UA-55725853-1

18 de out. de 2011

Salón de Albarellos

Hai lugares que trascenden á vida de un… Si se pode chamar a Vilagarcía cidade, eu son entón un home de cidade, descendente de xentes de cidade, por que meu pai é fillo de carrilexo e miña nai filla de pontevedreses (ou marinenses, que ven sendo o mesmo). Agora que vivo en Vigo vexo claramente que Vilagarcía non se parece en nada a Vigo e que por moito que aos ingleses nos gusta pensar que vivimos nunha cidade… certamente Vilagarcía non deixa de ser un pobo grande… aínda que tamén é certo… non é unha aldea.

Quizais un puidera pensar que é o mesmo pero un pobo costeiro, por máis pequeno que sexa, como é por exemplo Carril, nunca será unha aldea. E non o digo por desprezo, todo o contrario… E é xustamente iso o que quero indicar… que eu non son de aldea, que eu nunca puiden dicir iso de “ir pasar o fin de semana á aldea” ou “pasar as vacacións no pobo”, nunca…

O meu único contacto era o dos meus avós que ían visitar todos os sábados a uns amigos a unha pequena aldea do concello, e da que traían pan de bola, verduras, leite fresco, e se cadra tamén viño… pero unha aldea dos meus avós ou dos pais dos meus avós, iso nunca existiu na miña vida.

Xustamente o contrario da miña querida muller Lupe, que viviu, ca súa familia, cun pe na cosmopolita Vigo e outro no pequeno Salón, da parroquia de Albarellos, no concello ribeirán de Boborás, lugar que só lembra Vigo polas súas pendentes.

Salón é un pobo colgado de si mesmo nunha ladeira dos montes máis profundos do Ribeiro e con el os seus viñedos, soutos, hortiñas. Salón, posiblemente nome de orixe xudeu, está agochado no lugar onde se atopan dous ríos e os seus fondos e estreitos vales, o Avia e o Viñao, e é como un balcón porque ante Salón, entre os pechados montes cheos de carballos, piñeiros, castiñeiros (e algunha, demasiada, mimosa) ábrese o longo val que baixa ata Leiro, unha pequena ventaíña dende a que se ve, ao lonxe, os altos do Concello de San Amaro.

Salón é tamén un pobo abandonado, polas xentes que por necesidade tiveron que marchar a Panamá, pero tamén polos que quedaron ou os que volveron que fixeron horribles engadidos de ladrillo e estrafalarias casas sacadas de algún barrio de novos ricos.

Pero para min, para o home de cidade que son, é tamén vellas casas arranxadas, estreitas corredoiras… e é o ruído, monótono, fermoso, da fervenza do Viñao, e os opíparos cocidos ca familia política, e a lareira e a cociña de ferro… e a colleita da uva, a lagareta… E moitas cousas que nunca vivín, que nunca souben e que gustaríame vivir, coñecer, aprender.

17 de out. de 2011

Amencer

Despois do soño reparador, cada amencer representa para nos un renacer, un novo e diario comezo. Xa o sabían fai máis de 2000 anos os exipcios, que adoraban a un deus con cabeza de falcón, Amón-Ra, que renacía ca aurora cada día despois de cruzar o inframundo ao longo de 12 terribles horas nas que sempre loitaba e vencía á serpente maligna Apep.

Non sempre é así. A miña costume de deitarme tarde non relaciona a saída do sol cun renacer, máis ben co fastidio de ter que erguerme despois de ter durmido menos horas das necesarias… pero ás veces…

Cando era neno os días empezaban inevitablemente a iso das 8 da mañá e normalmente ao saír de casa o sol xa comezara a súa andaina polo ceo diúrno. Pero había ocasións, máis das que na miña vida quixera, nas que eu tiña que me erguer moito máis cedo, días excepcionais polos que gardo unha sensación que relaciono intimamente ca miña infancia.

Por desgraza para min, de vez en cando os meus problemas de columna, de rinite, de alerxia obrigábanme a ir a Pontevedra cun “volante” para o especialista. Eses días normalmente comezaban cunha pequena representación da familia Campos Coello metidos nun Seat 127 pola PO-531 nas últimas horas da noite. Logo chegabamos a Pontevedra e o frío do amencer e as primeiras luces do día facíanme espertar e entón sentíame fresco, novo… como nun renacemento.

Así na miña infancia e na miña adolescencia, os amenceres eran viaxes: de neno eran viaxes ao médico, a Pontevedra sempre, e logo, sendo xa un adolescente, viaxes de pracer, a Portugal moitas delas. Teño gardado na memoria entre fíos de prata un momento dunha desas excursións: parar a tomar un café na fortaleza de Valença xusto cando empeza a saír o sol Miño arriba. Lembro a sensación daquela tranquilidade, do pausado espertar da fortaleza, da frescura do aire limpo de xente, de ruídos, do doce cheiro do café nas pequenas tazas…

Xa maior a miña relación con Dona Aurora cambiou totalmente: xa non me atopaba con ela os días que me erguía cedo, non, agora atopábaa porque esperaba por ela, esperto, interminables noites de sábados…

Lembro, por exemplo, cando estudaba en Vigo, que os meus amenceres empezaban moitas veces ao saír dun local de Lepanto chamado Planta Baixa, e que o sol nacente iluminaba por igual ao meu ser desfeito pola esmorga e aos homes e mulleres aínda con medio ser na cama que marchaban a traballar. Tal como cantaba Sabina: “Ambiguas horas que mezclan al borracho y al madrugador”.

Lembro tamén, con felicidade e tristeza, moitas noites en Vilagarcía que remataban cun lixeiro almorzo a base de bocata e ración de patacas fritidas, nun bar que nunca durmía chamado Tarifa. Normalmente iamos Marcos, Gunde, Fran, meu primo, e o coitado do David, o irlandés. Lembro como todas as noites David, aínda máis bébedo que nos, liberaba a súa torturada alma de irlandés protestante desprezado por igual polos compatriotas católicos e polos ingleses protestantes, por non ser nin católico nin inglés, contando historias da súa vida que só cambiaban de sábado en sábado en que unhas veces a Raíña era unha mala puta e outras alguén que debía ser salvado por Deus. Lembro que David sempre almorzaba “Bacon and Egs” con cubata e que sempre entrabamos de noite e saiamos de día, co sol aparecendo polo horizonte, facéndome sentir a un tempo canso pero tamén fresco, novo.

Lembro tamén esa sensación cada fin de ano que teño vivido, como si o sol fora o sinal para rematar unha alegre noite de troula, que xa lle chega de tanta festa. En especial un que despois de ir tomar o obrigado chocolate con churros, e xa bastante avanzada a mañá fun a dar un tranquilo paseo polo peirao. Lembro sentirme feliz, satisfeito. E lembro como non, aqueles días que vivín nunha casa en Guillán ou no piso na Compostela, nos que as noites tamén terminaban ao amencer, cun novo sol que quentaba a ría enteira e ao meu canso corpo, que me facía sentir vivo a pesares da noite de bailes, gritos, alcol.

Agora os amenceres xa non significan nada diso para min, agora son para min unha rutina, o momento no que o porto empeza a recuperar a súa pequena actividade diaria de camións, traballadores e coches que van e veñen sen parar, e se cadra, despois de tantos anos de mirar os amenceres dende tantos puntos de vista, é por iso que por fin son quen de aprecialos na súa total beleza.

7 de out. de 2011

Avoa

Durante moitos anos a miña avoa sentaba un metro máis alá, dentro da habitación que non sae na foto, pero ás costas do mundo enteiro, ca mirada perdida nos puntos, nos fíos, nos pespuntes, nas teas, nos ollos de agullas polos que non pasaría nun unha mosca, nas canillas, nos anacos de xiz, nas tesoiras... Eran tempos nos que miña aboa, muller de rabudo carácter só comparable co da miña nai agás pola total falta de tacto e oportunidade, só tiña ollos, fóra da costura, para o meu avó.

Os sons metálicos das tesoiras a cortar, o ritmiño enfeitizante da vella máquina singer que eu diría que aínda traballa…, os silencios atrapados polas agullas entre as teas… as longas conversas con veciñas, amigas, clientas… Lembro en especial cando viña a muller do Comandante… aquela señora de señorial presenza, de bo falar “castellano” pero de indescifrable aceno, que sempre era tratada efusivamente e que todos coñecíamos como a Comandanta… Sempre pensei que era a dona do Comandante Militar de Vilagarcía pero agora que o penso… ao mellor o marido era simplemente un comandante do exército.

Aquel vir e marchar de persoas a todas horas resultaba ás veces pesado, eu desenrolei o vicio de pecharme na miña habitación nas visitas máis insoportables, pero logo un decatábase de que a casa, sen esas visitas quedaba totalmente valeira.

Daquela, a hora na que a luz non daba para seguir cortando e cosendo, cosendo e cortando, marcaba o momento de dar a volta á vida, de enfocala cara o outro lado, cara o exterior, cara a rúa. Entón miña avoa cruzaba a porta ás súas costas e asomábase ao balcón para esperar a volta do meu avó.

Agora miña avoa, viúva, ca vista minguada de tanto perderse nos puntos, nos fíos, nas agullas, pasa a vida unicamente nese lado da porta do balcón. Moito lle gusta (e lle gustou) a ela iso de mirar, dende a distancia, como pasan a súa vida os demais. Outro defecto da miña avoa, ter que enterarse de todo. Supoño que o que facemos na vida é, no fondo, o que somos: ela, que vestiu a tantas persoas na súa vida, que pasou o seu tempo enredada entre costuras, agora entretense cos fíos das vidas das persoas que van pasando por debaixo do seu balcón.

22 de set. de 2011

O inmoral e triste torneo do touro da Vega

Hai un sitio en Castela, en Valladoliz, de cuxo nome non quixera lembrarme pero que debo mencionar para que acabe dunha vez a barbarie que nel reside. É Tordesillas, e nel, cada ano, na honra da Virxe da Peña, celébrase unha salvaxada que eles teñen a ben chamar “EL INMEMORIAL Y FELIZ TORNEO DEL TORO DE LA VEGA”.

Miro as imaxes en youtube da "festa" do touro da Vega e só podo pensar dúas cousas.

  1. Que as galiñas corren con máis estilo que os participantes da "festa" cando escapan pola chegada do “morlaco”. Cando aparece o touro, os participantes botan a correr e aínda que o intentan, non son quen de ir tan rápidos como a súa suposta bravura, coraxe e valentía.
  2. Que a vergoña, a deshonra e máis que nada a covardía pariron abundantemente en Tordesillas, onde só son capaces de enfrontarse ao touro desde o outro lado dunha lanza e na maior parte dos casos a traizón, por detrás. Se eu fose tordesillano renegaría do meu nacemento. Un pobo que celebra un festexo como este, non merece nin a auga do meu cuspe.

Eu non defendo as touradas, todo o contrario, pero ao César o que é do César: hai que ter moito valor para poñerse diante dun touro na area da praza, armado únicamente cun trozo de tela. Eu non me atrevería na miña vida. Pero nesta suposta “festa” que valor hai? Onde está a valentía deses homes que agochan a súa vergoña tras desmedidas picas?

A que non pariu en Tordesillas foi a intelixencia. Nin a compaixón.

Pouco valor poden ter os tan pequenos cerebros das cabezas tordesillanas porque probablemente entre todos os dos participantes e defensores do touro de la Vega non xuntan nin medio.

E iso sendo xenerosos.



18 de set. de 2011

Tonalidades humanas ao solpor

Saes a dar un paseo e chega un momento no que tes que sentar. Non porque chegaras a onde querías ir, se non porque queres descansar ou simplemente porque queres gozar do lugar, da paisaxe. Iso faino todo o mundo, non?

Entón miras ao teu arredor e decátaste de que está todo cheo de lixo, pero non do que trae accidentalmente o vento, caprichoso e voluble, se non do que deixa o home despoís de usar o que había dentro.

Que tonalidades de home fan iso? Supoño que as que pensan que automáticamente alguén vai pasar a limpar, ou as que logo, cando volven ao día seguinte, marchan a emporcallar a outro lado porque o sitio, onde o día anterior miraron tranquilamente o mar ou o solpor, está cheo de merda.

De todos modos vos decatades de como este lixo en particular está asociado a certos hábitos? Os restos das hamburguesas da cadea (alimenticia?) que ten espazo para mercar sen baixar do coche; os vasos para poder beber e logo tirar da marca da chispa da vida?

Vos decatades de que xustamente se nos promove consumir rápido e fácil, sen ningún esforzo e que igual que un vai ao McDonald´s a coller a caixa ca hamburguesa e as patacas deixa os envoltorios por ahí de calquer xeito, sen máis responsabilidade? Vos decatades de que esas marcas e moitas outras gravan a ferro nas nosas mentes unha terrible mensaxe: ti consume, nada máis que iso, que o resto xa o fará alguén?

Que vos parece máis fermoso, a herba mais lixo-baso-de-cocacola ao a herba mais pequena luz?

Non podo entender como pode haber xente tan diferente a min en algo tan básico, que haxa tantas tonalidades de homes en algo tan sinxelo como recoller o lixo despois de tomar unha merda de hamburguesa.

Se temos mans para traer esas cousas tamén as teremos para levalas ata a papeleira que atopamos polo camiño de volta ou ata a que temos xusto diante nosa, a dous pasos, non? Ou será que o consumo de certos produtos atrofia a nosa capacidade de coller cousas cas mans?

Cada día ponse o sol, e debemos pensar que na penumbra ou na oscuridade o lixo que deixamos por ahí non se ve e que as nosas diferencias difumínanse ata desaparecer, pero non é certo porque, contra o fondo adecuado, as nosas siluetas sempre aparecerán diferentes.

Todos queremos lugares fermosos nos que estar relaxados pero non todos nos decatamos de que a responsabilidade de mantelos limpos e fermosos e nosa propia, de cada un, de todos. Seica esa é a diferencia que fai da humanidade o que é: moitos non asumen ningún tipo de responsabilidade, pensan que iso é cousa de outros, que ten que haber alguén encargado de limpar o lixo.

Penso que tamén eu debería aplicarme o conto de cando en vez.

15 de set. de 2011

Divinos cornos

A noite é unha estrela na túa culleriña, señor meu. Revolves o teu café e destrúes planetas, galaxias enteiras, creas supernovas e buracos negros, xogas co alzamento e a caída de civilizacións, cos outros deuses, os meus irmáns… dis ser a divinidade suprema pero non es máis que un crío necio e vaidoso. É o teu castigo máis terrible encerrarme neste infame edén, neste corpo mortal, con ese estúpido home que dis ter feito á túa imaxe e semellanza? Coma se ameazas con pecharme no Tártaro. Goza da miña golfa irmá que eu nunca xamais volverei aos teus divinos brazos.

14 de set. de 2011

Expendedores automáticos

Parece ser que na cousa da invención das máquinas expendedoras os americanos non foron os primeiros, nin sequera os segundos, porque segundo escoitei o outro día na radio, a primeira máquina para servir automaticamente algo foi construída en Alexandría alá polo século I despois de Cristo polo enxeñeiro grego Herón, vamos, que se pode dicir que a inventaron os romanos.

Aquela primeira expendedora automática repartía auga bendita nos templos cando deixabas caer unha moeda por unha fendedura. A moeda caía sobre unha panca que baixaba polo peso da moeda e tiraba da válvula que deixaba pasar a auga.

Xa vedes que hai cousas que non cambiaron en 2000 anos: a relixión sempre promovendo como sacarnos os cartos dun xeito máis efectivo.

A máquina expendedora moderna foi un deseño inglés, alá polo ano 1880, en Londres, para vender tarxetas postais. E xa en 1888, a primeira nos EEUU, que vendía goma de mascar no metro de Nova Iorque.

Estamos xa no século XXI e as máquinas expendedoras venden de todo. Refrescos, comida, prensa, condóns, xeados, vermes para pescar, libros, tabaco, papel de lear, golosinas, froitos secos, patacas fritas, sandwiches, pizza, bocatas quentes, café.

En Xapón hainas que venden ramen (unha sopa), ovos frescos, paraugas, fritangas, flores… ata queroseno e moitas cousas máis. En Amsterdand parece ser que hai máquinas que expenden maría. En Vigo teño mirado nun local que hai baixando do Bocateo para Eduardo Chao, unha máquina que vende consoladores e produtos eróticos… vamos, que hoxe en día nunha máquina expendedora pódese vender de todo. Incluso comprar: xa hai máquinas que recollen vidro ou plástico e devolven cartos.

É o signo dos tempos. Hoxe en día pódese vender calquera cousa, incluso automaticamente. Algún día atoparemos máquinas expendedoras que vendan felicidade, pracer, consolo, evasión, orgasmos… a propia alma ao demo, a integridade moral de cada un…

O que estaría ben sería que as houbese que venderan sentido común, intelixencia, respecto… claro que ao mellor esas non tiñan moito éxito.