UA-55725853-1

4 de dec. de 2013

Liquidación

En Vilagarcía, de toda a vida, a lo menos da miña, a chegada do nadal non o marcaba o acendido das luces da rúa se non o belén do establecemento de mobles "Galerías Eduardo". En canto quitaban o papel que ocultaba como as figuriñas ían chegando paseniño dende recónditos lugares despois de peregrinaxe anual, a peregrinaxe tocáballe aos vilagarciáns cos seus nenos collidos da man, nenos, eu ben o sei, algún día fun un, que quedaban pámpanos mirando as figuriñas unha a unha sobre todo as que tiñan movemento, mirando as novas adquisicións, mirando como xiraba a roda do muiño, xogando a buscar como se levase gorro e bufanda de raias vermellas e brancas ao cagón do belén (normalmente estaba preto do río) e como, lentamente as figuras dos Reis, máis grandes que as outras, non sei por que, íanse achegando día tras día ao neno no seu cerne, mentras calculaban o lonxe que aínda estaban os Reis Magos do seu destino final como unha especie de conta atrás para a chegada do día de Reis e os desexados regalos...

Aínda agora segue a montarse o belén de Galerías Eduardo, cada ano máis grande... pero quen sabe se o ano que ven pasará igual que nos últimos 40 anos... porque o vello negocio de mobles está en liquidación por xubilación. Nada raro hai nelo... o mesmo pasa en toda España chea de negocios en liquidación que van pechando un tras un, non só os novos negocios de loitadores parados desesperados por tratar de gañarse a vida, tamén os vellos, os que acompañaron as nosas infancias e prácticamente as nosas vidas.

En Vilagarcía pecha este negocio por xubilación pero media vila está xa pechada por desesperación. Igual que no resto do país, igual que España enteira: Españistán está de liquidación... e con ela, e con todos eses negocios que pechan, cos novos... cos vellos... cos seus beléns e as súas luces, os soños dos seus donos... e tamén, como non, os nosos soños de nenos.

Ningún comentario :

Publicar un comentario