UA-55725853-1

14 de xuño de 2012

Eu son mariñeiro...

Nunca poderei dicir que me arrepentirei de terme unido ao Coro Mariñeiro do Casco Vello. Supoño que é un sinal do paso do tempo que cada vez gústeme máis o canto en grupo, o canto coral, un feito que me achega cada vez máis aos meus pais, os dous moi metidos no mundo do canto polifónico dende fai anos. Non é totalmente certo isto... xa nos anos de festas universitarias interminables (e nas que non eran universitarias pero si interminables) gustaba de botar algún canto cando os aires alcólicos empurrábanme a expresar a miña euforia cantando.

Naqueles tempos descoñecía eu as letras da maior parte das cancións, case todas tradicionais, pero coñecía as melodías porque llas escoitara cantar aos meus pais cando era neno ou preadolescente: na miña estupidez consideraba que aquelas cancións e aqueles cantos dos meus pais e os seus amigos eran un "coñazo" e trataba de fuxir delas como fume de carozo (que parviño era, non sabía que logo, pasados os anos, serían elas as que fuxirían de min).

Por sorte, o sentido e o bo gusto medrou en min co paso dos anos e agora teño a sorte de poder aprender de outros as cancións que, de ter prestado un pouco de atención, podería ter aprendido dos meus pais e dos meus avós. Por iso aínda agradezo máis pertencer a este Coro Mariñeiro do Casco Vello e poder gozar de pequenos momentos como o que se reflexa nesta foto do pasado sábado cando estabamos a actuar na Festa de Fin de Curso do Casco Vello. A cousa é que cando cantamos todos xuntos eu teño a sensación de que primeiro o facemos para diversión nosa... e que consecuencia transmitimos a mesma sensación aos demais, e iso, para min, é algo marabilloso.

Ningún comentario :

Publicar un comentario