza converteuse nunha complexa restauración, e o seu obxectivo vital durante varios meses.

Así foi que cousa levoulle o seu tempo porque tivo que desmontar a bicicleta enteira para poder separar certas pezas como os aros das rodas, como o guiador, como a sela. Tratou de arranxar os dous cambios pero estaban tan enferruxados que non lle quedou outra que mercar uns novos… o mesmo lle pasou cos freos e as dúas coroas de engrenaxes. Tamén tivo que cambiar os rodamentos, e os cables e a vella sela que estaba chea de furados polos que lle saía a escuma. E os pomos do guiador e todos os radios xa que moitos estaban rotos ou dobrados. E como non as gomas das rodas que xa non valían para nada.

E logo de cambiar todas as pezas que xa non valían, de limpar a bicicleta da vella pintura e das pintas de ferruxe… tocou a quenda de darlle pintura, e ata niso o vello foi delicado, traballando sen presas ata que por fin un día, case catro meses despois, tiña diante a súa vella bicicleta que parecía nova como se nunca tiveran pasado cincuenta anos.

A vella bicicleta (2) A vella bicicleta (4)

Ningún comentario :

Publicar un comentario