UA-55725853-1

18 de nov. de 2011

Cudillero

Co galo da viaxe a Asturias polo encontro de pandeireta aproveitamos e fixemos un pouco de turismo, incluso gastronómico.

Os larpeiros da TVG quedarían satisfeitos ca nosa comida en La Barrica, sidrería de Vegadeo, moi recomendable, cun menú do día a golpe de sábado por 12 €. Fabada e carrilleras, ou  carrilanas como alguén lle decía, ata fartar. Un local moi agradable e familiar na Rúa Taramundi, 25, en pleno centro de Vegadeo.

A costa asturiana, polo menos a parte que eu coñezo é unha costa abrupta na que é necesario aproveitar os poucos espazos que a natureza deixa para levantar  asentamentos. E esa é a peculiaridade da vila de pescadores, e de mineiros polo que parece, de Cudillero. Observando a estructura serpentina do pobo faite pensar nun río que deu atopado o camiño máis brando entre a dura pedra asturiana para abrirse camiño ata o mar pero non sen voltas e reviravoltas.

Cudillero. Dende o porto podes acceder á parte máis alta do pobo por un longo túnel que debe ser unha especie de desaugue porque por el baixa un regato. É como un atallo para chegar ao porto sen ter que percorrer o pobo enteiro aínda que eu diría que tamén serve para que o regato non baixe polo pobo cando chove forte.

A saída do túnel está nunha estreita rúa que vai facendo eses cas casas ao seu lombo. A primeira impresión é pobre: edificios negros do fume dos coches, igualiño que Pontevedra fai 10 anos, porque segundo parece, ata non fai moito, só había unha estrada para entrar e sair do pobo.

Pero máis abaixo a rúa faise máis peatonal, cambian os edificios en casiñas de vivas cores e a estreita gorxa ábrese nun natural anfiteatro co galiñeiro coroado en verde, co mar arrolando aos barcos de pesca no escenario que é o recollido porto.

Fora desa rúa principal, Cudillero é estreitas rúas con minúsculas escaleiras, pequenas solainas a diferentes alturas, e redes colgadas de aparellos para secar ao sol, recunchos rodeados de fermosos acantilados e unha praza principal ateigada de terrazas de encantadores restaurantes e cafeterías.

En certo modo lémbrame a Malpica pero dada a volta: Malpica colga as súas casas dunha lingua de terra que entra no mar desafiante, como na cara de fóra dunha luba; Cudillero, como o negativo do molde que fixo a Malpica é o seu reflexo no lado interior da luba, tamén con casiñas colgando unhas enriba das outras e redes, barcos de pesca e a brabura do mar ás portas, pero para adentro, acollido no seo da terra que o protexerse do mesmo e terrible mar.

Ningún comentario :

Publicar un comentario