UA-55725853-1

19 de mar. de 2012

Conxunción

Sigo empeñado en demostrar o pequenos e ridículos que somos comparados ca inmensidade dos planetas, do universo, en demostrar que probablemente non sexamos nada fóra do noso guixarro, en demostrar que deberíamos deixar de mirármonos tanto o embigo e mirar máis para as estrelas, porque de seguir así probablemente nunca sairemos da Terra.

Estes días está a acontecer un pequeno fenómeno astronómico a nivel local (si, pódese considerar a inmensa distancia da que falo, que a nosa mente non é capaz de imaxinar nin de comprender, como un fenómeno local), que é a conxunción entre a Terra, Venus e Xúpiter, fenómeno que pode mirarse perfectamente polo serán e ata ven entrada a noite se mirarmos para o oeste.

Eu xa fai tempo que veño observando como os dous planetas vanse achegando pouco a pouco porque, son moito de mirar para o ceo, o oeste é para onde miro cando saio de casa, pero non foi ata o outro día, que o lin na prensa, que me decatei da conxunción. A cousa é que este sábado pola noite, a Terra, Venus e Xúpiter (ao outro lado do sol) atopábanse ao mesmo tempo nun tubo de tres grados de grosor… ou, considerando a inmensidade do universo como un factor simplificante, na mesma liña.

De feito, se mirades para o oeste a estas horas da noite (son as dez e media pasadas) e levantades un pouco a cabeza, veredes dous corpos moi luminosos no ceo, un máis que o outro, moi achegados e que non centellean. O máis brilante é Venus e o outro Xúpiter, o maior planeta da Vía Láctea. Miralos xuntos da unha idea do descomunal tamaño de Xúpiter: entre Venus e Xúpiter hai uns 730.000.000 km de distancia (km arriba ou abaixo), pero Xúpiter é 12 veces máis grande que Venus. Venus está moi preto da Terra e por iso moi ben no ceo, e é por iso que a pesares da distancia, Xúpiter loce no ceo case do mesmo tamaño que Venus.

A cousa é que onte púxenme a mirar as estrelas nunha interesante app de android chamada Google Sky Map, e descubrín outra casualidade… que tamén hai unha conxunción entre A Terra, Mercurio, Urano e o Sol. Claro que esa non será posible mirala a simple vista… a luminosidade do sol impide ollar aos dous planetas xuntos no ceo.

Nesta captura da app do meu móvil podedes ollar o preto que están os planetas. Venus e Xúpiter por un lado, baixo a constelación de Aries, e Mercurio e Urano polo outro na de Piscis.

Os planetas danzan no ceo e nos, na terra, non lles facemos nin caso pensando que os nosos problemas son realmente importantes.

Ningún comentario :

Publicar un comentario