UA-55725853-1

10 de xan. de 2015

Por que escribo...

Retoume un xirasol, unha desas fermosas flores altas, grandes e amárelas, desas que teñen fachenda porque atrévense a mirar directamente ao sol, sen medo a queimar os seus ollos, nin a perder as súas plumas e caer, con mortal necesidade, ao mar. Ben, en realidade retoume unha Xirasola, e retoume a dicir porque escribo, porque teño esa teima polo papel, a tinta, os bolis, os teclados, por entintar os meus pensamentos, por crear cousas, historias, mundos que só existen na miña cachola… e eu, sabendo que ela non é Violante, nin eu un Quevedo pensando escribir sonetos, penso, abstraído, si… por que escribo? Pois como sempre que quero contestar a algo así, non son quen de escoller un só motivo, eu son así… necesito varios… varias respostas…

Xirasol

A primeira é fácil, porque me sae de dentro, porque de súpeto nos meus dedos hai unhas palabras que unhas veces aparecen primeiro na miña cabeza e que outras son como borróns que van collendo forma e xeito con cada tecla que pulsan, con cada liña que marcan. E eses días os meus dedos, as miñas mans, parecen moverse soas pero non é certo, as ideas son as que flúen soas dende os miolos ata os ollos. Alí soltan retallos de imaxes invocadas ou imaxinadas e ás veces obrigan a saír bágoas que escoltan, polas meixelas, a esas historias que só buscan recrearse un intre na miña boca, no meu padal, deixar amargos ou doces sabores na miña lingua, arrepíos nos dentes, ou, ás veces un sorriso involuntario. Logo baixan polo colo, síntoo porque pulsan forte a vea xugular, que as leva, nun pequeno desvío, como nunha viaxe imposible, polo corazón. As veces apetécelles viaxar máis e baixan ata o estómago… alí síntoas como bolboretas ou remuíños, pero non se paran moito, volven subir ata os pulmóns cheos de aire, e ao expirar, toman impulso e cólanse polos ombreiros ata os brazos, por onde baixan rápidas atraveso dos túneles carpianos, facendo resoar cada un dos osos do metacarpio como pequenas campás, e saen finalmente polas puntas dos meus dedos.

E tamén a segunda, que é tan fácil como que teño a cabeza chea de historias que contar, historias que me gustaría escoitar, historias nas que gustaríame perderme, que ás veces písanse as unhas as outras e case non teño tempo nin de gardar un simple guión delas porque neses momentos a miña cabeza é a pota a ferver na lareira da miña alma. Xa o dicían os Doors, “Déixame durmir toda a noite na túa cociña da alma, quentando a miña mente xunto ao teu suave forno”.

Tres… porque sempre quixen vivir grandes aventuras, grandes romances, grandes traxedias… son un home apaixonado que viaxei polos mapamundis que atopei na miña vida a falta de viaxar todo o que quixera por meridianos e paralelos. Cantas veces non teño seguido as rutas dos grandes conquistadores, dos grandes aventureiros nos mapas? Cantas veces non teño desexado dobrar o cabo Fornos para gañar o meu aro? Ou atravesar a Amazonía sobre unha “jangada” de madeira? Ou indo máis lonxe aínda… non terei eu soñado con que vivía marabillosas aventuras na illa de Kirrin… non terei imaxinado en cada illote, un castelo abandonado, un barco arruinado nas pedras e unha cova onde agocharme dos malos. Ou, volvendo a tempos actuais, quen fora un gordo editor que decide facer o que lle di o corazón para poder ser por fin libre da súa agobiada e asustada mente.

Porque leo é a cuarta: sempre lin, porque en segundo da EXB non quedou, na biblioteca da clase, un libro sen que eu o lera, deboraba libros igual que deboraba unha barra de pan enteira ao chegar a casa, porque hoxe en día podería perderme entre esas fermosas árbores negras plantadas en brancos campos de celulosa reciclada en papel de libro durante días enteiros e só vivir do sustento desas historias e das migallas de pan do camiño que van deixando atrás os membros da compañía.

A quinta é porque existen outros mundos, outras vidas, outras terras e eu nunca poderei ir a elas. Soño con viaxar a Trantor e a Hyperion, a Illa Misteriosa, a Samarkanda, ou simplemente a Marte, á Lúa, a Troia, ou, por non ir tan lonxe, a Gondor. Quen non gustaría de marchar uns días ao Estambul dos Califas, ou a un máxico New York onde todo pode pasar. Eu morro por coñecer un Londres onde hai un home lobo que cambia de corpo e os magos exipcios fan tratos con horribles pallasos que andan sobre zancos. E se alguén imaxinou todo iso… por que non eu?

E enlazando co anterior ven a sexta razón que é que se cadra é certa esa teoría de que a nosa mente é tan incrible que cada historia que creamos faise realidade en outro universo tan real como é o noso… porque unha pregunta lévame a outra… por que escribo? Porque teño imaxinación. E que é a imaxinación? De onde veñen esas ideas? Que as crea? Acaso deus non pode ser un home de outro universo que nos ten imaxinado? Acaso iso non podería ser tan real como un ser superior que creou ao mundo en sete días?

Sete: por que me peta, por que teño alma creativa, romántica, aventureira, apaixoada, soñadora, esperta, inquieta, activa. Porque non me vale calquera cousa, non me conformo con pasar por aquí e punto, quero deixar a miña pegada: o mundo está cheo de conformismo e así nos vai. Eu quero plantar unha árbore, ter un fillo e escribir un libro. Unha praia faise con cada un dos seus grans de area… e eu son pequeno na inmensidade inimaxinable do universo pero quen di que o que eu fago non pode ser xusto a diferenza entre que unha xigantesca pedra caia ou quede no sitio?

Oito… porque si.

Nove… por que non?

E para o final a décima, que é para min a máis importante, porque sempre mireime como un tipo xigantesco, un bruto, case un mono ou un oso, alguén feo e deforme, que de pequeno quería escribir pero chegaba aos concursos e ás redaccións da clase, e facía cousas que parecían historias na miña cabeza pero que carecían de vida algunha no papel. E de súpeto un día, eu, este tipo peculiar que, segundo dicía un vello compañeiro de facultade tiña dedos que parecían penes (si, digo penes, escribo penes, grito penes, cada vez máis alto), renaceu e colleu un boli, ou un teclado, fixo un blog e comezou a escribir historias… contos… e xa non eran mortos antes de nacer por que eu descubrín que era quen de imaxinar e crear vida. E ese día, ese tipo deixou de mirarse feo e deforme, se non grande, fermoso… vivo.

E ti... por que escribes?

Escribir

A luz que xogaba cas ondas de Cabo Home

Cabo Home

Ese día animeime a conducir o coche para descubrir que a luz estaba a xogar cas ondas que rompían nas rochas desgastadas e romas, arrebatadas, desgarradas polo paciente mar da Costa da Vela. O mar bate nelas día tras día, facéndolles ter a falsa impresión de que son eternas, perennes, infinitas… falsa crenza por que infinita é a paciencia do mar que espera e espera, non ten presa, ten todo o tempo do mundo.

E é por iso que as pedras da costa teñen desprezo do mar porque só miran as gotiñas desprendidas das ondas polo vento mentres escintilan baixo os raios do solpor, e pensan, cegas pola súa fachenda mineral, que o mar é tan só iso, gotas minúsculas, ridículas, pequenas perlas que baten contra elas e que esas gotiñas son ridículas do lado da súa propia grandiosidade. Pero o mar, como o demo, mírase lexión, e rise por detrás, ca boca tapada polo ruxido do bater das ondas, rise porque ten paciencia, que si que é infinita, interminable, sábese ca forza roubada día a día do sol, oculta baixo as súas propias profundidades.

Cando cae o día, co vento rachado do océano, segue a bater unha e outra vez, incansable, non queda sen forzas, e ca alegría que lle trae o sol, volvese de ouro, e cada ola trae a esperanza de mil grans de area arrincados por un millón de pingas de auga, e detrás de cada millón de pingas ven outro millón, e outro, e outro, e outro, un millón de outros millóns de gotiñas de auga salgada que baten e baten contra as pedras, esperanza que vai tardar pero que é real porque o mar sabe algo, coñece un terrible segredo que non conta nin aos peixes nin ás algas, non vaian andar co ruxe ruxe por aí, sabe que algún día esas rochas terán desaparecido, serán area nunha praia amarela, eterna…

E entón o sol baixa por detrás das Ciés, ven o frío que trae o vento do Atlántico, e tamén o ceo vólvese dourado, xa o desexaría para si mesmo algún rei, se cadra o rei Midas, aparecen venus e a lúa case chea, e logo as primeiras estrelas e o veludo negro profundo do universo que as arroupa, e así remata esa parte do día: o único que eu quería era mirar o solpor e fun atopar que o sol estaba a xogar, falcatrueiro, cas ondas que rompían en mil gotiñas douradas, contra as rochas da Costa da Vela, pobres ignorantes do futuro inevitable que lles espera.

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

Cabo Home

4 de xan. de 2015

Bye Bye Love...

Acabouse, por fin. Ou debe ser así ou debe ser así. Non hai outra. E non por ti, non pola esperanza que poda ter, non, por min. Estou ata os collóns. De verdade. Esquecer e deixarte ir. Ti o perdes, que che aprobeite. Como dicía o outro día a Sara… bye bye love, bye bye loneliness, hello happiness, i´m think i´m gonna laught… Mariana, tonta, non sabes como te quero, como te adoro, pero… estou farto de sufrir e todo iso faime sufrir e moito. Moito máis do que sofres ti por culpa miña. E levo así tres meses, tres meses chungos, e agora acabouse, porque quero ser feliz. Non te vou odiar e non te vou criticar. Non, non o mereces porque o que estás a facer o fas por min, non por ti, que a ti tamén te doe, e ti tes a capacidade de separarte, de distanciarte, de non necesitarme nin de botarme en falta, porque por moito que digas, de seguro que me necesitas e me botas en falta, pero ti, ca túa frialdade e a túa mente que controla a túa vida con precisión de máquina es quen de anular eses sentimentos. Eu non, cando quero, quero de verdade e cando me preocupo preocúpome de verdade, eu non son quen, eu quérote e necesítote, e bótote en falta, pero xa non máis porque eses sentimentos fanme dano e moito. Vou esquecerte, síntoo, e vou buscar en outros lares, ten que haber mulleres coma ti a patadas, mulleres que ademais me acepten como son ou que polo menos traten de aceptarme, de seguro. E eu o merezo, as merezo, e non podo perder máis o tempo. Xa non. Síntoo, non quero arrastrarme máis ante os teus tacóns.

Así que Tanxe, Peixiño, a pesares do moito que eu te quero e do moito que te vou agradecer todo, os tres meses do verán e os tres do outono, por cousas diferentes, polo que me tes dado e polo que me tes axudado… bye, bye…

3 de xan. de 2015

2015

Acabouse o sufrir, acabouse o preocuparse e o agobiarme para nada... teño un ano por diante con 365 oportunidades de ser feliz... e vou a por elo. O pasado vai quedar atrás, no 2014 e se quere ser presente, que se decida, pero non vou esperar... aburiño. É o que hai. Quero que 2015 sexa diferente, nin mellor nin peor, tan só diferente.

26 de dec. de 2014

Carta a ese idiota que está dentro do teu corpo

Si… esta vai para ti, para o gilipollas ese que está aí dentro… que non aprendes. Aguántaste, vas ter que escoitar. Tanto dá o que che digan, non hai xeito de que aprendas a facer as cousas ben. Mira neno, en primeiro lugar tes que aprender a quererte a ti mesmo, a respectarte. Non é tan difícil, sabes? Tes unha boa vida chea de cousas boas, tes traballo, tes unha familia que non está tan mal, está na media, tes amigos que te queren moito, tes un montón de coñecidos, es un tipo habilidoso, que canta, baila, que fai boas fotos, que debuxa moi ben, que toca moi ben, que escrebe moooooooi ben, que fai un montón de cousas ben, ata es bastante ben parecido e agora se te está a quedar un corpiño xeitoso… de que tes medo? Porque tes que mirarte sempre tan mal a ti mesmo? Ninguén o fai, tan só ti… e cando ti te miras mal transmites algo que fai que os demais se sintan incómodos.

Escoita tonto, deixa de pensar no resto da xente, pensa en ti, deixa de mirar o móbil continuamente a ver quen se lembra, quen te chama… non pasa nada, a xente non está pendente de ti as 24 horas, teñen a súa propia vida, tal como deberías facer ti… vive a túa vida, goza da túa vida… como o outro día, que fuches a andar en bici polo Galiñeiro ti só e fuches feliz… vaia se fuches feliz, que ben o sei eu. Fai fotos, escrebe, pasea… fai eses cursos que tes que facer.

Non te preocupes tanto por lograr a atención da xente, xa verás que, deixando de agobiar a todo o mundo, eles van a prestarche máis atención. Total, mira, quen realmente non cha presta tampouco é que te interese moito, non? Realmente é así… ben o sabes pailán! Os que te interesan son os que realmente se preocupan todos os días por ti, os que te envían as mensaxes, os que se preocupan de saber de ti día tras día, independentemente de que ti sexas un pesado ou non. Os que non se renden ao momento porque saben que ti, parvo, vales moito máis que todos os teus problemas xuntos.

Sabes o que miro cando te vexo? Un home marabilloso, que sorprende e que fascina, pero só cando logra apartar cada un dos seus medos, e esa ansia por agradar a todo o mundo, por controlar o cariño e a atención da xente. Claro, xa sei, é complicado… todo o mundo che di, fai o que a ti te apetece facer, e a ti o que te apetece facer é saír, ir a tomar un café, ir ao cine, e todo iso facelo con alguén, con outras persoas… ese é o problema. Pois non, aprende a facelo ti só. Non te dás conta de que cando andas buscando xente para quedar o único que fas é arrastrarte? Non, valórate a ti mesmo facendo o que te apetece ti só. Xa verás como pouco a pouco aqueles que te aprecian vanse lembrar de ti, como vas a coñecer xente nova ca que empezar a quedar.

Como xa te teñen dito centos de veces, o que te pasa é que ti tes exceso de pasado, o que che leva á depresión e á tristeza, e exceso de futuro, o que che leva á ansiedade, e cando ese futuro se transforma en pasado e en expectativas non cumpridas, á tristeza. Esquécete dunha puta vez do pasado e deixa de vivir para o futuro. Xa chegará o futuro e xa chegarán as cousas. O que tes que facer é centrarte no presente. No puto presente, que é o único que importa. En escoitar as conversas, en ver o que pasa ao teu arredor, en ser feliz no momento… en coñecer novas persoas…

P R E S E N T E. O único que importa pailán, miñaxoia, parvo…

CALA XA! Si vale, tes toda a razón do mundo… vivo no pasado e mirando con ansiedade ao futuro, non me valoro dabondo, véndome con facilidade e trato de controlar o cariño e a atención dos demais. Nin sequera acepto o meu aspecto. Pode ser… non che vou dicir que non. Pero mira, non son nin pailán, nin parvo, nin miñaxoia, nin tonto, nin idiota… son EDU, e son intelixente, moi intelixente, e sei que fago moitas cousas mal, demasiadas, pero seino, sei dos meus erros, e sei que me gustaría deixar de cometelos, e tamén sei que por cada erro que cometa vou tratar de aprender unha nova lección. Así que, deixa de chamarme parvo, pailán, tonto, miñaxoia, idiota, porque non o son, porque si quero quererme e aceptarme teño que deixar de pensar que son un desastre e que o fago todo mal. E sei que, como a muller que camiñaba sobre os xeonllos no hospital, cada día trato de FACELO O MELLOR QUE PODO!!!

15 de dec. de 2014

Carta nunha botella

Querida Tánxer… en algún momento destes meses quixen volver atrás no tempo, pero non pode ser, e non porque o tempo só corra nun sentido como a auga do río, non, non é por iso, é porque no fondo xa non quero: a miña vida empezou de verdade o día que me dixeches que necesitabas tempo, que non mo tomase á tremenda. Pero eu tomeino á tremenda, e tomei todo o medo do mundo e perdín o pouco que quedaba de min en min. E iso foi bo, porque se un quere atoparse, primeiro debe perderse. E vaia se me perdín. Tanto que te perdín a ti tamén… tiven tanto medo que pensei que nunca máis te atoparía. Ou se cadra por iso tiña medo, porque só era quen de pensar que te perdera para sempre. Agora iso xa non me preocupa.

E por iso gustaríame pedirte perdón, perdón por non respectarte, por non respectar a túa decisión. Pedirte perdón por ser tan lento, por tardar tanto tempo en aprender, en entender. Pedirte perdón por non decatarme do teu espazo e do teu tempo, de que non son meus, de que meu só hai a miña vida e nada máis, de que eu non podo facer nada, de que non teño que facer nada, que ás veces é necesario non facer nada porque son os demais os que teñen que facer algo, que hai que deixar aos demais que fagan cousas. Pedirte perdón por non ter paciencia, por ter medo, por non decatarme de que non son eu o dono da razón, de que non son dono de nada. Pedirte perdón por deixar de escoitarte, por non saber ver que ti só necesitas alguén que te escoite. Pedirte perdón por ser tan estúpido que só quero ver as cousas cos meus ollos, que non me paro a pensar que ao mellor debería ver as cousas cos ollos dos demais. Pedirte perdón por non confiar en ti e menos aínda en min mesmo, eu debería ser a primeira persoa na que debería confiar. Pedirte perdón por propoñerte constantemente, por agobiarte constantemente, por non conformarme con ser o teu amigo. Pedirte perdón por non decatarme de que son o home que non pretendías atopar para compartir o que pensas, o que sentes e moitas aficións, moito máis do que pensarías atopar, e que aínda así me atopaches. Pedirte perdón por non saber vivir a miña vida, por non saber quererme, por ser un neno, por non saber ser o home que precisas, por non saber apreciarme tanto como para que todo saíse realmente ben. Por non saber esperar a que ti me buscases. Pedirte perdón por deixar que o pasado controlase a miña vida e por pretender ser un adiviño que coñece o futuro, no canto de centrarte en cada bo momento do presente. E xustamente por iso, pedirte perdón por todo o que teño perdido de gozar nestes meses ca muller máis marabillosa que teño coñecido nunca. E definitivamente, pedirte perdón por ser un controlador, un manipulador… por non ser comprensivo. Por ser tan egoísta. Por ter perdido o norte e a miña brúxula, por terme volto un tolo desesperado que non podía esperar, que non podía agardar o tempo que ti precisases e tomarse o seu propio tempo para gozar da súa propia vida. Por non valorarte de verdade.

Ogallá algún día me perdoes e volvas a confiar en min, porque a miña vida empezou cando te coñecín.

11 de dec. de 2014

Carta aos meus queridos pais

Nai e pai, na miña vida aprendín a depender de todo o mundo. De vos, dos amigos, de Mariana. Aprendín a facer cousas para conseguir cariño, a ter medo porque non lograba os meus obxectivos, porque a pesares do que facía a xente acababa por fuxir de min… porque claro, se manipulas á xente para lograr que te amen, que te acepten, haberá quen sexa máis dependente do que son eu e que se sinta ben nesa situación de manipulación emocional como foron certos casos, pero a maioría fuxirá. Ou me coñecerá tan ben e de tanto tempo atrás, ou terá tanta paciencia, infinita, que aguantará.

E logo está o feito de querer caerlle ben a todo o mundo que me facía non ser eu. Así que aquí estou agora, só, tratando de aprender a quererme a min mesmo, de aceptarme, tratando de disfrutar de min mesmo e da miña soidade. E síntome mal, teño medo de perder definitivamente a Mariana, teño medo de perder aínda máis amigos, e do que máis medo teño é de non atoparme a min mesmo, de non ser quen de saír deste burato que ás veces non parece ter fondo, de perderme a min mesmo definitivamente. Teño medo si, pero non estou paralizado.

Estou loitando día a día contra todo iso.

Así que nai, pai, sei que non o fixéchedes por mal, que o fixéchedes o mellor que sabiades, que podiades, e por iso non me importa. Perdoaríavos se houbese algo que perdoar. Pero non hai ofensa así que non hai que perdoar nada… por outro lado, o resultado, que son eu, no fondo non está tan mal, máis ben todo o contrario, tendes un fillo maior que no fondo é admirado e querido por moita xente.

Quérovos moito.

10 de dec. de 2014

O meu día da marmota

Non podo deixar de identificar ca película que debería titularse en España O día da Marmota, pero que aquí lle puxeron un horrible título que me nego a mencionar. Un home atrapado no tempo ese preciso día do dous de febreiro, un home que se chama igual que a marmota, Phil, e que tamén, igual que ela, non vai deixar atrás o inverno da súa vida ata que non deixe de mirar a súa propia sombra.

Non vou dicir que sexa ese Phil, porque non son tan capullo, nin tan fachendoso, nin tan egoísta, e nin sequera teño tanto éxito cas mulleres, de feito non teño ningún. Pero eu en certo modo vivo o meu propio día da marmota, porque non fago máis que ver a miña propia sombra, como si me asustara dela, e non salgo do meu propio inverno. Cada día levántome e volvo para o tobo. Eu tamén son un desastre na miña vida, nunca fago nada ben, sempre leándoa, sempre cometendo erros, uns tras outro.

A miña vida non é un día que se repite unha e outra vez, pero case, porque os meus días son similares os uns aos outros, sempre os mesmos erros, os mesmos esquemas, as mesmas teimas, unha e outra vez, ata incluso chegar a pensar como o pobre do Phil, o home, non a marmota, no máis tráxico final para unha vida, o suicidio.

Claro que para Phil, de súpeto aparece unha muller, unha desas que o cambian todo (sei que debería dicir unha persoa… porque é así, realmente é unha persoa), porque coñécea como se fora cada engurra da túa man e entón pensa que non hai ninguén igual en todo o mundo, que non hai outra muller como ela, aínda que iso non é totalmente certo, porque de seguro que as hai mellores, tamén peores, pero tanto ten, porque ela ten a calidade de que xustamente os seus ollos están polarizados para a súa luz. E entón Phil decátase de que non pode tela, e entón tolea, porque é imposible, por moito que faga, por moito que se mate, non deixa de ser un capullo, un neno cando ela tan só necesita un home de verdade, alguén que a escoite, que a mime, pero que non a asolague cos seus propios problemas.

Agora vexo que no fondo non son tan diferente del, que en certo modo son Phil, porque teño tido cada un dos días dos corenta anos da miña vida para vivir como quixen, para facer as cousas ben e as fixen mal. Porque tiven os 90 días deste verán para facer as cousas do xeito correcto, e, a pesares de que non as fixen mal de todo, volvín a cometer erros. Porque se me están dando centos de oportunidades e eu cágoa unha e outra vez pero tamén para aprender, para corrixir, para facer as cousas por fin e definitivamente ben, como se cada día da miña vida nos últimos meses fose un día repetido que empeza unha e outra vez ca música de “I´ve got you”. E non só iso, xa se me deron centos de oportunidades, e a pesares diso, aínda que pareza mentira, estánseme dando moitas máis, porque, por sorte, ela é a muller das oportunidades. E ata que non te decatas do erro principal os vas a seguir cometendo, porque ese é o problema: o erro non é tratar de non cometer erros mentres tratas de conquistala, ou tratas cos demais, o erro é non decatarse de que fagas o que fagas, mentres sigas a estar pendente da túa propia sombra, non vas saír do inverno.

Porque ao fin, do que se trata é de estar presente, de gozar cada un dos días, independentemente do que vaia pasar mañá, e como non, de vivir por un mesmo, non para os demais, que iso non quere dicir que os demais non importen, porque si que importan, claro que importan, pero non dese xeito egoísta: que importen polo que son, non polo que esperas conseguir deles, facendo as cousas por que a un lle apetece, non porque lle interese, e para os demais. Por que primeiro un ten que quererse a si mesmo, e logo todo ven detrás.

Porque ao final todos quererante non polo que es, se non polo que fas. Porque si dúas persoas están destinadas a quererse e a compartir a súa vida, non fai falta facer nada, absolutamente nada de nada, agás, esperar e ser un mesmo. Non tes que tratar de convencela de que es o mellor, de que es perfecto, porque ela xa o sabe. Tan só tes que ser ti, agás, se fose necesario, aprender antes a quererse un mesmo.

Sei que algún día levantareime pola mañá e direi “Algo é diferente” e ti dirás “Ti dixeches ‘quédate’ e eu quedei”, e non porque eu te obrigase, se non porque ti quixeches, porque o desexaches. Seino, igual que sei que no meu peito, no lado esquerdo, late, con forza o meu corazón. Sei que algún día non mirarei para a miña sombra, erguerei a cachola, e xa será simplemente a miña cabeza, e entón para min terá rematado o inverno. Como para Phil.