UA-55725853-1

2 de nov. de 2011

Encontro en Asturies–Ida

Soa de banda sonora da miña vida Quempallou mentres escribo estas liñas sobre a fin de semana pasada que nos levou, co galo do XI Encontro de Pandeireta Galego-Asturiana, a recorrer media Galiza e Asturias en dous días, amais dun sábado noite festeiro e de poucas horas de soño.

Como pasa o tempo, aínda parecera que foi onte cando fóramos a aquel encontro nos Ancares, rodeados de neve, nun pequeno albergue alá na Degrada. Daquela a viaxe de ida non dera para moito, apenas chegar a Degrada e logo facer unha pequena visita ao Piornedo máis un intento de subir ao Porto dos Ancares, intento que rematou con traballiño para por as cadeas ás rodas e guerra de bolas de neve. Desta volta foi moito máis aproveitada, ata houbo café no archifamoso “Rei das tartas”, cun soliño no praza da Catedral de Mondoñedo que tiñas gañas de non te mover dalí en toda a mañá.

Con todo para min, para Lupe tamén, foi unha viaxe de primeiras visitas, empezando por Mondoñedo e a súa catedral, escuro espazo cheo de pinturas e fermosos xogos de luces na pedra. O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e famoso polas esculturas de Mestre Mateo. O da de Mondoñedo polo seu rosetón que só apreciable na súa beleza dende a morna escuridade do interior.

Realmente si os que construíron a catedral esperaban que os fregeses mindoneneses alcances un maior achegamento a Deus co deseño do interior ben sabían o que facían, eran verdadeiros expertos, con esas vidreiras que xogan cas súas luces nas paredes tinguindo a fría pedra de amarelos, de cobaltos, de laranxas… xogos de cores e brillos para elevar o espírito.

E Mondoñedo tamén é cerne de ilustres galegos, como Manuel Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga e os seus compases do himno galego, e como non… Don Álvaro Cunqueiro e o seu fantástico universo. Tan fantástico como unha vella casa esquecida no tempo e que pouco a pouco foi facendo que caeran paredes, teitos, lembranzas… quen esquecería levar os paraugas? Acaso pecharían por última vez a porta da casa un abafante día de verán?

En Mondoñedo está tamén, por certo, a Ponte do Pasatempo, ponte que lembrará o Mariscal Pardo de Cela alí onde fora, ceo ou inferno. Parecer ser que o pobre mariscal fora condenado a morte polos Reis Católicos por un conflito co Bispo de Mondoñedo, aínda que en realidade a cousa parece ser que tivo máis que ver con que o mariscal apoiaba a lexitimidade de Xoana a Beltranexa fronte a opción de Isabel a Católica. A lenda conta que a súa dona conseguiu o perdón real, pero homes do bispo retiveron aos emisarios portadores do perdón (ou a propia muller do mariscal) nunha ponte de Mondoñedo, polo que o perdón non impediu que a cabeza do mariscal rodara polo chan da catedral de Mondoñedo con gran pesar do seu portador.

A seguinte parada da viaxe foi na primeira catedral da nosa terra galega… San Martiño de Mondoñedo, preto de Foz, antiga Sé Episcopal que foi trasladada a Vilamaior do Val de Brea en 1112 pola Raíña Urraca tranformándose así na moderna Mondoñedo.

Foi construída entre o século IX e o XI polo que é a catedral máis antiga de España, cun claro estilo románico e uns interesantes… non sei como se chaman, apoios para os aleros do tellado. Son todos diferentes, algúns son cabezas de animais (un lembra a rá Gustavo), caras, figuras humanas, figuras xeométricas irreconocibles… e, como se pode ver na foto que sigue, unha parella mantendo relacións sexuais…

Podedes miralo? o de arriba parece unha cabeza de año e o outro tamén pero cun certo parecido ao verde reporteiro “dicharachero”.

Ningún comentario :

Publicar un comentario