UA-55725853-1

18 de nov. de 2011

Será presidente...

Sr. Rajoy, supoño que vostede nunca terá o aquel de ler esta carta miña pero iso tanto me ten. É un desafogo meu despois de tantos días de desacougos, de enfados, de sentir que mexan por nos e queren facernos crer que chove… así que tanto me ten si a le como si non.

Mire vostede, xa pasou o tempo das ovelliñas mansas que se deixan pastorear por calquera que teña un bo can. Pode ser que o pobo aínda non espertase de todo pero as ovelliñas xa non pacen tranquilas, xa teñen as orellas atentas, que xa fai algún tempo que o vento do norte lles trouxo o cheiro do lobo, xa saben que o que chove non é nin siquera Sidra El Gaitero.

Posiblemente sexa vostede o próximo presidente do goberno… ou non, que cousas máis raras teñen pasado, pero voulle dicir unha cousa, eu non me alegraría de estar na súa pel. Porque, non sei, despois de mirar a súa foto do mintin de Valladolid do outro día, vostede deixándose levar por unha inusual euforia, a saltiños de home que xa se ve victorioso, dáme por pensar que vostede ve isto de chegar a ser presidente como unha especie de reto persoal, como unha especie de xogo… alguén que leva ansiando algo moito tempo.

Espero que non sexa así, porque, pode ser que vostede teña xa uns bos aforros despois de tanto tempo mamando do teto da cousa pública e que non lle teña medo á crise porque, se goberna, terá un bo soldo vitalicio o día que se publique o seu cesamento no BOE, e ademais no fondo, xa fai tempo que aprobou as oposicións de rexistrador da propiedade, xa pode afundir españa enteira no océano Atlántico; pero a cousa é, penso que xa o sabe, que os milleiros de españois que non están na súa situación ou na deses banqueiros que esperan que vostede goberne como auga de maio, non poden permitirse catro anos cun presidente do estado falto de ideas, de carisma, só movido pola ansia persoal de lograr coller o tarro das galletas no alto do armario.

Porque si vostede pensa que vai gobernar por méritos propios vai enganado: si é elexido será pola incompetencia do goberno anterior; si vostede pensa que vai gobernar polo bo político que é vai enganado, porque ninguén ten boa opinión de vostede, nin no seu partido; si vostede pensa que vai gobernar porque a xente pense que vai ser mellor que Rubalcaba vai enganado: vai gobernar porque a xente está tan desesperada que pensa que cun cambio de partido político xa está todo arranxado.

Porque, e xa remato, desta volta non vai haber fórmulas máxicas como no 96 cando empezou, con vostede como Ministro das Administracións Públicas, a burbuxa inmobiliaria, o boom da construcción. Non vai haber ladrillo para sacar do paro a 5 millóns de españois. Porque os mercados non van deixar de ser implacables ca débeda española só porque vostede goberne. Porque vostede non é Moisés nin vai lograr que aparezan regatos de diñeiro en efectivo para reactivar a economía a golpe de vara no asfalto da Castellana.

Así que vostede saberá o que fai, porque mire, eu nas portas do luns 21 xa miro un letreiro que di “Os que entren aquí perdan toda esperanza”, e porque, pense un pouco, está aquel refrán “Malos virán que bo de ti farán” e xa sabe cal é a opinión que ten a maior parte dos españois do aún presidente Zapatero.

Rajoy I de España

Ningún comentario :

Publicar un comentario