UA-55725853-1

6 de ago. de 2014

Amencer en García Barbón

Amencer en García Barbón 060814 063

Hai días fermosos nos que arde a chama da tristeza dentro dun... e hai días que parecera que esa tristeza saíra fora dun mesmo e acabase no ceo enchéndoo de nubes, e aínda así, neses días de tristezas cenitais, incluso así, a fermosura tingue de lume e alegría o ceo do amencer e do solpor.

E para mostra unha foto do amencer céntrico vigués. De seguro que hai vistas máis altas para sacar mellores fotos dun solpor nesta cidade de pendentes e rúas oscuras... pero esta é a vista que teño ao erguerme. Por sorte a foto foi sacada no momento preciso, na hora xusta, no segundo no que se pasan todas as portas cara o futuro. As portas que xa non se poden volver a pasar cara atrás, sempre para diante. Para ben e para mal.

Claro que cando un mira un amencer así, a pesares desa tristeza cenital do resto do día da que falaba antes, non pode deixar de encherse da alegría e da esperanza de que todo vai ir ben, que a vida está ahí, diante nosa, de que o malo sempre queda atrás, e se non queda, con axuda, sempre con axuda, dun mesmo e dos bos amigos, se pode seguir a vivir. E entón só podes pensar que en realidade todos os males son tonterías, que o mellor que pode facer alguén coma min, coma ti, é loitar e gozar de cada momento porque a vida, por sorte, hai que compartila, iso si, primeiro cun mesmo.

Aurora - Franco Battiato
Album "Apriti sesamo" - Traccia numero 8

Vento, tu che sei passato sul sobborgo
ed hai abbeverato le colline assetate
porta a me le cupe nuvole
affinché le possa riempire d'acqua,
con le mie lacrime.

Borghi, verso i quali s'incamminano le disgrazie
come lupi che s'incamminano nella selva
là, dove ho accompagnato i leoni all'acqua
ed ho visitato tane di gazzelle.

Dietro di te oh mare, ho un paradiso da scoprire.

Dove c'è contentezza e miseria alcuna
se di giorno penso di conquistare
la sera tu me lo rinneghi.

Ho ceduto ai desideri che il mare mi ha proibito di
incontrare.

E farò della mezzaluna un battello
per abbracciare l'ardere del quel fuoco,
e farò della mezzaluna un battello
per abbracciare l'ardere di quel fuoco.

Oh tu Aurora portami la luce, tu Aurora portami la luce.

La Mente è qualcosa di stupefacente, un tesoro,
che soddisfa il desiderio, uno scrigno,
di ogni possibile cosa.

30 de xul. de 2014

Música no vento

Fai anos, cando Morrocantando era un pequeno blog na blogoteca escribín unha entrada sobre a marabillosa obra de Hayao Miyazaki chamada Nausicaä do Val do Vento.

Supoño que todo empeza o día que eu descubrín esa marabillosa ferramenta de compartir que se chama Emule. Púxenme a descargar anime… Akira, Ghost in the Shell… e que máis? Ah… as películas do Estudio Ghibli… as míticas e marabillosas e incomparables películas do Estudio Ghibli, cargadas de sensibilidade e poesía, e de crítica e paixón… e entre elas… entre todos aqueles personaxes marabillosos, entre Chihiro, Mononoke, Porco Rosso, Kiki ou Ponyo… entre todos estaba ela… a princesa Nausicaä, co seu vestido manchado de sangue azul de Öhm, a princesa do Val do Vento, o val ao que non chegan os aires velenosos cargados de esporas de fungos porque nunca deixa de soprar o vento do mar… de alén do mar.

E quedei abraiado. Aquela película cargada dunha imaxinación única entroume moi dentro, golpeoume, bateume… deume a volta, xa dende o primeiro minuto… con eses títulos de crédito exquisitos que son un pequeno conto.

E foi así que de todos eses personaxes, Nausicaä quedou con máis forz atrapada no meu interior, na miña cabeza, porque quizais é a máis real… e quizais por iso non parei ata que merquei o anime en DVD, unha coidada edición nunha fermosísima caixa de lata (amigos meus, se ledes isto, non me preguntedes nunca máis, por favor, que é o que me podedes regalar o día do meu aniversario).

E entón, outro día, buscando na tenda Norma da compañeira e amiga Ángeles… atopei o manga e entón aínda alucinei mais porque unha historia xa bastante complexa converteuse en algo realmente extraordinario ao longo de seis densos volumes.

A cousa é que estas semanas de buscar que ler na praia por fin me decidín a repasar Nausicaä, que creo que só o lin unha vez.

É antonte aconteceu a marabilla… na praia… ca auga case chegando aos meus pes, lendo as primeiras páxinas do manga, o sol calmado polo lixeiro vento que sopraba do mar dende o norte e nos meus oídos soando dende o móvil a música do anime… pensei que marchaba a esas lonxanas terras de Tormekia, de Pejite, que paseaba polos bosques tóxicos, nas cavernas de area limpa… ou na verde campiña do Val do Vento… entre campesiños que se afanan cas súas viñas, que corren a queimar cada cepa de fungo que entra casualmente co vento e que nas festas tocan gaitas e pandeiretas.

E dende antonte non podo deixar de escoitar esa melodía na miña cabeza porque representa cunha claridade exquisita a melancolía do que se perdeu pero ao mesmo tempo a alegría do novo, do rexurdimento… porque xustamente é diso do que fala o manga e o anime… dos horrores da humanidade, de cómo hai a algún de nos que, iluminados por ideais superiores, destruímos, esmagamos, esnaquizamos, sen importarnos para nada o que nos rodea, como se o planeta enteiro non importara, como se as persoas que matamos non foran máis que cousas, como se destruír un bosque ou unha cidade enteira non nos fose a afectar. Acaso iso non é algo que estea a suceder agora mesmo? Onte miraba horrorizado un vídeo de “Israel Demolicións e Derribos”… nunha hora de bombardeos facían po un barrio enteiro de Gaza.

Pero tamén fala de que as persoas somos máis que iso, e de que a compaixón e a propia natureza son maís fortes. De que dentro de nos hai algo que nos move tamén a facer as cousas ben, unha chama que as veces prende por si soa, pero que outras necesita tan só do chisqueiro adecuado, que pode ser a inxustiza ou alguén a quen admirar, como Nausicaä, de que se o motivo é xusto, hai que loitar contra o que sexa, e de que o noso planeta está por riba de nos… de que ten os seus propios plans e si non estamos con el, ben, xa fará algo para botarnos, porque no fondo non nos necesita.

7 de xul. de 2014

Po cobrendo tempos mellores

Tempos mellores

Viña camiñando para casa... despois de tomar un viño con certa persoa marabillosa, pensando en pasar polo supermercado cando vin a casa, primeiro a ventana arruinada, case caidos os batentes de cristais rotos, cas contras de madeira cheas de po... ocultando un interior destrozado que tratei de imaxinar. Pero a porta da casa si que deixaba ollar o interior... no fondo do vestíbulo, á dereita, as escaleiras de madeira, sobre as que caera o teito enteiro. De frente... unha habitación pechada por unha porta de cristais de cores dos que aínda quedaba un único cristal verde, e na habitación, iluminada por unha ventá chea de po pola que se deixaba ver o patio interior, unha vella cama de ferro sen colchon, unha silla, o farol... todo coberto por po, e máis po, po sobre po que cobre aínda máis po...

Tempos mellores

Ao fondo da habitación a traveso da ventá rota, un cazo, un cazo abandoado, iluminado polo alto sol do mediodía, e a ventana, tamén chea de po, pero aínda cos cristais enteiros, con cortinas, da casa do lado. Sinceiramente mirar aquelas ventanas, aquela habitación e o vestíbulo ca escaleira medio caída... produciume unha pena inmensa, porque a pesares de que era nada máis e nada menos que unha casa vella, unha casa esquecida, en algún momento viviu xente nela, xente que a quixo porque era súa, que amou e chorou nela... e de súpeto foi quedando baleira, sen xente, sen persoas que facían que a casa fose o que era, un fogar. As casas envellecen, acabamos por esquencelas, por abandoalas... e entón énchense de po, caense os teitos, rómpense os cristais... e xa non son casas... son fontes de morriña e tristeza.

Tempos mellores

23 de xuño de 2014

Fotografía ao sol

Vella fiestra

Xogo de obstáculos

Encuadrados

Encuadradas

Cada vez que na primaveira ven o sol e saes a camiñar ca cámara de fotos na man, cada disparo que fas é unha posibilidade de gardar un momento único, unha lembranza ou simplemente unha ollada a lugares tan habituais na túa vida como os que podes atopar de cotío dando un irrelevante paseo.

Sempre hai unha vella fiestra que te chama a atención, unha desas con pintura verde medio caída, que fala de que a pesares de que a casa sempre foi de xente común, vulgar, de traballadores afanados no seu, no seu tempo, aquela era unha casa humilde pero fermosa, fachendosa.

Ou por exemplo, cando atopas o paseo dun parque polo que pasas case a diario, ese paseo que non era paseo máis que de nome, que xa necesitaba un bo arranxo e que de súpeto un día o atopas tan cheo de conos de franxas laranxas e brancas, que pensas... "Non era sen tempo que o arranxaran... xogamos a esquivar?".

E se vas á praia de Vilagarcía o normal é pasar por un horrible paseo de cubos abertos de cemento como unha serie de caixas que nos levan por un camiño determinado, como se foran noxentos arcos detectores de metais, pero que ademais polo medio fai un feo corte, un zig-zag imposible, e esa oda o "concrete" aínda así deixa sitio á posibilidade de facer interesantes fotos de xente pasando por elas, de encuadrar árbores da praia, de xogar cas perspectivas, cas sombras...

Mesmo na propia praia, nun sitio tan visto unha e outra vez, como o piñeiral con mesas que caeu do ceo na praia que un día saiu do río e acabou xusto onde antes había unha praia de verdade, podes atoparte unha foto tan interesante como unha muller tranquilamente sentada nunha das mesas, lendo indiferente, ante as olladas de miradas alleas, de obxectivos de cámaras, de nenos xogando, a unha señora tan concentrada que o nin o cambio do tempo percibía, as nubes que tapaban lentamente ao seu paso ao sol.

Piñeiros

Concentración

20 de maio de 2014

Yo, mi, me... contigo

Definitivamente outra cagada máis da miña vida… é así… nacín para esborrallar as cousas, para esborrallar o que me rodea, cas miñas teimas, cas miñas historias… ca miña imaxinación. É o malo que ten pensar tanto e ser tan intuitivo. E non sei porque pero sinto que esa sensación de elefante nun bazar está moi relacionado con esta foto.

E iso lévame ao último libro que lin… “Yo, mi, me, contigo” (que en realidade debería titularse “Derrepente Shakespeare”). Sinceramente, non é un libro fundamental nin exquisito, pero partindo da idea de que non é necesario que todos os libros que un lee teñan que ser fundamentais nin exquisitos, entón podo dicir que é moi bo. Sinxelo, si, pero divertido, entretido, interesante. E ata ten unha boa mensaxe final… que se pode atopar o amor verdadeiro si un sabe onde buscar.

A historia ten un argumento relativamente sinxelo… Rosa é unha mestra amargada e triste que se sinte afundida porque non para de fracasar e máis aínda cando sabe que o home que foi o amor da súa vida vai casar. Como di ela no libro… "¡Vaia home eu era unha especie de muller cliché! Comparadas comigo incluso as protagonistas das comedias de Hollywood eran do máis orixinal…”

Farta da afogar as penas en alcol, farta de fracasar continuamente, vai a un hipnotizador que fai que o espírito de Rosa viaxe ao pasado, a unha vida anterior, meténdose nun corpo que non é o seu, nun corpo que vai seguir sendo ocupado polo seu dono que vai ter que padecer a Rosa unha é outra vez. No corpo de William Shakespeare… e a partir de aí comezan a suceder as máis absurdas situacións ata o desenlace final, que do deixa a un pensativo e ca boca aberta: vaia… mira o que hai que facer para atopar o amor verdadeiro.

Shakespeare é o outro gran personaxe do libro. O bardo é un home que oculta a súa amargura con alcol, putas e amantes que non fan outra cousa que metelo nun lío tras outro. Non quere saber nada das mulleres se non ten nada que ver co sexo. Aínda non é o gran Shakespeare de Hamlet e Romeo e Xulieta, pero o será a menos que morra no seguinte duelo ou non logre curar a súa amargura e deixar de pelexar cos seus propios sentimentos.

É un libro para ler, pasar un bo rato, rir bastante en certos momentos, viaxar un pouco ao Londres isabelino e pensar bastante… porque o certo é que para un desastre con patas coma min, da para moito pensar. Mágoa non telo lido antes…

Así que non o pensedes… se queredes ler algo entretido, que vos faga pasar un bo rato e ademais que teña unha pequena mensaxe interesante… mercade ou lede este libro, eu volo podo deixar.

Ogallá algún día eu logre meter dentro de min esa mensaxe para poder deixar de esborrallalo todo ao meu paso.


Yo, mi, me... contigo
David Safier
Título original: Plötzlich Shakespeare
Editorial: Seix Barral
Año publicación: 2011
Nº de páginas: 304 págs
Encuadernación: Tapa blanda
ISBN: 9788432209413

14 de maio de 2014

Habibi

Fai tempo que non fago unha entrada sobre un cómic que me teña gustado. De feito só fixen dúas entradas e foi do mesmo cómic, alá polos albores desta nova etapa do blog, xa pronto farán tres anos. E non, iso non quere dicir que vai pechar o blog nin moito menos.

Nestes últimos meses de cambios, e cambios, e máis cambios, na miña vida, de perder cousas fermosas e recuperar vellos costumes xa esquecidos, ten sido todo un descubrimento revelador iso de volver a ir a biblioteca a coller libros… especialmente comics. Non son moito de ler cómic europeo. Non porque non me guste: sinceramente, ser un friki dos comics é caro e un sempre mercou con pes de chumbo, pénsome moito o que merco para non tirar cos euros e por iso, o europeo non sempre é a mellor opción. Antes prefiro series recomendadas americanas ou manga.

Pero que a biblioteca de Vigo teña un nutrido fondo de comics abre as portas xustamente a ese marabilloso mundo do cómic europeo ou de influencia europea, porque si un cómic non me gusta só teño que devolvelo ao andel e punto. Ata agora só me pasou unha vez pero esa vez quedou máis que compensada co acerto que foi, un día fai seis meses, coller un cómic chamado Habibi.

Dende a primeira páxina de lectura foi xustamente como si me deran en toda a cara cas 672 páxina máis tapa dura… unha experiencia intensa dende esa primeira páxina ata a última. Habibi conta a historia de Dodola e Zam nun imaxinario paisaxe arábico, cheo de desertos, oasis, pazos orientais, hamans, aréns… dende o momento que se coñecen sendo nenos e a piques de ser vendidos como escravos.

E vai desenvolvendo esa historia mentres ela vai contando as historias que aprendeu ao pequeno Zam porque Habibi é como as Mil e unha noites pero dos escravos, dos desposeidos… e tamén é unha fermosísima e cru historia de amor entre dúas persoas que tratan todo o cómic de atoparse, non so ao outro, se non tamén a si mesmos. Porque Habibi é unha palabra árabe que significa O meu amado.

E é moito máis… é unha parábola sobre a contaminación do medio ambiente, sobre o uso tiránico dos recursos, sobre a pobreza e a riqueza, sobre a amizade e as relacións entre as persoas… e tamén unha historia na que se comparan as dúas grandes relixións monoteísticas do mundo, a católica e o islam… para chegar a unha conclusión, que no fondo, as dúas, son o mesmo.

Habibi é como un conto árabe no que se mestura a maxia, o misticismo, os tempos preindustriais ca modernidade máis absoluta. Ten unha estética musulmán (xa dixen que compara as dúas relixións, pero en realidade os protagonistas son seguidores de Alah), usa a relixión e a súa propia iconografía, máis ben o xeito no que se escribe en árabe, para desenvolver pouco a pouco a trama, para contar os pensamentos e os sentimentos máis íntimos dos dous personaxes. E non hai baleiro porque é un traballo que ao autor lle levou sete anos, un traballo delicado, laborioso, como unha peza de ourivaría, pero no canto de usar ouro, prata… feito con tinta. Esta cheo de palabras árabes, ca súa escrita sensual e ondulante, de arabescos, de xogos cas liñas, ca tinta, cas mesmas palabras, para enmarcar as figuras, para levalas máis alá da realidade, aos soños, aos sentimentos…

Habibi é delicioso e cortante, fantástico e real, unha verdadeira xoia que non che deixa que pares de ler ata o final… ese final perfecto que me lembra en certo modo a aquel final de Crónicas Marcianas, porque… por moito que se diga… as historias teñen que ter final, por moito que podan seguir, por moito que un se poda imaxinar o que ven despois. Que sentido pode ter que che conten a historia de Cenicienta se non remata con “e foron felices e comeron perdices”? Si… claro, logo teñen unha vida xuntos e quen sabe o que lles pasa? Se cadra son felices, e se cadra non… pero que máis ten? A historia xa está contada e ata aí chegou, o que pase despois, ben, e parte da intimidade dos personaxes.

En Habibi pasa iso… cóntasenos unha historia, unha que é fermosa e terrible por igual, e mentres les, pensas que ogallá pase o que ten pasar, pero non, non da pasado, eles sofren aínda máis, aínda non chega o desenlace porque, porque todo o que lles pasa é como un proceso necesario para que o final sexa xustamente ese, para que eles inevitablemente aprendan e se atopen e chegue ese final e non outro.

E o final é tan fermoso, volo digo en serio, é tan fermoso, que choro cada vez que o leo… lector que les o meu blog, vou facer unha cousa que nunca fixen. Se tes pensado ler o cómic en algún momento da túa vida, aconséllote non ler a partires de aquí… ou si: a segunda vez que lin Habibi o final impresionoume aínda máis… todos sabemos como é un orgasmo pero a ninguén nos aburre follar por iso… Se non tes pensado ler o cómic… ben, tes que ler o que sigue.

Di o final do cómic:

“A Santa Sufí Rabi´a Al-Adawiyya, foi vista levando nun puño lume e no outro unha xerra de auga.

O lume para queimar o Paraíso…

A xerra de auga para apagar o Inferno…

de modo que ambos velos desaparezan…

e os seguidores de Deus adoren…

non ca esperanza dunha recompensa…

nin polo medo ao castigo…

se non sinxelamente por الحب.”

Non creo que vos resulte difícil descubrir que significa iso...

Habibi é sinxelamente unha gloriosa marabilla froito dun autor, guionista e debuxante, chamado Craig Thompson, un home que creou con tranquilidade de reloxeiro unha historia de amor, de aventuras, de coñecemento, de relixión, unha historia moderna e antigua que chega ao corazón e á conciencia.

Como sempre digo... moi recomendable... neste caso... debería ser obrigatorio.


Habibi
Craig Thompson
Colección: Colección Sillón Orejero
Cartoné, 17 x 22 cm, B/N, 672 páginas.
39 euros.
ISBN: 978-84-15163-29-9

8 de maio de 2014

Gatiña portuaria

Dende fai un tempo hai rondando polo porto unha gatiña tigreña bastante cariñosa que se achega a nos e prácticamente non ten medo de ninguén. O certo é que parece bastante ben mantida e moi espabilada... unha noite collina e quixen metela na caseta porque me daba rabia que andivese por fora co frío que facía, pero a gata asustouse e agora afástase un pouco, o que me tranquiliza bastante porque verdaderamente andar como anda a gatiña polo porto é un perigo. Este domingo, domingo aburrido de traballo pola tarde cando todo o mundo está a pasar a tarde paseando ou tomando o sol, conseguín que se estivese quieta un ratiño e saqueille unha manchea de fotos, que, sinceiramente, quedaron bastante ben... a cousa é que, no porto, os compañeiros, temos gatiña, aínda que o certo é que a quen máis caso lle fai é a Celso: outra demostración do espilida que é... recoñece o coche de Celso, non sei si pola vista ou polo son, pero verdadeiramente cando aparece el, ela vai correndo ao seu carón. Quen pode non querer aos gatos?

Gatiña 040514 001-2

Gatiña 040514 002

Gatiña 040514 003

Gatiña 040514 010

Gatiña 040514 013

Gatiña 040514 014

Gatiña 040514 016

Gatiña 040514 020

7 de maio de 2014

A vella bicicleta (4)

Aña Urbana Pontevedra 2014 062

Só lle fixo un cambio do orixinal… cambioulle a cor da pintura, e pintouna de vermello, como a bicicleta que tiña a súa muller cando a coñeceu aquel día xunto o gran castiñeiro, porque aquela era a cor da súa lembranza… tanto lle tiña se a súa bicicleta era azul ou verde, esas cores non lle dicían nada, porque para o vello, dende aquel día, as bicicletas tiñan que ser vermellas.

E agora alí estaba, como na fin do interminable círculo, volvendo nos seus pasos, xusto unha tarde de setembro, baixo o vello castiñeiro, o mesmo castiñeiro que o acolleu aquela tarde cando pinchou a roda de atrás e por diante daquel mozo cheo de sucidade pasou unha rapaza loura como un anxo cuberta dunha indiferenza apenas engalanada cun divertido sorriso…

Decidiu que xusto hoxe tiña que ser o día da reestrea. Saíu de casa a media tarde e ca bicicleta da man fixo os dous quilómetros que a separaban do vello castiñeiro porque sabía que xa non tiña anos para subir aquela costa interminable montado nela. E xusto á hora precisa pasou un perna por riba do cadro, agarrou o guiador cas dúas mans e sentou na sela. Logo nervioso, tomou un pouco de aire, soltouno, e así, nun suspiro e cunha única pedalada, despois de tantos anos, botou a andar de novo na súa vella bici lembrando que por moito tempo que pase un nunca esquece como se pedalea.

E comezou a baixar a costa que baixa cara o río, a que pasa xusto ao pe da súa casa, ao principio con inseguridade, con lentitude, cun pedalear temeroso da caída, e logo, segundo ía recuperando a vella confianza, máis alegre, máis enérxico e ao mesmo tempo máis tranquilo… total, que máis tiña se caia ou non, aos seus anos, que máis tiña que vivir? Que lle podía traer de novo a vida que non vivira antes? Como moito as vellas experiencias… así que era mellor deixarse levar polo ritmo, pola costa, polo camiño, polo aire que lle daba na cara segundo ía collendo velocidade e que lle traía aquela vella frescura e a sensación irrepetible de ser novo outra vez.

Xa por fin chega ao final da costa e logo dunha pequena curva o camiño segue río abaixo serpeando entre as árbores e as leiras e prados da ribeira do río que agora baixa amansado polo longo e seco verán… xa recuperará pronto a forza e enerxía dun río novo cando cheguen as choivas do outono, e o vello pensando xusto niso, olla con envexa as súas augas porque sabe que as vidas dos homes si que só teñen un único sentido e nunca, por moito que un poda sentir de novo as vellas sensacións, se pode volver atrás…

Agora o vello pedalea con tranquilidade, sen presas. Quere gozar de cada momento, de cada recuncho do camiño… vai pasando por certos lugares e recoñece neles agochos que ninguén coñecía, que ninguén visitaba, tan só el e a súa muller… e ao pasar sabe que alí, entre os matos están eles dous bicándose, rindo, falando; pasa polas pozas nas que refrescaban as abafantes tardes de verán entre baño e baño e alí están os dous nadando espidos, a súa loura que non para de salpicarlle…; pasa por diante dos prados nos que gastaban interminables horas deitados entre as altas herbas ocultos de calquera mirada allea e pensa que de achegarse alí os atoparía a eles dous soñando abrazados; e por fin olla alá ao lonxe o vello carballo que tantos bicos e noites interminables ten espiado e alí están os dous, baixo a súa sombra, no serán desa tarde, agardando a que chegue a noite para deixar saír fóra a paixón desbocada que os envolve.

E entón, cheo de enerxía, cheo de ledicia o home vello deixase levar por esa vella paixón, pola felicidade do vento na súa cara, e por un segundo cree entrever, ao seu carón, nunha bicicleta vermella con cesto de vimbio no guiador a unha rapaza loura con saia clara e rebeca do azul dos seus ollos, sorrindo fermosa, ca longa melena ao aire, e comeza a rir, a rir sen parar, mentres as sombras do serán van traendo, pouco a pouco, a fin do día.

A vella bicicleta (3)