UA-55725853-1

7 de xuño de 2012

O Xogo da Arbitrariedade

“-Que fan? –murmurou Bastián-. Que clase de xogo é ese? Como se chama?

-É o xogo da arbitrariedade –respondeu Árgax. Fíxolles sinais aos xogadores e gritou-: Bravo, rapaces! Adiante! Non vos deteñades! […]

[…], si se sigue xogando cen anos, mil anos, cen mil anos, con toda posibilidade sairá unha vez, por casualidade, un poema. Y si se xoga eternamente terán que xurdir todos os poemas, todas as historias posibles, e logo todas as historias de historias, incluída esta na que precisamente estamos falando. É lóxico, non?

-É horrible –dixo Bastián.”

A Historia Interminable, Michael Ende.

Lembrades este marabilloso libro? Eu téñoo lido unhas cantas veces e máis que o lerei porque para min e unha das máis grandiosas historias xamais contada.

O certo é que non vou falar realmente del nesta entrada porque este vai ser outro artigo onde descargar toda a frustración que me causa a crise. Simplemente quería usar un dos capítulos do libro, aquel no que un pobre e desmemoriado Bastián Baltasar Bux, xa heroe salvador de Fantasía, atopa un grupo persoas tirando, ao azar, dados cunha letra en cada cara, como pé para a miña reflexión.

O Cicerone de Bastián, o mono Árgax, cóntalle que esas persoas, agora tolos, antes emperadores de Fantasía, están a xogar ao Xogo da Arbitrariedade porque xa non saben narrar, porque perderon a linguaxe. Tiran os dados eternamente ata lograr que as letras formen algunha historia lexible.

É o que se coñece como o Teorema dos Monos Infinitos: si un infinito número de monos mecanografaran por un intervalo infinito de tempo producirían texto lexible.

“Si o mono puidese pulsar unha tecla cada nanosegundo, o tempo esperado ata que escribise Hamlet é tan grande que a idade estimada do universo é insignificante en comparación... Este non é un bo método de escribir libros.”

Gian-Carlo Rota

Algo parecido pasa co goberno do Estado Español… se tivésemos un número infinito de Marianos Rajoy e de Marías D. de Cospedal pensando á vez durante un intervalo infinito de tempo con toda probabilidade serían quen de dar ca solución á crise?

Ca bolsa en mínimos históricos, a prima de risco disparada, os bancos afundidos, o paro disparado, os soldos e os dereitos dos traballadores baixo mínimos, a moral desaparecida, sen unha clara solución, o malo non é que estamos moito peor do que estabamos o ano pasado, o malo é que aínda podemos estar moito peor.

Tal é para min a magnitude da incompetencia dos que nos están a gobernar: Mariano e “troupe” eran os super heroes patrios, os salvadores dos parados e dos sen teito, os vingadores da economía nacional, e resulta que, case medio ano despois, andan tan perdidos (ou se cadra incluso máis) que Zapatero nos seus mellores momentos, como os habitantes da Cidade dos Antigos Emperadores.

Non vos da a impresión de que agora mesmo Rajoy está facendo como o neno que para pasar un castigo ou un mal trago decide deixar pasar o tempo durmindo na súa habitación?

Cada día que pasa afánanse máis e máis por demostrar a súa incapacidade: esperar por que eles dean ca solución a este despropósito é desesperar. O infinito é demasiado tempo e empezo a pensar se un mono non o faría mellor.

Ningún comentario :

Publicar un comentario