UA-55725853-1

15 de nov. de 2011

Vigo en Alta Definición

Non lembro a primeira vez que fun a Vigo pero si me preguntan sempre contarei como observaba as costas dos edificios da rúa García Barbón dende a saída da autopista mentres esperabamos pacientemente polo final, o principio realmente, da caravana que sempre se formaba cando nos íamos a Vigo no noso Seat 127; ou falarei das escaleiras mecánicas e do mundo interior sen xanelas do Corte Inglés. Pensade que daquela, cando eu era neno, moi neno, as escaleiras mecánicas eran un estraño artiluxio pouco frecuente que sempre que as usaba dábame por pensar que si non me baixaba a tempo sería engulido cos chanzos baixo a ringleira de afiados dentes.

Por iso sempre que penso na miña primeira lembranza de Vigo, penso no paseo que din o primeiro día de vida universitaria. Aquela tarde o único que me apetecía era aproveitar a miña recentemente gañada liberdade paterna e coñecer a cidade camiñando dun lado para outro, por que... unha das mellores cousas da vida e a primeira vez, a sensación que produce a novidade.

Samil sería o destino, porque é deses sitios emblemáticos que a xente nomea cando é o único que coñece dunha cidade, como a Porta do Sol de Madrid ou as Ramblas de Barcelona. Mirei nun mapa que bus podía coller pero, non sei por que, as únicas liñas que atopei pasaban por beiramar así que baixei toda a Rúa Coruña, e diante do estaleiro Barreras púxenme a esperar... pero chegou antes a choiva que o bus, unha tormenta de outono como as que están a caer estes días só que aínda era setembro ou outubro, desas que en poucos minutos cae a auga que debería ter caído no día enteiro.

Votei a correr na procura de agocho e máis ou menos á altura de Peritos pensei en meterme nun portal pero o certo é que de aquela xa estaba tan mollado que tanto tiña mollarme aínda máis así que seguín a camiñar ata chegar a Tomás Alonso e logo crucei Lopez Mora e subín por outro lado ata atopar a Rúa de Chile e logo atopei Camelias e seguín camiñando ata Hispanidade, cada vez máis arriba, sempre subindo, e cando me din conta estaba a pasear polo Castro, pola fortaleza…

De súpeto, sen buscalo, ante os meus ollos abríase aquela cidade que representaba para min todo o meu futuro, aínda que eu aínda non o sabía, como un pequeno sinal da miña vida próxima e sentíame ben. De algún misterioso xeito cheguei ata o Castro, sen querer, para ollar a cidade que agora, vinte anos despois, é a miña casa.

Comecei a baixar sen saber moi ben a onde ía, guiado polo meu sentido da orientación, pero descoñecedor de que estaba totalmente perdido, mentres o día caía pausadamente. Pero aquel era o día das casualidades e cheguei a Rúa da Hispanidade (de novo), logo ata a a Rúa Barcelona (ou unha das paralelas), logo ata a Praza da Independencia e finalmente a Camelias e Praza América. Podendo ter acabado en calquera sitio de Vigo, sen querer, acabei por coller ben o camiño.

Hoxe en día, ollo Vigo e tírolle fotos dela dende A Guía, pero daquela, a principios dos noventa, para ollar a cidade que me tiña acollido subía ao Castro pero despois de esta primeira vez sempre coñecía o camiño polo que tiña que ir.


Ningún comentario :

Publicar un comentario