UA-55725853-1

29 de maio de 2012

O Barril do Amontillado

Érase unha vez un home, en Venecia, pero podería ser en Madrid ou mesmo en Ourense, que estaba canso e que só ansiaba vingarse de aquel que lle destrozara a vida así que ideou a mellor vinganza imaxinada… polo antroido invitou ao seu inimigo á súa festa e cando xa se deixara levar un bo camiño polos aires dos mellores viños invitouno a probar o seu caldo máis exquisito… un amontillado que gardaba nun barril no máis fondo da súa bodega.

O home, que aceptou a invitación sen dubidar, porque, aparte de mala persoa era preguiceiro e larpeiro, só podía pensar no delicioso viño mentras camiñaba ao carón do seu anfitrión cada vez máis abaixo… o amontillado necesitaba oscuridade e humidade, de todos era sabido.

Ignorante do seu futuro o home por fin achegouse ao barril do amontillado e emocionado e borracho como estaba case nin se decatou de que era encadeado ao muro daquel profundo souto. Só empezou a ser consciente da súa situación, cando o seu anfitrión, no canto de abrir o barril, empezaba a levantar un muro diante del, e tan só, cando apenas quedaban catro ladrillos, empezou a gritar coñecedor de que tiña toda a eternidade para desfrutar do amontillado.

Non digo eu que haxa que facer como o terrible vingador da historia de Allan Poe, pero non empezades a pensar que todo isto da crise é unha brincadeira inmensa? Non vos gustaría ver a algún responsable encadeado e pagando polos desfalcos, polos roubos, polos enganos? Mentras toda esta panda de mangantes, dende Camps ata Rato pasando polo xuíz ese que tanto gosta de Puerto Banús, gozan da súa liberdade e dos seus cartos, outros como Javier Krae ou diferentes sindicalistas e manifestantes que tan só protestaban polas liberdades e os dereitos de todos, ven como unha posibilidade real pasar varios anos no caldeiro.

E a nos o único que nos move a sair á rúa son o Madrid, o Barça e o Depor. No fondo tamén nos deberiamos ir emparedados cos outros e co barril do amontillado porque é o que nos merecemos por imbéciles e crédulos.

Ningún comentario :

Publicar un comentario